Político español e presidente do Goberno entre 1976 e 1981 From Wikipedia, the free encyclopedia
Adolfo Suárez González, nado en Cebreros (provincia de Ávila) o 25 de setembro de 1932 e finado en Madrid o 23 de marzo de 2014,[1] foi un político español, presidente do Goberno español entre 1976 e 1981. No ano 1981 o rei Xoán Carlos I concedeulle o título de Duque de Suárez.
Nado en Cebreros (Ávila), onde o seu pai, Hipólito Suárez, que era un procurador coruñés, fora represaliado pola súa militancia republicana. Adolfo Suárez pasaba os veráns con regularidade na súa casa familiar da Coruña. Durante unha estadía prolongada na cidade, chegou a probar como xogador no Deportivo da Coruña. Esta filiación coa cidade coruñesa e co club de fútbol mantívoa toda a súa vida.[2]
Doutor en Dereito pola Universidade Complutense de Madrid, desempeñou diversos cargos na ditadura franquista axudado por Fernando Herrero Tejedor, que foi o seu protector. Desta forma, en 1958, pasou a formar parte da "Secretaría Xeral do Movemento" ascendendo, en 1961, a Xefe do Gabinete Técnico do Vicesecretario Xeral, procurador das Cortes por Ávila en 1967 e gobernador civil de Segovia en 1968. En 1969 é designado Director Xeral de Radio-Televisión Española, permanecendo no cargo até 1973.
O 11 de decembro de 1975 foi nomeado Secretario Xeral do Movemento no primeiro goberno de Carlos Arias Navarro. Cando en xullo de 1976 o Rei Xoán Carlos I lle encargou a formación de goberno, Suárez era un descoñecido para a maioría do pobo. Para comezar o desmantelamento franquista, confeccionou un grupo de políticos de diferentes ideoloxías: falanxistas "conversos", socialdemócratas, liberais, democristiáns etc. Nesta tarefa contou coa axuda de Torcuato Fernández Miranda, que logrou a autoliquidación das Cortes franquistas e sacar adiante a Lei de Reforma Política.
O 15 de xuño de 1977 celebráronse as eleccións xerais de 1977, as primeiras democráticas en España dende 1936. Adolfo Suárez resultou vencedor, á fronte dun grupo de partidos de centrodereita baixo o nome de UCD (Unión de Centro Democrático). As Cortes saídas desas eleccións, aprobaron a Constitución de 1978 que sairía a referendo popular o 6 de decembro dese ano.
O 3 de marzo de 1979 tiveron lugar as eleccións xerais de 1979, que volveu gañar UCD, iniciando Suárez o seu terceiro mandato. Esta etapa estivo chea de dificultades políticas, sociais e económicas, que o levaron a presentar a súa dimisión o 29 de xaneiro de 1981. Na mensaxe ao país dixo:
Eu non quero que o sistema democrático de convivencia sexa, unha vez máis, unha paréntese na Historia de España.[3]
No golpe de estado do 23-F foi unha das tres persoas que non se botou ó chan á orde de Tejero.
Pouco despois de dimitir creou con outros ex dirixentes da UCD o partido Centro Democrático y Social (CDS), co que se presentou as eleccións do 28 de outubro de 1982, sendo elixido deputado por Madrid. Revalidou o escano nas eleccións seguintes até que en 1991 dimitiu como dirixente do CDS.
Casou con Amparo Illana Elórtegui o 15 de xullo de 1961,[4] e tiveron cinco fillos: María Amparo, Sonsoles, Adolfo, Laura e Javier.[5] Segundo diversas fontes, tería sido durante un tempo membro do Opus Dei.[6][7]
O 25 de febreiro de 1981, despois da súa dimisión, o rei Xoán Carlos I outorgoulle o título de Duque de Suárez. En 1996 concedéuselle o Premio Príncipe de Asturias da Concordia pola súa importante contribución á transición española e á democracia, da que se lle considera o grande artífice.
O 8 de xuño de 2007, o rei concedeulle o título de Cabaleiro da Orde do Vélaro de Ouro. A foto que lembra a entrega da distinción, co rei e Suárez camiñando de costas ao fotógrafo, obtivo distintos premios e converteuse en símbolo da Transición.[8]
O fillo de Adolfo Suárez, Adolfo, fixo público nun programa de Televisión Española que o expresidente sufría Alzheimer dende había anos, polo que nin se lembraba de que fora Presidente do Goberno e que non coñecía a ninguén.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.