Xasón[1] é un heroe da mitoloxía grega. Era fillo de Alcímeda e de Esón, rei de Iolcos, quen foi destronado polo seu irmán Pelias. O oráculo advertira a Pelias de que un home calzado cunha soa sandalia poría en perigo o seu trono.

Thumb
O Xasón de Gustave Moreau (Museo de Orsay)

Xasón foi educado polo centauro Quirón ata que foi adulto. Cando fixo os vinte anos, dirixiuse a Iolcos disposto a recuperar o trono que por herdanza lle pertencía. No camiño, tivo que cruzar un río onde perdeu unha das súas sandalias. Ao chegar á cidade, foi chamado polo seu tío Pelias e este, ao darse conta de que aquel podía ser o home que anunciaba o oráculo, decidiu afastalo da súa terra enviándoo a unha difícil misión: viaxar ata a Cólquida (ao pé do Cáucaso), e traer de alí o vélaro de ouro, que era a pel dun carneiro fabuloso que salvara a vida a Frixo, antepasado de Pelias, e trasladouno á Cólquida. Alí Frixo ofreceu en sacrificio a Zeus este carneiro e logo regalou a pel do animal, que era de ouro, ao rei Eetes, que o depositou nunha árbore custodiada por dous touros que botaban lume pola boca e unha serpe que endexamais durmía.

Os Argonautas

Xasón, acompañado dun grupo duns cincuenta heroes gregos (Orfeo, Cástor, Pólux, Peleo, Hércules, Teseo, Laertes, Atalanta —única muller da expedición, famosa corredora e porteira—, Meleagro...) organizou a expedición. Encargoulle a Argos a construción do navío que recibiu o nome de Argo en homenaxe ao seu construtor. E do nome da nave tomaron á súa vez o de Argonautas (mariñeiros de Argo) os heroes que nela embarcaron. Reunidos pois os Argonautas, fixéronse ao mar en dirección á Cólquida.

Non moito despois chegaron á illa de Lemnos, onde só habitaban mulleres. A raíña, Hipsípila, que se namorou de Xasón, contoulle que as mulleres da illa foran castigadas pola deusa Afrodita por non lle renderen culto impregnándoas dun cheiro tan desagradable que os homes as rexeitaron e se uniron en troques con mulleres das illas veciñas. En vinganza, as lemnias mataron os homes da illa. Os Argonautas permaneceron con elas un tempo e logo marcharon.

Logo de pasar por algúns países, chegaron a Salmideso, onde atoparon a Fineo, cego e adiviño, ao que os Argonautas axudaron a se desfacer das Harpías, monstros voadores con rostro de muller, garras e ás, que, cumprindo un castigo imposto polos deuses, impedían que Fineo se puidese alimentar.

Fineo, en agradecemento, informou aos Argonautas sobre o camiño a seguir ata a Cólquida e ademais díxolles como podían superar o perigo que lles esperaba ao chegaren ás Rochas Azuis, dous enormes penedos flotantes en continuo movemento que chocaban entre si esmagando a todos os que pretendían pasar entre elas.

Superado este obstáculo, chegaron á Cólquida. Xasón anunciou o seu propósito ao seu rei Eetes. Este díxolle que lle peritiría ir onda o vélaro de ouro se antes daba xunguido os dous touros que o custodiaban, arar un campo con eles, botar sobre os sucos uns dentes que entregara Atenea ao rei e logo vencer unha serpe que nunca durmía e que permanecía a carón da árbore onde se achaba o vélaro. Medea, a filla do rei Eetes, que era feiticeira, namorouse apaixonadamente de Xasón e axudouno coa súa bruxaría a levar a bo termo a súa fazaña, previo compromiso de Xasón de levala consigo a Iolcos.

Deu a Xasón unha apócema máxica para que non lle fixesen dano os touros monstruosos. Unha vez que deu xunguido os touros, lanzou os dentes sobre os sucos feitos na terra. Deles brotaron centos de homes armados que se lanzaron contra o heroe, pero este, seguindo as instrucións de Medea, guindou unha pedra entre eles e os exércitos enfrontáronse entre si. Logo, Medea provocou un terrible soño á serpe, Xasón apoderouse da prezada pel e fuxiu cos seus homes, con Medea e co irmán desta, Apsirto, na súa embarcación. Os homes de Eetes perseguiron a nave e Medea matou a seu irmán, esnaquizouno e botouno ao mar. O rei Eetes recolleu os restos do seu fillo e perdeu de vista aos Argonautas.

Logo disto, os Argonautas emprenderon o regreso sorteando diversos perigos: tempestades, o asedio das Sereas, o ataque dos monstros Escila e Caribdis. Finalmente chegaron a Iolcos. Alí Pelias recibiu de Xasón o vélaro e logo morreu ás mans das súas propias fillas por unha artimaña de Medea. Entón Xasón e Medea fuxiron a Corinto. Tiveron dous fillos. Pero máis tarde Xasón repudiou a súa muller para casar con Glauca, filla do rei de Corinto. Medea, para se vingar, acabou coa vida de Glauca e coa dos fillos que tivera con Xasón.

Xasón e o cinema

Existen cinco filmes que tratan sobre a viaxe dos argonautas en busca do vélaro: Jason and the Argonauts, 1963, dirixida por Don Chaffey na que salientan os efectos especiais de Ray Harryhausen, Jason and the Argonauts (2000) un telefilm producido por Hallmark, Medea (1969) de Pier Paolo Pasolini con Maria Callas, Os xigantes de Tessaglia (1961) e Hércules (1958).

Notas

Véxase tamén

Wikiwand in your browser!

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.

Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.