gravador inglés de moedas e medallas From Wikipedia, the free encyclopedia
William Wyon, nado en Birmingham en 1795 e finado en Brighton o 29 de outubro de 1851, foi un deseñador de moedas, gravador e medallista inglés, que ocupou o posto de gravador xefe da Real Casa da Moeda de Londres desde 1828 ata a súa morte.[1][2][3][4][5][6]
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1795 Birmingham, Reino Unido |
Morte | 29 de outubro de 1851 (55/56 anos) Londres, Reino Unido |
Lugar de sepultura | Cemitério de West Norwood (pt) |
Actividade | |
Lugar de traballo | Londres |
Ocupación | escultor, medallista, deseñador de selos, stampcutter (en) |
Período de actividade | (Con vida en: 1817 ) |
Membro de | |
Familia | |
Fillos | Leonard Charles Wyon |
Pai | Peter Wyon |
Descrito pola fonte | Dictionary of National Biography, 1885–1900 (en) The Encyclopedia Americana (mul) |
William Wyon naceu en 1795 nunha familia de medallistas e gravadores de Birmingham e xa con 14 anos se iniciaba no oficio como aprendiz co seu pai, Peter Wyon, que traballaba na Soho Mint de Matthew Boulton.[1][3][4]
En 1816, Wyon marchou a Londres, onde o seu tío e o seu curmán traballaban como empregados da Royal Mint. Alí estudou as obras de John Flaxman e asistiu ás clases da Royal Academy of Arts, e mesmo chegou a gañar a medalla de ouro da Sociedade das Artes por unha copia da cabeza de Ceres.[1][3][4]
A influencia do mestre escultor Flaxman, imprimiu en Wyon un estilo neoclasicista que caracterizou toda a súa obra.[7]
O mesmo 1816 da súa chegada a Londres, o seu curmán, Thomas Wyon Jr. foi nomeado gravador xefe da ceca real, e William participou nun concurso para o posto de segundo gravador, ao que conseguiu acceder, malia as reticencias iniciais do mestre da ceca, William Wellesley-Pole, irmán máis novo do Duque de Wellington.[1]
William Wyon entrou na Real Casa da Moeda de Londres en pleno proceso de actualización do sistema monetario, coñecido como o Great Recoinage de 1816. Participou no concurso convocado en 1817 para elixir os deseños das novas moedas, cun traballo coñecido como "as tres grazas" que celebraba a harmonía entre os territorios integrantes do Reino Unido, aínda que o escollido foi o deseño do célebre "San Xurxo e o dragón", do artista italiano Benedetto Pistrucci, tamén traballador da ceca.[1][4]
Ese mesmo 1817, faleceu aos 25 anos o seu curmán Thomas, co que quedou libre o posto de gravador xefe. Parecería esperable que este fose ocupado por William, xa que era o segundo gravador, mais o mestre de ceca determinou manter o posto formalmente vacante, aínda que lle encomendou as súas funcións o seu salario ao seu protexido, Benedetto Pistrucci, que non podía ser nomeado oficialmente, por ser de orixe estranxeira.[1][8]
Esta situación xerou tensións na relación entre ambos os artistas, que se mantivo durante case toda a década de 1820.[9] No entanto, en 1928, o daquela mestre de ceca da Royal Mint, George Tierney, solucionou a situación irregular da interinidade do posto nomeando a Pistrucci como medallista xefe e a William Wyon como gravador xefe.[1][4]
Durante os primeiros anos no cargo, Wyon foi autor dos cuños de varias moedas británicas a nome de Xurxo III (1760-1820), Xurxo IV (1820-1830), Guillerme IV (1830-1837) e Vitoria (1837-1901). Particularmente relevante foi o primeiro busto de adolescencia desta raíña, elaborado en 1838 e que se mantivo en moedas británicas e coloniais durante cinco décadas, coas iniciais WW no truncamento do pescozo.[1][5][10]
Ao longo da súa carreira, Wyon foi autor de 43 moedas do Reino Unido e outras de diversos territorios de soberanía británica (Australia, Jersey, Illa de Man, Indias Occidentais, Indias Orientais, Xibraltar, Malta, Hong Kong, India Británica, Mauricio, Illas Xónicas, Irlanda, Novo Brunswick, Nova Escocia, as Colonias do Estreito, Penang e Ceilán). Tamén deseñou moedas para outros países, como a República de Nova Granada, México, Portugal, Romanía, algúns estados alemáns ou Venezuela.[1][11]
Paralelamente á súa actividade no ámbito da moeda, Wyon foi tamén un prolífico autor de medallas. Ademais, os seus deseños foron utilizados tamén nos selos de correos británicos. O deseño do busto da raíña Vitoria que aparece nos selos de 1 penique e de 2 peniques que se imprimiron entre 1840 e 1879 (entre eles os célebres Penny Black e Two Pence Blue) foi tomado da medalla elaborada por Wyon en 1837 para conmemorar a visita real á cidade londiniense.[12] Tamén foi o autor dos cuños para a impresión doutras series de selos, entre eles o de 6 peniques de 1854, o de 10 peniques de 1848 e o dun xilin de 1847.[1][13]
En recoñecemento dos seus méritos artísticos, foi elixido membro de da Real Academia das Artes, en 1831 como membro asociado e, finalmente, en 1838 como membro pleno.[1][3][4]
No ámbito familiar, Wyon casou o 12 de abril de 1821 con Catherine Sophia Keele, terceira filla de John Keele, un cirurxián de Southampton, e xuntos tiveron dous fillos e dúas fillas.[4] O seu fillo máis vello, Leonard Charles Wyon, foi tamén un coñecido gravador de moedas e medallas, e foi segundo gravador, ás ordes do seu pai e posteriormente sucedeuno no posto de gravador xefe.[14][15]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.