tribo asentada nas rías da Coruña, Betanzos e Ferrol From Wikipedia, the free encyclopedia
Os ártabros[1][2] ou arrotrebos[3] (en latín: Artabri ou Arrotrebae) eran unha tribo de orixe celta asentada na Gallaecia lucense ó noroeste da Península Ibérica. Eran os poboadores da zona que comprende a ría da Coruña e a ría de Ferrol ata a chegada de Xulio César no ano 62 a. C. Segundo o historiador Benito Vicetto o fundador dos ártabros sería Artai, o primoxénito de Breogán.[4]
Segundo Luís Monteagudo estaban formado por tres subtribos nas que se contan os brigantinos, os lapatiancos e os nerios.[5] configurando un grupo diferenciado dentro do pobo dos galaicos. Viría en apoio desta hipótese a ausencia das habituais ofrendas aos deuses galaico-lusitanos, Bandua e Reue, en substitución de Cosso (divindade tamén presente en territorio dos ástures pero non na Bracarense e Lusitania). A súa diferenciación respecto doutros galaicos tamén é comentada por Estrabón:
Os que viven máis afastados son os ártabros, na rexión do cabo que chaman Nerio, que separa os flancos occidental e norte. Nela viven tamén célticos, emparentados cos das beiras do Anas. Din que nunha ocasión en que fixeron alí unha campaña militar estes xunto cos túrdulos, fixeron defección tras pasar o río Limia.[6]
Estrabón refírese aos célticos da Beturia, asentados no val do actual Guadiana, e aos túrdulos célticos da costa media de Portugal. Se desertaron tras cruzar o río Limia, despréndese que non atoparon nos brácaros e nos callaecos, as mesmas relacións de identidade que cos célticos do norte.
Segundo Higinio Martins Esteves, na súa obra As tribos Calaicas: proto-história da Galiza à luz dos dados linguísticos, ártabros estaría formada por ARTOS, en latín ursos, que significa 'oso'; e por *MROG, que é 'país fronteirizo'. O oso non faría referencia á presenza do animal nos soutos galegos, senón á constelación da Osa Maior, que sinala o Polo Norte celeste. O mito da Osa Maior é de orixe paneuropea, anterior á difusión que lle deu a Grecia clásica. Así, ártabro sería 'do país limítrofe á Osa'. É dicir, do norte. Mentres que arrotrebas estaría formado por ARRO 'masculino' e TREBĀ 'casa familiar; unidade agraria'. Logo ARROTREBĀS sería 'casas de machos'. Nas designacións propias das tribos era habitual facer alarde da afouteza dos seus membros. Por tanto, para empregar con precisión a lingua calaica, ao referírmonos a esta tribo habería que falar de arrotrebas e non de ártabros.[7]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.