A hormona antimülleriana (AMH), tamén chamada factor inhibidor mülleriano (MIF), hormona inhibidora mülleriana (MIH), e substancia inhibidora mülleriana (MIS), é unha hormona proteica que, nos humanos, está codificada polo xene AMH.[1] Inhibe o desenvolvemento do conduto de Müller (conduto paramesonéfrico) no embrión masculino, cuxo nome procede do investigador Johannes Peter Müller.[2]

Hormona antimülleriana
Identificadores
Símbolo AMH
Entrez 268
HUGO 464
OMIM

600957

RefSeq NM_000479
UniProt P03971
Outros datos
Locus Cr. 19 p13.3
receptor da hormona antimülleriana, tipo II
Identificadores
Símbolo AMHR2
Entrez 269
HUGO 465
OMIM

600956

RefSeq NM_020547
UniProt Q16671
Outros datos
Locus Cr. 12 q13

A AMH está presente nos peixes, réptiles, aves, e mamíferos marsupiais e placentarios.

A AMH segrégana as células de Sertoli dos testículos durante a embrioxénese dos fetos masculinos.

Estrutura

A AMH é unha hormona proteica relacionada estruturalmente coa inhibina e a activina, que forma parte da familia do factor de crecemento transformante β (TGF-β). É unha glicoproteína dimérica.

Xene

Nos humanos está codificada no xene AMH situado no cromosoma 19 (locus 19p13.3),[1] entanto que o xene AMHR2 do cromosoma 12 codifica o seu receptor.[3]

Funcións

Embrioxénese

Os embrións dos mamíferos na zona uroxenital teñen condutos de Müller, que no embrión feminino orixinarán o útero, cérvix e trompas de Falopio, e no embrión masculino desaparecerán (deixando vía libre para a formación do aparato reprodutor masculino). Nos mamíferos a AMH impide nos machos o desenvolvemento dos condutos de Müller no embrión e outras estruturas müllerianas, permitindo que se forme correctamente o aparato reprodutor masculino.[2] O efecto é ipsilateral, é dicir, cada testículo suprime só o desenvolvemento dos condutos de Müller do seu lado.[4] Nos humanos, esta acción ten lugar durante as primeiras 8 semanas de xestación. Se as gónadas non producen a hormona, os condutos de Müller automaticamente se desenvolven, e os condutos de Wolff, que son responsables da formación dos condutos reprodutores masculinos, automaticamente desaparecen.[5] As cantidades de AMH medibles en sangue varían segundo a idade e o sexo. A AMH funciona interactuando con receptores específicos da superficie das células diana. O efecto máis coñecido e específico, mediado a través dos receptores AMH de tipo II, é a morte celular programada (apoptose) das células diana (os condutos de Müller fetais).

Ovarios

Nas nenas sas a AMH pode ser tanto detectable coma indetectable no sangue do cordón umbilical ao nacer e mostra un marcado aumento aos tres meses de idade; despois o seu nivel decrece ata os 4 anos de idade (aínda que segue sendo detectable) e a partir dese momento crece linearmente ata os oito anos de idade, permanecendo case constante desde a a infancia media ata o inicio da idade adulta (non cambia significativamente durante a puberdade); a partir dos 25 anos de idade a AMH declina ata chegar a niveis indetectables na menopausa.[6] A AMH exprésase nas células da granulosa do ovario durante os anos reprodutivos, e controla a formación de folículos ováricos primarios ao inhibir o recrutamento excesivo de FSH polos folículos. Xa que logo, ten un papel na foliculoxénese,[7] e algúns suxiren que serve para medir certos aspectos da función ovárica [8], útiles para avaliar condicións como síndrome de ovario poliquístico e insuficiencia ovárica prematura.[9]

Outros

A produción de AMH polas células de Sertoli dos testículos permanece alta durante toda a infancia nos machos, pero declina ata niveis baixos durante a puberdade e vida adulta. A AMH viuse que regula a produción de hormonas sexuais,[10] e o cambio nos niveis de AMH (baixada nas mulleres e aumento nos homes) pode estar implicado no comezo da puberdade en ambos os sexos. Os receptores funcionais de AMH tamén se expresan nas neuronas do cerebro dos embrións de rato, e pénsase que xogan un papel no desenvolvemento do dimorfismo sexual do cerebro e o conseguinte desenvolvemento de comportamentos específicos de xénero.[11]

Patoloxía

Nos homes unha actividade embrional inadecuada da AMH pode orixinar a síndrome de conduto de Müller persistente (PMDS), no cal se forma un útero rudimentario e os testículos xeralmente non descenden ao escroto (criptorquidismo). Nestes casos o xene AMH ou o xene AMH-RII (do receptor) son xeralmente anormais. As medición de AMH son moi utilizadas na avaliación da presenza testicular e funcionalidade en nenos pequenos con condicións intersexuais, xenitais ambiguos, e criptorquidismo.

Aplicacións

A AMH foi sintetizada para a súa aplicación. A súa capacidade de inhibir o crecemento de tecidos derivados dos condutos de Müller creou moitas expectativas para utilizala no tratamento de diversas condicións médicas como endometriose, adenomiose, e cáncer uterino. Varios laboratorios están investigando esta posibilidade.

A comparación do nivel de AMH dun paciente cos niveis medios [12] é tamén útil na avaliación da fertilidade, xa que nos dá unha indicación da reserva ovárica e identifica as mulleres que quizais poidan necesitar conxelar os seus óvulos ou procurar un embarazo canto antes, xa que a súa fertilidade será peor despois.[13] A medida soamente da AMH pode confundir cando aparecen niveis elevados en casos de síndrome de ovario poliquístico, e os niveis de AMH deben ser considerados en conxunto con outras probas obstétricas para facer un reconto de folículos antrais no ovario [14] e do volume do ovario [15].

Tamén ten o potencial de racionalizar o programa de indución da ovulación e as decisións sobre o número de embrións que se deben transferir nas técnicas de reprodución asistida para maximizar as posibilidades de embarazo e minimizar o risco de síndrome de hiperestimulación ovárica (OHSS) [16][17] A AMH pode predicir unha resposta excesiva na hiperestimulación ovárica cunha sensibilidade e especificidade do 82% e o 76%, respectivamente.[18]

Notas

Wikiwand in your browser!

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.

Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.