O ácido oxalacético ou ácido oxaloacético ou ácido oxobutanodioico é un ácido orgánico de catro carbonos coa fórmula C4H4O5 ou HOOC-(C=O)-(CH2)-COOH.
Ácido oxalacético | |
---|---|
Ácido oxobutanodioico | |
Outros nomes Ácido oxaloacético | |
Identificadores | |
Número CAS | 328-42-7 |
PubChem | 970 |
ChemSpider | 945 |
Número CE | 206-329-8 |
ChEBI | CHEBI:30744 |
Imaxes 3D Jmol | Image 1 |
| |
| |
Propiedades | |
Fórmula molecular | C4H4O5 |
Masa molecular | 132,07 g/mol |
Densidade | 0,18 g/cm3 |
Punto de fusión | 161 °C |
Termoquímica | |
Entalpía estándar de formación ΔfH |
-943,21 kJ/mol |
Entalpía estándar de combustión ΔcH |
-1205,58 kJ/mol |
Se non se indica outra cousa, os datos están tomados en condicións estándar de 25 °C e 100 kPa. |
Cando está desprotonado nos seus dous grupos carboxilo forma o anión carboxilato chamado oxalacetato ou oxaloacetato. Este nome tamén se usa para os seus ésteres. Cando perde un só protón dá lugar á súa base conxugada, o anión hidroxenoxalacetato.
Propiedades e usos
O ácido oxalacético é un cetoácido dicarboxílico cun grupo cetona (C=O) e dous grupos carboxilo (COOH). O oxalacetato é inestable en disolución, e descomponse a piruvato por descarboxilación en cuestión de horas a temperaturas moderadas ou días a 0 °C. Recoméndase a súa almacenaxe refrixerada.
Tense usado como intermediario na síntese de benciloaminoácidos[1], moléculas heterocíclicas[2] e derivados alilo[3].
Funcións
Intervén nos seguintes procesos:
Ciclo do ácido cítrico. O oxalacetato é un intermediario do ciclo do ácido cítrico, no cal se condensa co acetil-CoA para producir citrato nunha reacción catalizada pola citrato sintase, na cal se introducen dous carbonos no ciclo[4].
O oxalacetato fórmase no ciclo do ácido cítrico por oxidación do L-malato nunha reacción catalizada pola malato deshidroxenase. Tamén se pode formar a partir do piruvato en reaccións de recheo (anapleróticas).
Gliconeoxénese. O oxalacetato pode contribuír á gliconeoxénese[5], xa que é necesario como intermediario para converter o piruvato mitocondrial en fosfoenolpiruvato, xa que para iso non se pode utilizar a reacción da glicólise en sentido inverso, porque é irreversible. O piruvato descarboxílase a oxalacetato e este despois transfórmase en malato pola malato deshidroxenase. O malato ten un sistema de transporte especial, que permite que saia da mitocondria, e, unha vez no citoplasma, reoxídase a malato pola forma citosólica da malato deshidroxenase. Despois, o malato do citosol transfórmase en fosfoenolpiruvato pola fosfoenolpiruvato carboxiquinase. Despois o fosfoenolpiruvato xa pode continuar a gliconeoxénese.
Lanzadeira do acetilo. Na síntese de lípidos é necesario acetil-CoA, pero case todo el está na mitocondria e non pode atravesar as membranas mitocondriais. Existe un sistema de lanzadeira do grupo acetilo na que intervén o malato[5], que permite levar o acetil-CoA das mitocondrias ao citosol. O oxalacetato condénsase co acetil-CoA formando citrato. O citrato sae da mitocondria polo transportador dos tricarboxilatos, e no citosol convértese outra vez en oxalacetato e acetil-CoA. Despois o oxalacetato convértese en malato, o malato pasa á mitocondria polo transportador de dicarboxilatos e alí rexenera o oxalacetato, pechando o ciclo.
Oxidación de aminoácidos. Durante a oxidación dos aminoácidos asparaxina e ácido aspártico orixínase oxalacetato. A asparaxina convértese en aspartato, e este sofre transaminación co α-cetoglutarato, que orixina oxalacetato e glutamato. Deste modo os aminoácidos poden contribuír cos seus esqueletos carbonados á produción de enerxía, xa que o oxalacetato pode incorporarse ao ciclo do ácido cítrico e orixinar ATP ou pode tamén entrar na gliconeoxénese, polo que a asparaxina e o aspartato son aminoácidos glicoxénicos[5].
Fotosíntese. As plantas tropicais ou de climas secos que teñen fotosíntese C4 utilizan o oxalacetato para almacenar potencialmente CO2. O CO2 do aire fíxase inicialmente ao fosfoenolpiruvato, en reacción catalizada pola fosfoenolpiruvato carboxilase, formando oxalacetato. Como o primeiro produto estable da fixación do carbono nestas plantas é un ácido de 4 carbonos (o oxalacetato), esta fotosíntese denomínase C4. Despois o oxalacetato redúcese a malato, e este dá lugar a piruvato e CO2, polo que este gas xa pode entrar no ciclo de Calvin da fotosíntese. Almacenando desta maneira o oxalacetato, a célula sempre ten unha concentración alta de CO2 nas súas células fotosintéticas. Esta vía de fixación do CO2 chámase vía de Hatch-Slack[5].
Transporte de electróns. O oxalacetato é un potente inhibidor do complexo II da cadea de transporte electrónico.
Notas
Wikiwand in your browser!
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.