Voo 11 de American Airlines
From Wikipedia, the free encyclopedia
From Wikipedia, the free encyclopedia
O Voo 11 de American Airlines foi un voo doméstico de tipo comercial nos Estados Unidos, que tiña previsto voar dende o Aeroporto Internacional Logan en Boston (Massachusetts) até o Aeroporto Internacional dos Ánxeles. O avión foi secuestrado por cinco homes e deliberadamente estrelado contra a Torre Norte do World Trade Center en Nova York, como parte dos atentados do 11 de setembro de 2001. Durante os primeiros 15 minutos de voo, despois da engalaxe do avión, os secuestradores feriron polo menos tres persoas e introducíronse pola forza na cabina de voo. Mohamed Atta, que era un membro de Al Qaeda e que fora adestrado como piloto de aviación, asumiu os controis.[1][2] Os controladores de tráfico aéreo déronse de conta de que o voo estaba en perigo cando o persoal de tripulación deixou de contestar as súas mensaxes. Advertiron que o voo fora secuestrado cando Atta por erro transmitiu anuncios ao control de tráfico aéreo.[3] A bordo, dous auxiliares de voo contactaron con American Airlines e proporcionáronlle informacións referentes aos secuestradores e ás feridas dos pasaxeiros e da tripulación.[4]
Voo 11 de American Airlines | |
---|---|
Traxectoria do voo. | |
Resumo | |
Data | 11 de setembro de 2001 |
Causa | secuestro |
Lugar | Torre Norte do World Trade Center |
Coordenadas | |
Finados | 92 do avión e uns 1 600 na Torre Norte |
Aeronave | |
Tipo de aeronave | Boeing 767-223ER |
Operador | American Airlines |
Rexistro | N334AA |
Pasaxeiros | 81 |
Tripulación | 11 |
Superviventes | 0 |
O avión foi estrelado contra a Torre Norte do World Trade Center ás 08:46. No impacto faleceron as 92 persoas que ían a bordo, incluíndo os secuestradores. O impacto e o fogo subsecuente causaron que a Torre Norte se derrubase, o que lle ocasionou a morte a centos de persoas. Durante os traballos de remoción dos cascallos do World Trade Center, os socorristas recuperaron e identificaron ducias de restos das vítimas do voo 11, mais non de todos.[5]
O avión do voo 11 de American Airlines era un Boeing 767-223ER, coa matrícula N334AA.[6] A capacidade da aeronave era de 158 pasaxeiros, pero o 11 de setembro a nave levaba só 81 pasaxeiros e 11 membros da tripulación. Era un transporte pequeno, do 51% da capacidade, mais o factor medio de carga do voo 11 nas mañás dos martes fora do 39% durante os meses anteriores ao 11 de setembro.[7] Os 11 membros da tripulación incluían o piloto John Ogonowski, o copiloto Thomas McGuinness, e os auxiliares de voo, Barbara Arestegui, Jeffrey Collman, Sara Low, Karen Martin, Kathleen Nicosia, Betty Ong, Jean Roger, Dianne Snyder e Madeline Sweeney.[8]
Mohamed Atta, o líder dos ataques, e o seu compañeiro Abdulaziz al-Omari chegaron ao aeroporto de Portland ás 05:40 UTC-5. Os dous tomaron o voo 5930 da aeroliña Colgan Air, que tiña programado partir ás 06:00 de Portland (Maine) cara a Boston. Os secuestradores tiñan billetes aéreos en primeira clase nun voo con conexión aos Ánxeles (California). Atta facturou dúas maletas e al-Omari ningunha.[7] Cando se rexistraron no aeroporto, o sistema informatizado de preselección de pasaxeiros (CAPPS) seleccionou a Atta para unha inspección adicional da súa equipaxe, pero acabou embarcando sen ningún problema.[9] O voo de Portland saíu puntual e chegou a Boston ás 06:45. Os outros tres secuestradores, Waleed al-Shehri, Wail al-Shehri, e Satam al-Suqami, chegaron ao aeroporto Logan ás 06:45, e deixaron un automóbil alugado no aparcadoiro do aeroporto. Ás 06:52, Marwan al-Shehhi, o secuestrador que pilotou o voo 175 de United Airlines, realizou unha chamada dende un teléfono público no aeroporto Logan ao teléfono móbil de Atta.[7][10]
Atta e al-Omari rexistráronse e pasaron polo control de seguridade en Boston, debido a que non lles entregaran os billetes de embarque para o voo 11 en Portland.[11] Por falta de tempo coa conexión, o persoal do aeroporto non embarcou as maletas de Atta no voo 11.[12][13] Suqami, Wail al-Shehri e Waleed al-Shehri tamén pasaron os controis do voo en Boston. Wail al-Shehri e Suqami facturaron cadansúa maleta e Waleed al-Shehri non facturou ningunha.[7] O sistema CAPPS seleccionou aos tres secuestradores para unha detallada revisión de equipaxe.[14] O sistema de revisión CAPPS estaba deseñado unicamente para examinar a equipaxe, e por esta razón os tres secuestradores non tiveron un control adicional de seguridade no posto de inspección.[15]
Ás 07:40, os cinco secuestradores atopábanse a bordo do avión, que tiña programado partir ás 07:45.[10][16] Mohamed Atta sentou en clase business, no asento 8D con Abdulaziz al-Omari no posto 8G, e Suqami no 10B. Waleed al-Shehri e Wail al-Shehri acomodáronse en primeira, nos asentos 2B e 2A respectivamente.[14] O avión rodou pola pista de acceso 26 e engalou do aeroporto Logan ás 07:59 usando a pista 4R, despois dunha demora de 14 minutos.[3][17]
"Moi ben, o meu nome é Betty Ong. Estou… no voo 11. Apuñalaron a nosa número 1. Apuñalaron a auxiliar. Ninguén sabe quen apuñalou a quen e tampoco podemos erguernos e ir á clase business neste momento porque ninguén pode respirar. E non podemos entrar na cabina de voo, a porta non abre". |
Fragmento da conversación telefónica da asistente de voo Betty Ong coa liña de emerxencia de American Airlines.[18] |
A Comisión Nacional sobre os Ataques Terroristas aos Estados Unidos estimou que o secuestro empezou ás 08:14, cando os pilotos deixaron de responder as solicitudes do control do tráfico aéreo de Boston.[10] Ás 08:13:29, o avión estaba superando os 26.000 pés (7.900 m) de altitude sobre o centro de Massachusetts, e os pilotos responderon a solicitude do control de tráfico aéreo de realizar un xiro de 20 graos á dereita. Ás 08:13:47, o control de tráfico aéreo pediulle aos pilotos que ascenderan á altitude de cruceiro de 35.000 pés (11.000 m) mais xa non obtiveron resposta.[3] Ás 08:16, o avión nivelouse á altitude de 29.000 pies (8.800 m) e pouco tempo despois desviouse da súa ruta planificada.[3] O control de tráfico realizou múltiples intentos de comunicación co voo 11, pero non obtiñan resposta, e ás 08:21, o voo parou de transmitir o sinal en modo C do transpondedor.[3][10]
Segundo as auxiliares de voo, Madeline Sweeney e Betty Ong, que contactaran con American Airlines, os secuestradores apuñalaran as asistentes de voo Karen Martin e Barbara Arestegui, e acoitelaran na gorxa ao pasaxeiro Daniel Lewin.[19][20][21] Lewin, un empresario de Internet, servira no pasado como oficial na unidade de elite Sayeret Matkal das Forzas de Defensa Israelís.[22] Lewin estaba sentado no asento 9B, e Suqami estaba sentado no asento de atrás, o 10B.[23] A Comisión Nacional sobre Ataques Terroristas suxeriu que posiblemente Suqami foi quen apuñalou e matou a Lewin despois de que este intentase evitar o secuestro.[10] Durante unha chamada de catro minutos co centro de operacións de American Airlines, Ong informou sobre a falta de comunicación e a falta de acceso á cabina de voo, e as feridas dos pasaxeiros.[4] Ademais indicou os números de asento que lles foran asignados aos secuestradores, o que lles permitiu máis tarde aos investigadores coñecer as súas identidades.[4]
| |||||
Problemas coa escoita deste ficheiro? Vexa a páxina de axuda. |
Ás 08:23:38, Atta intentou realizarlles un anuncio aos pasaxeiros, pero premeu o botón equivocado e enviou unha mensaxe ao control do tráfico aéreo.[24] Os controladores de tráfico aéreo de Boston escoitaron a mensaxe de Atta: “Temos algúns avións, permanezan en silencio e estarán ben. Estamos regresando ao aeroporto”. Ás 08:24:56 anunciou, “Que ninguén se mova. Todo vai ben. Se intentan realizar algún movemento, poranse en perigo a vostedes mesmos e o avión. Permanezan en silencio”.[3] Como antes, Atta pensaba que estaba comunicándose só cos pasaxeiros, pero a súa voz foi recollida e gravada polos controladores de tráfico aéreo. Despois das transmisións de Atta e da imposibilidade de contactar co avión comercial, os controladores de Boston déronse conta de que o avión fora secuestrado.[25] Posteriormente, os controladores discutiron acerca do significado da frase, intentando descifrar se Atta indicaba que había máis avións secuestrados. Ás 08:26, o avión virou en dirección sur.[3] Ás 08:32, o centro de comando da Administración Federal de Aviación (FAA) en Herndon, Virxinia, notificoullo á sede central da FAA.[10]
| |||||
Problemas coa escoita deste ficheiro? Vexa a páxina de axuda. |
Ás 08:33:59, Atta anunciou, “Por favor, que ninguén se mova, estamos regresando ao aeroporto, non intenten ningún movemento estúpido”.[3] Ás 08:37:08, os pilotos do voo 175 de United Airlines verificaron a localización e dirección do voo 11 aos controladores de tráfico aéreo.[26] Os controladores de tráfico aéreo de Boston non seguiron o protocolo estándar e comunicáronse directamente co Comando de Defensa Aéreo Norteamericano (NORAD), e en concreto coa sucursal do Sector Nordeste de Defensa Aérea (NEADS) en Roma (Nova York).[10] O NEADS pediu dous caza F-15 da base aérea Otis Air de Falmouth (Massachusetts) para que interceptasen o voo 11. Os oficiais en Otis perderon algúns minutos intentando conseguir a autorización para que os cazas engalasen.[10] O voo 11 fixo o xiro final cara Manhattan ás 08:43.[3] A orde de envío dos avións F-15 concedeuse ás 08:46, e os cazas engalaron ás 08:53.[10][25] Para daquela, o voo 11 de American Airlines xa se estrelara contra a Torre Norte do World Trade Center.
Ás 08:46:40, os secuestradores espetaron o avión na fachada norte da Torre Norte (Torre 1) do World Trade Center.[3] O avión viaxaba a unha velocidade de 750 km/h e transportaba aproximadamente 38.000 litros de combustible. O impacto ocorreu entre os pisos 93 e 99 da Torre Norte.[27] En total, morreron as 92 persoas que estaban a bordo do avión.[28] David Angell, o creador e produtor executivo da serie televisiva Frasier, xunto á súa dona a actriz Berry Berenson estaban entre os pasaxeiros falecidos.[29]
Algunhas persoas que viron o avión voar a baixa altitude sobre Manhattan antes do choque pensaron que o avión estaba en perigo. O oficial de policía da autoridade portuaria de Nova York, William Ross, manifestou: “Estaba intentando observar o avión, o máis cerca posible en busca de fume, fogo ou cualquier tipo de estela de condensación. Non había ningún destes indicios. O tren de aterraxe non estaba estendido, e as comportas do tren de aterraxe estaban fechadas. O avión, estaba, como dixen, viaxando cara o sur e movéndose a alta velocidade. Estaba voando dereito e a un mesmo nivel. O piloto non parecía que estivera loitando por manter o control do avión”.[30] O tenente do Departamento de Bombeiros de Nova York, William Walsh tamén viu o avión: “Tiñamos a impresión de que parecía que estaba caendo, pero non escoitamos ningunha dificultade mecánica. Non podíamos comprender porque un avión de American Airlines estaba a tan baixa altitude no centro de Manhattan. Pensabamos que dalgún xeito se apartaría e se dirixiría ao Hudson. Pero só aumentou un pouco a súa altitude, nivelouse, e dirixiuse directo ao World Trade Center.”[31]
O dano causado á Torre Norte destruíu as posibilidades de calquera tipo de escape para a xente que se encontraba nos pisos sobre a zona de impacto. Todos os condutos de escaleiras e ascensores dende o piso 92 cara a arriba volvéronse intransitábeis, atrapando a 1.344 persoas.[32] De acordo co informe da comisión sobre os ataques terroristas aos Estados Unidos, centos de individuos morreron instantaneamente polo impacto, o resto de persoas quedaron atrapadas e faleceron polo subseguinte incendio e fume, tamén polo colapso final da Torre Norte, ou noutros casos, por tirárense ao baleiro dende o edificio.[33] Polo menos un conduto para ascensores transportou combustible en proceso de combustión cara aos niveis inferiores, explotando no nivel 77, no nivel 22, e no vestíbulo do lado oeste.[34][35]
Jules Naudet, un cámara francés e Pavel Hlava, un inmigrante checo, filmaron o impacto.[36][37] Ademais, unha cámara web instalada por Wolfang Staehle nunha exhibición de arte en Brooklyn, co obxectivo de captar imaxes de Lower Manhattan cada catro segundos, tamén capturou imaxes do voo 11 estrelándose contra a Torre Norte.[38]
Nun principio, os medios de comunicación informaron que houbera unha explosión ou incidente no World Trade Center. A cadea de televisión estadounidense CNN (Rede de noticias por Cable) interrompeu un anuncio publicitario ás 08:49 cun titular de última hora que titulaba “Desastre no World Trade Center”. Carol Lin, que foi a primeira xornalista en presentar a nova dos ataques, dixo:
"Si. Acaba de ocorrer. Vostedes están vendo obviamente unha toma en vivo moi perturbadora, e temos informes aínda non confirmados que un avión impactou nunha das torres do World Trade Center. A oficina central de CNN, está empezando neste momento a traballar nesta noticia, obviamente chamando as nosas fontes e tratando de determinar exactamente que sucedeu, pero claramente algo relativamente devastador está ocorrendo esta mañá no extremo sur da illa de Manhattan. É unha vez máis, unha imaxe dunha das torres do World Trade Center”.[39]
Posteriormente, nunha chamada transmitida en directo por televisión dende a axencia de CNN en Nova York, Sean Murtagh, o vicepresidente de finanzas de CNN, informou que un avión comercial de gran tamaño que transportaba pasaxeiros chocara contra o World Trade Center.[39] Finalmente, as outras cadeas de televisión interromperon a súa programación habitual para informar sobre a noticia do impacto. Nese preciso momento, o presidente dos Estados Unidos, George W. Bush, estaba chegando á escola Emma E. Booker Elementary School en Sarasota, Florida con motivo dunha visita, cando un dos seus asistentes informouno do desastre aéreo. O presidente comentou, “Isto é un erro do piloto. É incrible que alguén fixera isto. O individuo debeu ter un infarto”.[40] As primeiras noticias especulaban con que o impacto fora accidental, até que o voo 175 se espetou contra a Torre Sur ás 09:03.[41]
Despois do impacto, a Torre Norte incendiouse e derrubouse. A pesar de que o impacto causou un grave dano estrutural, o fogo provocado polo combustible foi declarado como a causa principal dos danos estruturais da torre.[43][44][45] Á parte das vítimas do avión e os ocupantes do edificio, centos de socorristas morreron cando a torre colapsou.[46] O banco de investimentos Cantor Fitzgerald, que ocupadaba os pisos 101-05 da Torre Norte do World Trade Center, perdeu 658 empregados, unha cantidade considerablemente maior que a doutras empresas.[47]
Días despois do ataque, atoparíanse fragmentos corporais das vítimas do voo 11 na localización do World Trade Center. Algúns socorristas encontraron corpos atados aos asentos do avión, e tamén o corpo dunha auxiliar de voo coas súas mans atadas, o cal suxire que posibelmente os secuestradores puideron ter empregado esposas de plástico.[48][49] Durante un ano, os médicos forenses identificaron os restos mortais de 33 vítimas que viaxaron a bordo do voo 11.[5] No 2006, tamén identificaron fragmentos corporais doutras dúas vítimas do voo 11 cerca da Zona cero, incluíndo a directora de asistentes de voo, Karen Martin.[50][51] Durante o mes de abril de 2007, os forenses recoñeceron outra vítima do voo 11 utilizando unha nova tecnoloxía de identificación de ADN.[52] Tamén se identificaron os restos mortais de dous secuestradores, que potencialmente poderían pertencer ao voo 11, os cales foron retirados da área temporal do monumento conmemorativo do 11 de setembro.[53] Non obstante, os restos mortais dos outros secuestradores non foron identificados e están soterrados no lugar conmemorativo coas outras vítimas.[54]
O pasaporte de Suqami resistiu o impacto e caeu nunha rúa confinante. O documento estaba humedecido con combustible, e foi recollido por un transeúnte, que entregou o pasaporte a un detective do corpo de policía de Nova York momentos antes de que a Torre Sur colapsara.[55][56] Os investigadores recuperaron a equipaxe de Mohamed Atta que non fora embarcada no voo. Na equipaxe de Atta encontraron o pasaporte e a licenza de conducir de al-Omari, un vídeo de simulación de voo para avións Boeing 757, unha navalla pregábel, e aerosol de pementa.[13] Nunha gravación encontrada meses despois en Afganistán, o líder de Al Qaeda, Osama bin Laden, aparentemente atribuíuse o ataque e dixo que el cría que as torres se derrubarían.[57] As caixas negras pertencentes ao voo 11 e ao voo 175 nunca foron localizadas.[58]
Despois dos ataques, o número de voo da mesma ruta e do lugar de engalaxe foron cambiados polo voo 25 de American Airlines, e ademais trocouse o Boeing 767 por un Boeing 757. Na ponte aérea do aeroporto Logan que empregou o voo 11 o día dos ataques izouse unha bandeira dos Estados Unidos.[59]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.