From Wikipedia, the free encyclopedia
Andrei Dmitrievich Sakharov (en ruso: Андре́й Дми́триевич Са́харов), nado en Moscova o 21 de maio de 1921 e finado na mesma cidade o 14 de decembro de 1989, foi un eminte físico nuclear soviético, socialista e activista en favor dos dereitos humanos e as liberdades. Foi galardoado co Premio Nobel da Paz en 1975.
Sakharov naceu en Moscova en 1921, fillo de Dmitri Ivanovich Sakharov, un profesor de física e pianista afeccionado. O seu avó fora un eminente avogado na Rusia tsarista cunha conciencia humanista particularmente orientada cara á xustiza social e a abolición da pena capital. A nai de Sakharov foi Ekaterina Alekseievna Sakharova, de ascendencia grega. O humanismo e a conciencia social da súa familia influíu decisivamente na súa personalidade, e aínda que o seu bisavó fora sacerdote ortodoxo e foi bautizado, o ateísmo do seu pai impediu a influencia de ideas relixiosas na súa formación ou na súa vida. A pesar diso, cría que o universo e a vida humana son gobernadas por unha forza condutora superior e que non se pode abranguer cientificamente.[1]
Sakharov entrou na Universidade Estatal de Moscova en 1938. Debido á evacuación de 1941 por causa da segunda guerra mundial, graduouse en Achkhabad, hoxe Turkmenistán. Dedicouse entón á investigación en laboratorio en Ulianovsk. Casou en 1943 con Klavdia Alekseievna Vikhireva, con quen tivo dúas fillas e un fillo antes de que ela morrese en 1969. Regresou a Moscova en 1945 para estudar no Departamento de Física Teórica do Instituto de Física Lebedev (FIAN) da Academia Rusa das Ciencias. Alí doutorouse en 1947.
Ao finalizar a segunda guerra mundial, Sakharov investigou sobre os raios cósmicos. A mediados de 1948 participou no proxecto soviético para construír a Bomba atómica, baixo a dirección de Igor Kurchatov. O primeiro dispositivo atómico soviético ensaiouse o 29 de agosto de 1949. Tras mudarse a Sarov (provincia de Nizhnii Novgorod) en 1950, Sakharov desempeñou un papel destacado no desenvolvemento da bomba de hidróxeno ou bomba H. O primeiro dispositivo de fusión soviético entrou en probas o 12 de agosto de 1953, empregando o denominado deseño Sloika. En 1953 foi elixido membro de pleno da Academia Rusa das Ciencias e outorgóuselle a primeira das súas tres medallas de Heroe do Traballo Socialista (Герой Социалистического Труда). Sakharov continuou o seu traballo en Sarov, sendo a súa actividade esencial desenvolver a primeira bomba de hidróxeno soviética de escala megatón, empregando un deseño que en Rusia se coñeceu como "Terceira Idea de Sakharov", e nos Estados Unidos como deseño Teller-Ulam. Foi ensaiada baixo o nome RDS-37 en 1955. Unha variante de maior tamaño do deseño Sakharov foi a bomba Tsar de outubro de 1961, de 50 megatóns de potencia, e o artefacto nuclear máis potente xamais detonado.
En 1950 tamén propuxo unha idea para un reactor nuclear de fusión controlado, o tokamak, que era aínda o deseño básico para a maior parte dos desenvolvementos actuais. Sakharov, xunto con Igor Tamm, propuxo confinar un plasma ionizado a temperatura extremadamente alta mediante campos magnéticos toroidais para controlar a fusión termonuclear.
En 1951 inventou o primeiro xerador magnetoimplosivo, comprimindo campos magnéticos mediante explosivos.[2] Chamou a este dispositivo o xerador MK (magnetocumuladores). O MK-1 radial produce un campo magnético pulsado de 25 megagauss (2500 teslas). O MK-2 helicoidal xera até 100 millóns de amperes en 1953. Sakharov entón ensaiou o "canón de plasma" impulsado por xeradores MK, no que un pequeno anel de aluminio era vaporizado por causa das xigantescas correntes inducidas, producindo un plasmoide toroidal estable e autocontido que era impulsado a 100 km/s. Sakharov suxeriu máis adiante substituír a bobina do xerador MK por un gran solenoide supercondutor para comprimir magneticamente e enfocar explosións nucleares subterráneas para producir un efecto similar aos mísiles antiblindaxe e cargas explosivas en demolición (shaped charge effect), nas cales a enerxía da explosión é guiada e enfocada sobre o obxectivo. Segundo as súas teorías e cálculos, poderíanse enfocar 1023 protóns por segundo sobre unha superficie de 1 mm² e provocar a colisión de dous feixes deste tipo, pero non se sabe de ningún experimento que demostre esta idea.
A partir de 1965 Sakharov regresou á investigación básica e comezou a traballar nos campos da física de partículas e a cosmoloxía.[3][4][5][6][7][8][9][10]
Centrouse especialmente na explicación da asimetría de barións do universo, sendo o primeiro científico que introduciu dous universos (ou "capas") unidos entre si polo Big Bang. Sakharov logrou entón unha simetría CPT completa, dado que a segunda capa é enantiomórfica (simetría P), ten unha frecha de tempo oposta (simetría T) e está constituída principalmente por antimateria (simetría C) debido a unha violación CP oposta. No seu modelo, os dous universos non interactúan, agás a través da acumulación local de materia, cunha densidade e presión que fosen suficientemente altas como para conectar as dúas capas mediante unha ponte sen espazo-tempo entre elas, senón por continuidade xeodésica máis aló do radio límite para o intercambio de masa. Sakharov chamou a tales singularidades un colapso e un anticolapso, que son unha alternativa á parella burato negro e burato branco da teoría de buratos de verme. Sakharov tamén propuxo a idea da gravidade inducida como unha teoría alternativa á gravidade cuántica.
Nun primeiro momento Sakharov estaba convencido da importancia do seu traballo aplicado ao desenvolvemento das armas nucleares. Pero ao pouco tempo, dende finais dos 50, foi tomando maior conciencia das implicacións reais dos seus descubrimentos e albiscou riscos tales como unha guerra termonuclear ou a contaminación por radioactividade. Desta forma, cambiou radicalmente a súa postura. Durante a década dos 60 tivo un activo papel contra a proliferación das armas nucleares e das probas nucleares na atmosfera, dando como froito o tratado de prohibición de probas atmosféricas, espaciais e submarinas, asinado en Moscova en 1963. A partir de entón, por propia convicción e por crecente imposición do seu goberno, foise afastando progresivamente da física nuclear aplicada, para dedicarse máis á cosmoloxía básica.
O que supuxo un punto de inflexión na consideración que tiña do goberno soviético, foi a súa postura contraria á carreira armamentística baseada en mísiles balísticos (con cabeza nuclear), carreira na que competían os Estados Unidos e a URSS no apoxeo da guerra fría. Nunha carta secreta datada o 21 de xullo de 1967, e dirixida ao dirixente soviético da época, Sakharov expuña a necesidade de aceptar unha proposta de rexeitamento bilateral dos mísiles nucleares, polo risco dunha guerra nuclear mundial. En devandito manuscrito, Sakharov solicitaba a publicación do mesmo na prensa, cousa que foi rexeitada (e a súa exposición ignorada). En maio de 1968 finalizou un ensaio titulado Progreso, coexistencia pacífica e liberdade intelectual, no que desenvolvía as ideas de devandita carta. O castigo non tardou en chegar: prohibíuselle investigar en calquera dos centros e laboratorios militares da URSS e foi desposuído das honras adquiridas.
En 1970 colaborou na fundación do Comité polos Dereitos Humanos de Moscova. A medida que transcorría o tempo, maior era o seu activismo, e maior a represión gobernamental. En 1972, xa con 51 anos, contraeu matrimonio coa pacifista Yelena Bonner, supondo quizais un balón de oxíxeno para a súa asfixiada loita.
Como recoñecemento internacional ao seu esforzo chegoulle, en 1973, o seu nomeamento ao Premio Nobel da Paz, pero non foi ata 1975 que lle foi outorgado. En todo caso, non se lle permitiu saír da URSS, de xeito que foi a súa esposa a encargada da lectura na cerimonia de aceptación do premio. O discurso foi titulada de forma similar ao seu ensaio de 1968: Paz, progreso e dereitos humanos, considerando estas tres metas reciprocamente dependentes na súa consecución (é dicir, non se pode alcanzar unha sen alcanzar as outras dúas). Dito discurso non era unha simple apoloxía contra as armas nucleares, senón unha denuncia das causas das grandes ameazas contra a humanidade (aniquilación nuclear, fame, contaminación, espolio de recursos, superpoboación e deshumanización), e unha defensa dos avances científicos, das liberdades e da disidencia.
As ideas de Sakharov sobre o desenvolvemento social levárono a propor o principio de dereitos humanos como base de toda política. Na súa obra afirmaba que "o principio de que o que non está prohibido está permitido, debe ser entendido literalmente", negando a importancia e validez de todas as normas morais ou culturais que non estivesen plasmadas nas leis.
O 22 de xaneiro de 1980 foi arrestado polas súas protestas públicas contra a presenza militar soviética de Afganistán e foi forzado ao exilio na súa propia patria, illándoo na cidade de Gorky (hoxe Nizhnii Novgorod), unha cidade pechada e inaccesible aos estranxeiros. O control da KGB durou ata decembro de 1986, ano en que Mikhail Gorbachev iniciou as súas políticas aperturistas coñecidas como perestroika e glasnost. Aproveitando o novo clima político, permitíuselle regresar a Moscova e iniciou as primeiras organizacións políticas independentes e legais, culminando en marzo de 1989, cando Sakharov foi elixido parlamentario (dentro da oposición) no Congreso dos Deputados do Pobo.
En 1985 fundáronse os Premios Sakharov, nomeados desta forma na súa honra, uns galardóns que outorga anualmente o Parlamento Europeo a persoas e organizacións dedicadas aos dereitos humanos e ás liberdades.
En 1989 recibiu o International Humanist Award da International Humanist and Ethical Union. Pouco despois faleceu dun ataque cardíaco á idade de 68 anos. Os seus restos repousan no cemiterio de Vostriakovskoie de Moscova.
En 1990 o artista ruso Dmitri Vrubel pintou o mural Danke, Andrej Sacharow sobre os restos do muro de Berlín, como homenaxe á súa loita polas liberdades. O mural aínda se conserva na East Side Gallery.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.