Remove ads
nobre e almirante galego From Wikipedia, the free encyclopedia
Alonso Jofre Tenorio, nado no castelo de Tenorio (Tenorio, Cerdedo-Cotobade) e finado no estreito de Xibraltar o 4 de abril de 1340, foi un nobre galego, almirante maior do mar e I Señor da vila de Moguer.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1292 (Gregoriano) Tenorio, España |
Morte | 4 de abril de 1340 (47/48 anos) Estreito de Xibraltar |
Actividade | |
Carreira militar | |
Rango militar | Almirante de Castela |
O seu pai era Diego Alonso Tenorio, señor de Tenorio con herdanzas en Toledo e Sevilla logo de campañas militares xunto a Afonso X o Sabio. Casou con Aldonza Jofre de Loaisa, filla de Jofre de Loaisa, Señor de Petrer, cabaleiro aragonés, aio da raíña consorte dona Violante e do infante Fernando de la Cerda, amplamente recompensado no repartimento de Sevilla.
Froito desta unión conxugal naceu Alonso Jofre Tenorio, herdeiro na titularidade da Casa. Foi coetáneo dos reis Fernando IV e Afonso XI. No reinado deste último desempeñou varios cargos. Serviu como adiantado maior de Castela. Estaba encargado de manter a paz na zona, de recadar os tributos rexios, xulgar os preitos en apelación e sobre todo de investirse con mando militar en caso de guerra. Aparece por tanto como un membro da nobreza que ocupa postos públicos importantes, xa que os adiantados eran elixidos polo monarca entre os grandes magnates do reino que gozaban da súa confianza.
En 1314, segundo Ortiz de Zúñiga, era xa almirante maior do mar. Ó almirante, como dignitario da corte rexia, o rei confiáballe o mando da súa frota e a dirección da guerra no mar. Equivalía a un «alter ego» do monarca cando navegaba. Por iso, quedaban baixo a súa autoridade e xurisdición os portos e concellos das vilas do litoral. As súas atribucións eran moi diversas. Durante o primeiro terzo do século XIV tiña ó seu cargo o poder militar da frota con ampla potestade xurisdicional sobre tódolos homes que embarcaban en armadas da Coroa, ademais do coidado e dirección da construción naval nos estaleiros.
Na orde xudicial as súas facultades eran tamén amplas. Exerceu a súa xurisdición a través dun tribunal do almirantado en Sevilla. Nomeaba alcaldes, alguacís e escribáns. Incluso poden englobarse neste grupo outras prerrogativas, como posuír voto no concello de Sevilla e ser membro do Consello Real.
No aspecto económico, á parte de tódolos beneficios derivados das súas facultades xudiciais, tiña outras fontes de ingresos. As máis importantes eran un sétimo do botín capturado; o despacho ou imposto sobre a capacidade do navío, e a distancia do porto de destino; o almirantado ou tributo que gravaba a carga e descarga de mercancías, así como a utilización do porto, especialmente para os mariños non sevillanos e a ancoraxe que era un gravame imposto ós barcos pola entrada e fondeo no leito dos ríos e portos.
As fontes aluden a outros títulos desempeñados por Alonso Jofre Tenorio, como o de alcaide dos alcázares de Sevilla, encargado da defensa militar das fortalezas da cidade. Foi garda maior do rei, o que constituía unha dignidade palatina, honorífica máis que efectiva, de carácter militar que tiña ó seu cargo o coidado da garda persoal do monarca. Tamén foi alguacil maior de Toledo, un oficio do concello encargado da execución dos mandamentos xudiciais e do mantemento da orde na cidade. Foi titor dos seus sobriños Pedro Alfonso e Juan Alfonso de Benavides, señores de Benavides e Cheles.
En 1328 era encomendeiro do mosteiro de San Xoán de Poio, convento beneditino, fundado no 942. Afonso XI asinou un documento no que confirma a exención de xantar e de pedidos, privilexio outorgado polo seu antecesor Fernando IV. Igual ocorre en 1329 para o mosteiro de San Salvador de Lérez.
En 1333 Afonso XI concedeu Moguer a Alonso Jofre Tenorio e á súa muller, Elvira Álvarez, como vila de señorío por muchas buenos senvicios, que feicisteis a el rey don Fernando, nuestro padre, que Dios perdone, e feicistes e facedes a nos de cada día. Como I Señor de Moguer fundou o Convento do Corpus Christi e o Mosteiro de Santa Clara, entre 1337 e 1338, converténdose no seu patrón, e dotou con numerosos bens ás comunidades relixiosas que asentou na súa vila. Os descendentes de Alonso Jofre Tenorio mantiveron o patrimonio monacal engrandecéndoo con propiedades rústicas e urbanas. A Casa Tenorio entroncou por matrimonio coa liñaxe dos Portocarrero, señores de Villanueva del Fresno (Badaxoz) nas persoas de María Tenorio, filla do almirante, e Martín Fernández Portocarrero.
A crónica de Afonso XI, tratados nobiliarios e obras locais ofrecen gran cantidade de datos sobre a actuación político-militar do almirante. En 1325 expulsou ós nobres de Sevilla, tomando o goberno da cidade. Ó ano seguinte participou na conquista de Olvera e Pruna, impedindo coa súa frota que os benimerines apoiasen aos reino de Granada por mar, subministrándolles comida e tropas. En 1329 foi ante o Papa Xoán XXII como embaixador para conseguir os beneficios de cruzada na guerra contra os infieis. Nese mesmo ano intentou desde o mar que Xibraltar non caese en mans de Abomelique, fillo do sultán de Fez. En 1337 conseguiu unha aparatosa vitoria sobre a frota portuguesa.
Faleceu o 4 de abril de 1340, ó enfrontarse cunha escuadra de benimerines máis numerosa no estreito de Xibraltar. Os seus restos descansan no sepulcro que comparte coa súa muller Elvira Álvarez, a súa filla Marina, Beatriz Enríquez (esposa do V Señor de Moguer) e o seu neto Alonso Fernández Portocarrero (III Señor) no Mosteiro de Santa Clara de Moguer.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.