From Wikipedia, the free encyclopedia
Alfred Mathieu Giard, nado en Valenciennes o 8 de agosto de 1846 e finado en Orsay o 8 de agosto de 1908, foi un zoólogo francés.
En 1867 empezou os seus estudos de Ciencias Naturais na École Normale Supérieure, ao que seguiron traballos como préparateur de zoologie no laboratorio de Henri de Lacaze-Duthiers (1821–1901) de París. En 1872 defendeu a súa tese de doutoramento cun estudo sobre ascidias compostas titulado Recherches sur les ascidies composées ou synascidies. De 1873 a 1882 foi profesor suplente de Historia Natural na facultade de ciencias en Lille, e nese período estivo tamén asociado co Institut industriel du Nord. En 1874 fundou unha estación biolóxica en Wimereux para familiarizar os seus estudantes cos organismos mariños e terrestres. En Lille, considérase que montou unha excelente escola de zooloxía.
En 1887 converteuse en profesor da École Normale Supérieure, e desde 1888 ata a súa morte, foi profesor da facultade de ciencias de París, ocupando a cátedra de "evolución de organismos vivos". Despois da súa morte, sucedeuno na estación biolóxica de Wimereux Maurice Caullery (1868–1958). Entre os seus numerosos estudantes e axudantes estivo o filósofo da ciencia Félix Le Dantec (1869–1917).[1] Giard estivo influenciado polo traballo de Ernst Haeckel, e consideraba que o lamarckismo e o darwinismo eran teorías complementarias. Desde 1904 a 1908 foi presidente da Sociedade de Bioloxía de Francia.
Morreu en Orsay en 1908, o día do seu 62º aniversario.[2]
Estaba especialmente interesado nas relacións entre hóspede e parasito na natureza (tanto en plantas coma en animais), e utilizou o termo "castración parasítica" para definir as características sexuais do hóspede como resultado da presenza do parasito, incluso cando as glándulas sexuais do hóspede non están implicadas directamente. Atribúeselle unha descrición de Giardia lamblia, un protozoo parasito gastrointestinal que recibe o nome xenérico na súa honra e o específico polo médico checo Vilem Dusan Lambl (1824–1895). A enfermidade asociada co parasito adoita denominarse xiardíase.[3] En 1877 foi o primeiro científico que describiu o filo Orthonectida (parasitos dos Ophiurida).
En 1894 intoduciu o termo "anhidrobiose" (a capacidade dos organismos de sobrevivir a unha deshidratación extrema).[4][5] En 1905 Giard acuñou a palabra poecilogonia para describir un fenómeno no cal se desenvolven adultos similares a partir de larvas diferentes en invertebrados mariños.[6]
É lembrado polas súas amplas investigacións sobre crustáceos, especialmente os Epicaridea (isópodos parasitos) e os membros da familia Bopyridae. Entre as súas numerosas publicacións hai 300 dedicadas á entomoloxía. Foi unha figura de importancia en entomoloxía aplicada en Francia e foi membro da Sociedade Entomolóxica de Francia.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.