Especie de mamífero mariño From Wikipedia, the free encyclopedia
O xibardo ou balea xibardo, Megaptera novaeangliae, é un mamífero mariño da orde dos cetáceos, suborde dos misticetos e familia dos balenoptéridos que vive en mares de todo o mundo.
Xibardo / Balea xibardo Megaptera novaengliae | |||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||||||
Megaptera novaeangliae (Borowski, 1781) [4] |
É a única especie do xénero Megaptera que, por si só, constitúe a subfamilia dos megapterinos (Megapterinae).
Os machos da especie miden de 15 a 16 metros; as femias, de 16 a 17. O peso medio é de aproximadamente 40 toneladas. O maior exemplar observado ata agora medía 19 metros.
É unha especie protexida desde 1967. En 2008 as estimacións do número de individuos varían entre os 30.000[5] e os 65.000 exemplares.[6]
O nome científico Megaptera significa alas grandes en clara referencia ás súas aletas peitorais. O seu nome específico novaeangliae é debido ao naturalista alemán Georg Heinrich Borowski, que a describiu por primeira vez a partir de observacións realizadas na Nova Inglaterra.
O seu nome común, xibardo, provén probabelmente da alteración do antigo nome francés jubartes, proveniente da palabra inglesa gibbard, ou da latina gibbus, que significa xiboso, pola forma que toma o seu lombo cando se somerxe.
O xibardo é o único representante do xénero Megaptera constituíndo unha subfamilia propia, os Megapterinae, dentro dunha familia de oito especies de baleas, os Balaenopteridae.
Estudos moleculares recentes indican que as primeiras baleas que filtraban a auga do mar para alimentarse apareceron no Eoceno hai 35 ou 36 millóns de anos. Estas especies evolucionaron moi pouco durante un longo período. Unha nova especiación ocorreu no Mioceno (hai doce a quince millóns de anos). Os resultados da análise molecular mostran que as liñaxes da balea azul e do rorcual se separaron hai máis de cinco millóns de anos e que nese momento o xibardo xa se diferenciara. A falta de probas fósiles de cetáceos non permite concretar unha data máis exacta que entre eses dous límites, menos de doce e máis de cinco millóns de anos.
Os xibardos son recoñecidos facilmente grazas a numerosos sinais. Teñen a parte superior totalmente negra e a parte inferior branca ou un pouco máis escura. A cabeza e a mandíbula inferior están recubertas de pequenas protuberancias características da especie, chamadas tubérculos cefálicos ou dérmicos, que na realidade son folículos pilosos.
A aleta caudal posúe manchas negras e brancas visíbeis cando o animal se somerxe. As ondulacións da súa parte posterior e os deseños nas súa aleta caudal (propios de cada exemplar) son utilizadas para a identificación.
Cada aleta pectoral (tamén con manchas negras e brancas e cun deseño característico) pode alcanzar até un terzo da lonxitude do corpo, moito máis que calquera outra especie da orde dos cetáceos.
Hai varias hipóteses que explican esta diferenza tan notábel: algunhas din que se debe a unha adaptación evolutiva para asegurar unha maior facilidade de movemento; outras, que é para mellorar a regulación térmica interna durante os movementos migratorios, nos que a temperatura varía considerabelmente segundo a rexión.
Como os demais membros da súa familia, a balea posúe entre 16 e 20 sucos ventrais, que son en realidade pregos paralelos que van da mandíbula até o embigo e que permiten unha maior abertura da farinxe. As barbas características da suborde son producións córneas que filtran a auga, retendo o alimento. O xibardo conta entre 270 e 400 barbas dispostas a cada lado da boca.
Cando a balea emerxe, expulsa o ar dos seus pulmóns formando unha nube de até tres metros. O ar quente, proveniente dos pulmóns, condénsase inmediatamente en contacto co ar frío. A aleta dorsal, achatada, aparece fóra da auga tras este movemento respiratorio e permanece visíbel até que a caudal desapareza.
As femias posúen un lóbulo de 15 centímetros de diámetro [Cómpre referencia] na rexión xenital que permite diferenciar os sexos, xa que o pene dos machos está xeralmente escondido na rañura xenital. As baleas paren normalmente cada dous ou tres anos. A xestación dura once meses. De xeito excepcional, algunhas femias poden dar á luz dous anos seguidos.
A cría mide ao nacemento de catro a catro metros e medio e pesa aproximadamente 700 kg. É aleitado pola súa nai durante un ano, sendo súa única fonte de alimentación durante os seis primeiros meses. Os seis meses seguintes alternan co alimento que son capaces de capturar eles mesmos. As crías abandonan as súas nais ao inicio de seu segundo ano, cando alcanzan aproximadamente os nove metros de lonxitude.
A madurez sexual alcánzase aos cinco anos. Viven, xeralmente, de 40 a 50 anos.
A organización social dos xibardos é escasa, os individuos acostuman ser solitarios ou viven en grupos efémeros que duran só algunhas horas. As agrupacións son máis estábeis no verán, cando cooperan entre si con fins alimentarios. Raramente se describen relacións máis duradeiras, de meses ou anos, entre parellas ou pequenos grupos. A súa distribución mundial fai que sexan vistos moitas veces xuntamente con outras especies de cetáceos, mais raramente interaccionando.
O cortexo sexual é realizado durante o período do inverno. A competición pola parella é xeralmente intensa. Grupos de machos de dous até vinte exemplares reúnense ao redor dunha femia para realizar exhibicións variadas, que serven para estabeleceren as relacións dominantes entre os machos.
Este cortexo dura varias horas entre a chegada de novos pretendentes e a saída dos machos perdedores. Poden realizar saltos, golpes coas aletas na superficie, ataques a outros machos ou fugas. Suponse que o canto das baleas participa tamén no acto de cortexo, mais non está claro se o propósito é a identificación entre os machos, un chamado para o acto sexual en si, ou ambas. Porén, todos estes comportamentos tamén foron observados na ausencia completa de femias dispoñibles, o que levanta a posibilidade de que estes actos sexan ferramentas de comunicación, utilizadas con outros propósitos.
A especie aliméntase exclusivamente durante o verán e vive das súas reservas de graxa durante o inverno. É un predador activo que caza krill, copépodos e peixes en cardumes, como o arenque (Clupea harengus), o salmón, a xarda (Scomber scombrus), o abadexo (Pollachius virens), a arinca (Melanogrammus aeglefinus), no Atlántico Norte[7][8][9], sexa atacándoos directamente ou golpeando a auga con súas aletas para atordalos previamente.
O xibardo ten o máis diversificado repertorio de métodos de alimentación de todas as baleas.[10] Sen dúbida a técnica de pesca máis orixinal do xibardo é a de burbullas de ar. Varias baleas forman un grupo que cerca o cardume por baixo e expulsan o ar dos seus pulmóns, formando unha rede de bochas que van forzando o cardume a se concentrar e subir para a superficie. Esta cortina de bochas serve tamén para ocultar as baleas até o ataque final, cando estas soben coa boca aberta, tragando miles de peixes dunha única vez. O diámetro da rede das burbullas de ar pode alcanzar 30 metros e precisar da colaboración de 12 individuos. Algunhas baleas asumen a tarefa de crear as bochas, ao emitir sons, expulsando o ar a través dos seus espiráculos, e outras mergullan máis en dirección ao fondo para forzar os peixes a ascender.
Os xibardos poden ser atacadas polas candorcas. Eses ataques xeralmente non resultan en algo máis serio que rabuñaduras ou cicatrices, aínda que sexa probábel que, ocasionalmente, poidan matar algunhas crías.
| |||||
Problemas coa escoita deste ficheiro? Vexa a páxina de axuda. |
Alén das súas acrobacias acuáticas, os xibardos son coñecidas polos seus longos e complexos cantos musicais. Emiten, durante horas ou até días, patróns de notas graves que varían de amplitude e frecuencia, repetindo secuencias de forma coherente e organizada. As baleas soamente cantan durante o período de apareamento, por iso suponse que as cancións teñen por finalidade atraer parellas.
A canción, propia de cada balea, evoluciona lentamente durante súa vida e nunca volve a unha secuencia de notas xa cantada, mesmo anos despois[11].
O xibardo pode ser visto en todos os océanos, entre as latitudes 60ºS até 65ºN. É unha especie migratoria, que pasa os veráns nas augas frías de latitudes máis altas e que se reproduce en climas tropicais ou subtropicais. Percorren distancias de máis de 25.000 km ao ano, as máis longas entre os mamíferos. Como excepción, as poboacións do Golfo Pérsico non son migratorias e permanecen nas súas augas quentes todo o ano. Non hai xibardos no mar Báltico, no océano Ártico nin na parte máis oriental do Mediterráneo.
A poboación de xibardos parece reconstituírse máis facilmente que a doutras especies de grandes baleas. A poboación pasou dun mínimo de 20.000 exemplares na moratoria de 1966 de máis de 35.000 na actualidade. En comparación, a balea azul permaneceu con seus 3.000 exemplares todo ese período. Estímase que a poboación de xibardos se compón de 11.600 individuos no Atlántico norte, 7.000 no océano Pacífico norte e polo menos 17.000 exemplares no hemisferio sur.
Aínda que se coñecía perfectamente a anatomía dos xibardos, como consecuencia da súa caza, os fenómenos de migración e de comportamento social non foron descritos cientificamente até a década de 1960 por dous estudos distintos de R. Chittleborough e de W.H. Dawbin.
Roger Payne e Scott McVey estudaron os xibardos en 1971. As súas análises dos cantos atraeron o interese mundial dos medios de comunicación producindo no público unha imaxe da especie de alta intelixencia, probabelmente sobreestimada. Porén, esta sobreestimación axudou as organizacións que se opuñan a súa caza.
Cando os científicos conseguiron que os deseños da aleta caudal puidesen servir como medio para identificar os individuos, o xibardo transformouse na especie máis estudada, xa que as demais especies non tiñan ningún sistema simple de identificación. Un traballo baseado en datos obtidos de 1973 a 1988 sobre exemplares do Atlántico norte proporcionou información detallada sobre a xestación, a desteta, o crecemento etc. Grazas a este descubrimento púidose moldear de forma precisa a dinámica da poboación da especie como se fose usada a técnica de reserva e recaptura. Durante este período creouse un catálogo fotográfico de todas as baleas do Atlántico norte, administrado polo Wheelock College.[12] Outros proxectos similares están sendo realizados no Pacífico norte e noutras rexións.
As baleas están presentes nos contos de mariñeiro desde sempre. O espectáculo destas criaturas xigantescas saltando sobre a auga explica gran parte desa atracción. O xibardo deu, probabelmente, orixe aos mitos dos monstros mariños. Inclusive nos nosos días, os mergulladores que se encontran en proximidade con xibardos cantando din que se senten desorientados, probabelmente pola forza do son.
A caza ás baleas é realizada por razóns económicas:
Durante moito tempo se pensou que esta caza era de orixe prehistórica, mais sen ningunha proba real. En realidade, varias pinturas rupestres en Francia e España non foron recoñecidas como representando escenas deste tipo de caza até recentemente.
As primeiras pegadas históricas aceptas xeralmente eran documentos que proban que os vascos xa practicaban esta caza no século XI e un poema xaponés anterior ao século X. Nos dous casos trátase dunha caza industrial sobre animais que chegan ou viaxan a unha zona de reprodución durante súas migracións anuais. As especies cazadas pertencían ao grupo das baleas francas Eubalaena glacialis (balea franca do Cantábrico ou de Biscaia) e Eubalaena japonica (balea do Pacífico Norte). Estes animais nadan lentamente e os seus corpos flotan naturalmente, unha vez mortos, o que facilita súa retirada da auga.
Con todo, en 2004, a hipótese da orixe prehistórica da caza baleeira volveu rexurdir coa identificación, en Corea do Sur, de pinturas rupestres en Bangu-Dae, na baía do Ulsan. Nestas escenas están representados distintos cetáceos e varias pinturas que son interpretadas como escenas de caza con arpóns superpostos a siluetas de baleas. Identificáronse nestas pinturas a Eubalaena japonica e a balea "cinza". Todo indica que esta práctica desapareceu coa promulgación de distintos decretos reais do século VI, que prohibían a caza de animais baixo influencia do Budismo.
Estes elementos serviron para reinterpretar as pinturas rupestres francesas, españolas e, en xeral, de toda Europa do norte e a presenza de ósos de cetáceos (golfiños e focas) nas escavacións paleolíticas das cales era difícil determinar se proviñan de caza ou da depredación de individuos encallados. Actualmente os especialistas consideran que isto nos trae as primeiras pistas sobre a caza baleeira no 5.000 a.C.
A práctica desta caza coñeceu un grande auxe coa aplicación de medios industriais a partir do século XIX, sobre todo en Europa e Rusia. A guerra ruso-xaponesa, ocorrida entre os séculos XIX e o XX, tiña como motivo central o acceso aos recursos baleeiros do mar do Xapón e do Pacífico Norte.
Neste período introduciuse tecnoloxía de caza moi importante:
Durante o século XX, polo menos 200.000 baleas foron capturadas. A poboación global foi reducida en máis do 90%. Despois da desaparición dalgunhas especies, unha comisión internacional foi creada en 1949. Algúns países (España, Francia, Países Baixos, Inglaterra) renunciaron a esta actividade de forma voluntaria. Para impedir a extinción da familia, instituíuse unha moratoria internacional en 1966, que continúa sendo aplicada actualmente. Cando esta moratoria foi decidida, as baleas eran xa tan raras que a súa caza non era rendible. Oficialmente tíñanse cazado 250.000 exemplares, mais probabelmente o número era moito maior. A Unión Soviética era considerada o país que máis mentía sobre estes datos, declarando 2.710 capturas mentres que actualmente se calcula que cazaron polo menos 48.000 exemplares[13].
Desde 2004 está permitida unha caza limitada nas illas San Vicente e as Granadinas, no Caribe. Suponse que esta caza non pon en risco a poboación local[10].
Segundo os defensores das baleas, a supervivencia das especies aínda non pode ser asegurada por varias razóns:
Soamente algúns países continúan practicando esta caza, a pesar da nova moratoria de 1985:
Os xibardos son curiosos, aproxímanse espontaneamente aos barcos e nadan ao redor. Mentres este comportamento é un certo suicidio se o barco é un baleeiro, fai desta especie un obxectivo ideal do turismo de observación de baleas en varios lugares do mundo desde 1990.
Os lugares de observación son, por exemplo, a costa norte do océano Pacífico fronte ao estado de Washington, a illa de Vancouver e Alasca; a costa sur do océano Pacífico fronte a Sydney; a costa norte do océano Atlántico fronte a Nova Inglaterra (Boston) ou fronte á península de Snaefelsnes (oeste da Islandia), Baía de Samana e Banco da Plata (República Dominicana). O xibardo é moi popular, xa que demostra comportamentos de ostentación que cativan ao público. Como outros cetáceos, as nais son xeralmente moi protectoras coas súas crías, tentando por todos os medios colocarse entre estas e os barcos.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.