Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
Anaïs Nin Culmell, nada en Neuilly-sur-Seine o 21 de febreiro de 1903 e finada nos Ánxeles (California) o 14 de xaneiro de 1977, foi unha escritora estadounidense.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (fr) Ángela Anaïs Juana Antolina Rosa Edelmira Nin Culmell 21 de febreiro de 1903 Neuilly-sur-Seine (Francia) |
Morte | 14 de xaneiro de 1977 (73 anos) Os Ánxeles (Estados Unidos de América) |
Causa da morte | cancro |
Lugar de sepultura | Baía de Santa Mônica (pt) |
Actividade | |
Lugar de traballo | París Nova York |
Ocupación | escritora, guionista, novelista, autora de diarios, autobiógrafa, bailarina |
Membro de | |
Obra | |
Obras destacables
| |
Arquivos en | |
Familia | |
Cónxuxe | Rupert Pole (1955–1966) Ian Hugo (1923–1977) |
Pais | Joaquín Nin Castellanos e Rosa Culmell Vaurigaud |
Irmáns | Joaquín Nin-Culmell Thorvald Nin Culmell |
Premios | |
Descrito pola fonte | Obálky knih, American Women Writers |
|
Viviu e traballou en París, Nova York e Os Ánxeles. Relacionouse con personalidades do mundo artístico e literario, así como do mundo da psicoloxía, como Henry Miller, Antonin Artaud, Otto Rank, Salvador Dalí, Edmund Wilson, Gore Vidal, James Agee ou Lawrence Durrell. Autora de novelas avant-garde no estilo do surrealismo francés, é coñecida principalmente polos seus escritos autobiográficos, recopilados nos Diarios de Anaïs Nin en sete volumes. Comezou o seu diario con once anos, e continuouno durante varias décadas. Os manuscritos orixinais dos seus diarios, que constan dunhas 35 000 páxinas, consérvanse no Departamento de Coleccións Especiais da Universidade de California nos Ánxeles.
Foi bautizada como Ángela Anaïs Juana Antolina Rosa Edelmira Nin Culmell. Era filla da cantante cubana Rosa Culmell, de orixe francesa e dinamarquesa, e mais do compositor e pianista cubano de ascendencia catalá Joaquín Nin, quen as abandonou cando Anaïs tiña once anos.[1] Este abandono, que marcou a Nin para o resto da súa vida, foi o detonante para que comezase a escribir sobre a súa vida nos seus diarios, que se iniciaron coma unha carta dirixida ao seu pai, con quen non volveu contactar nos seguintes 20 anos.
Aos 19 anos conseguiu un traballo como modelo e bailarina de flamenco. En 1923 casou na Habana co banqueiro Hugh Guiler, co que foi vivir a París. Alí estudou danza española con Francisco Miralles Arnau durante varios anos.
A lectura de D. H. Lawrence animouna a adicarse á escritura. En 1930 publicou un ensaio sobre este autor, e un ano despois coñeceu a Henry Miller, con quen comezou unha apaixonada correspondencia. Convertéronse en amantes, e despois de deixaren a relación seguiron intercambiando cartas o resto das súas vidas. Ao tempo, a muller de Miller, June, iniciouna no voyeurismo e o safismo.
En París comezou a escribir a novela House of Incest. Logo de ser psicanalizada polo doutor René Allendy e por Otto Rank, iniciouse no estudo da psicanálise, e traballou como psicanalista en Nova York apoiada polo propio Rank.
20 anos despois do abandono reencontrouse co seu pai Joaquín Nin en Louveciennes. Segundo os Diarios, iniciaron unha relación incestuosa, que segundo a escritora cubana Zoé Valdés foi negada polo irmán de Anaïs. Escribiu Winter of Artifice e publicou House of Incest, nunha edición confeccionada nunha imprenta rústica que montou nun sobrado dun edificio de Macdougal Street, en Nova York, onde imprimiu os seus libros e os dos seus amigos.
En 1939 estableceuse nos Estados Unidos, e converteuse na primeira muller en escribir relatos eróticos, cunha forte influencia do Kamasutra[Cómpre referencia]. Enfrontada coa necesidade de conseguir cartos, Nin e Miller comezaron na década de 1940 a escribir narrativas eróticas e pornográficas para un "coleccionista anónimo" a un dólar por páxina. Nin consideraba os personaxes dos seus escritos eróticos como caricaturas extremas e non pretendía publicalos, pero cambiou de opinión a principios da década de 1970 e permitiu que se publicasen a modo de compilacións en Delta of Venus e Little Birds.
Na súa propia editorial publicou en 1947 Under a Glass Bell, obra ben recibida pola crítica, destacando o comentario de Edmund Wilson. En 1955 casou por segunda vez, con Rupert Pole, sen antes divorciarse do seu primeiro esposo, Hugh Guiler. Durante varios anos Nin mantivo unha dupla vida, nunha casa modesta con Rupert Pole en Sierra Madre (California) e nun opulento apartamento con Hugh Guiler en Nova York. Nin nunca se divorciou de Guiler, quen toleraba as relacións da súa muller, se ben posiblemente nunca chegou a saber do segundo matrimonio. Nin apreciaba a devoción inquebrantable de Guiler, e tamén os seus cartos, que axudaban a financiar a súa vida en California con Pole.[2]
O éxito definitivo chegoulle en 1966 coa publicación do seu Diario, se ben nesa época tivo problemas de saúde por mor dun tumor de ovarios. A fama provocou o seu temor a que a súa poliandria saíse á luz, e decidiu anular o seu matrimonio con Pole. Non obstante continuou vivindo alternativamente con Pole e con Guiler, até que a mediados da década de 1970 o cancro lle impediu seguir viaxando a Nova York e quedou a vivir a tempo completo con Pole.
Tras a súa morte o seu corpo foi incinerado e as súas cinzas espalladas na baía de Santa Mónica.
En 1973 recibiu o doutoramento honoris causa do Philadelphia College of Art. En 1974 foi elixida membro do Instituto Nacional das Artes e as Letras.
A escritora cubana Daína Chaviano rendeulle tributo na novela Gata encerrada (2001), na que Anaïs Nin aparece como un dos personaxes principais da trama, na que tamén aparece Henry Miller. A autora cubana, Wendy Guerra recreou algúns dos episodios da súa vida no libro Anaïs Nin: Posar desnuda en la Habana (2009).
Nin foi aclamada por boa parte da crítica coma unha das autoras máis notables de literatura erótica feminina. A súa obra foi levada ao cine en Henry and June (Philip Kaufman, 1990) e ao teatro con La casa del incesto en adaptación de Georgina Tábora.
Existen dúas versións publicadas dos seus diarios, debido a que os anacos publicados en vida foron autocensurados porque aínda vivían algunhas das persoas que aparecían neles. Co paso do tempo foron publicándose as versións orixinais.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.