Visión das aves
From Wikipedia, the free encyclopedia
A visión das aves é moi boa e é o seu sentido máis importante, xa que unha boa visión é esencial para realizar un voo seguro e as aves presentan numerosas adaptacións para ter unha agudeza visual maior que a doutros grupos de vertebrados; ata tal punto que algún autor describiu as pombas dicindo que son "dous ollos con ás".[1] O ollo das aves lembra o dos réptiles, e ten músculos ciliares que poden cambiar rapidamente a forma do cristalino (a lente do ollo) e en maior medida que os mamíferos. As aves teñen os ollos máis grandes en relación co seu tamaño de todo o reino animal, e, en consecuencia, o movemento do ollo dentro da órbita está limitado.[1] Ademais de teren dúas pálpebras como as doutros vertebrados, teñen tamén unha terceira membrana transparente móbil protectora entre as pálpebras e o ollo. A anatomía interna do ollo é similar á doutros vertebrados, pero ten unha estrutura chamada pecten oculi (peite ocular), exclusiva das aves.
Algúns grupos de aves teñen modificacións específicas no seu sistema visual ligadas ao seu modo de vida. As aves de rapina teñen unha alta densidade de receptores e outras adaptacións que maximizan a agudeza visual. A situación dos seus ollos dálles unha visión binocular, grazas ao que poden xulgar con precisión as distancias. As especies nocturnas teñen ollos tubulares, un baixo número de detectores das cores, pero unha alta densidade de bastóns que funcionan ben con pouca luz. Os carráns, gaivotas e albatros están entre as aves mariñas que teñen pingas de aceite vermellas ou amarelas nos receptores da cor para melloraren a visión a distancia especialmente en condicións de néboa.