From Wikipedia, the free encyclopedia
O Andros Patria foi un petroleiro grego sinistrado cando navegaba fronte ás illas Sisargas, o 31 de decembro de 1978. Transportaba 210.000 toneladas de cru, das que verteu ao mar 50.000 provocando unha marea negra que afectou todo o litoral norte de Galicia, entre Caión e Ribadeo, cunha incidencia especial en Valdoviño, ría do Barqueiro e Burela. Morreron 34 dos seus 37 tripulantes [1][2].
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
O barco fora construído en 1970. Tiña unhas dimensións de 323,71 metros de eslora e 48,21 m de manga, e unha capacidade de 99.470 toneladas de rexistro bruto. Era propiedade da Oceanic Oil Transport Corporation de O Pireo e navegaba baixo bandeira grega.
O 31 de decembro de 1978, ás 9:30 am, durante a súa travesía de Irán a Rotterdam, cando se encontraba a unhas 30 millas das Sisargas, á altura de Malpica de Bergantiños, sufriu un golpe de mar por mor dos ventos de noroeste con forza 9, con velocidades que acadaban os 80 km/h, que abriu unha fenda duns 15-20 metros á altura do tanque nº 3 e comezou a verter a carga. A seguir sufriu unha explosión que deu paso a un incendio no barco. Ás 21:20 horas, o capitán ordena abandonar o barco.
Cando se logrou sufocar o incendio, na madrugada do 1º de xaneiro, o armador contratou os labores de salvamento ós remolcadores Thiphoon e Loodzee. Cando se conseguiu apagar o lume e estabilizar o barco, solicitaron un porto refuxio para resgardar o barco e transvasar a carga, ó que se negan tanto España como Portugal. As autoridades españolas ordenaron que fora remolcado cara Rotterdam, pero ante a prohibición de Francia e Inglaterra de achegarse ó Canal da Mancha nese estado, o barco dirixiuse ás Azores, onde se transvasou a carga a dous petroleiros ingleses, o "British Promise" e o "British Dragon". Esta operación se iniciou o 21 de xaneiro a 250 millas ó sur dos Azores. Ó empeorar o tempo nesa zona, o barco desprazouse cara ao sur para completar o transvasamento o 9 de febreiro a 200 millas ó noroeste de Cabo Verde.
Posteriormente, recalou en Lisboa o 19 de febreiro, para ser reparado, pero, ante o custo da operación, decidiuse despezalo no porto de Barcelona, o que se realizou a partir do 12 de xullo.
Aínda que a maioría da tripulación abandonou o petroleiro en balsas, só sobreviviron os tres tripulantes que decidiron quedar a bordo [3], rescatados polo helicóptero do SAR. O resto dos tripulantes, entre eles a muller e o fillo do capitán, Georgios Sarris, morreron. Foron rescatados só oito corpos, que foron aparecendo en distintos puntos da costa galega.
Calcúlase que verteu entre 50 e 60.000 toneladas. A Mariña esparexeu grandes cantidades de deterxentes sobre a mancha de petróleo, fraccionada por acción das ondas, pro que se achegou ata unhas 12 millas da costa. Aínda que os ventos dominantes afastaron da costa a mancha principal, a marea negra chegou a algúns puntos da Mariña luguesa. A zona afectada foi a costa comprendida entre o porto coruñés de Bares, en Mañón, ata Burela, en Lugo, con manchas de ata 20–30 cm de espesor en praias como as de Barqueiro ou do Vicedo. A marea negra chegou a remontar o río Sor ata un quilómetro no interior, e cubriu as praias ferrolás de Doniños, San Xurxo, Ponzos e Covas, que quedaron totalmente impregnadas de chapapote; tamén chegou ás praias asturianas.[4]
A frota de baixura viuse obrigada a un paro forzoso, pero os mariñeiros non percibiron axuda económica. O impacto medioambiental deixouse notar desde un principio, ao morreren milleiros de aves. O sinistro tamén provocou debate na sociedade sobre a falta de medios neste tipo de catástrofes.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.