Cristalino
From Wikipedia, the free encyclopedia
O cristalino é un compoñente do ollo con forma de lente biconvexa que se atopa situado tralo iris e diante do humor vítreo. A súa función principal consiste en permitir enfocar obxectos situados a diferentes distancias. Este obxectivo conséguese mediante un aumento da súa curvatura e do seu espesor, proceso chamado acomodación. O cristalino caracterízase pola súa alta concentración en proteínas, que lle confiren un índice de refracción máis elevado que os fluídos que o rodean. Este feito é o que lle outorga a súa capacidade para refractar a luz, axudando á córnea a formar as imaxes sobre a retina.
A medida que medra a idade do suxeito, o cristalino vai perdendo progresivamente a súa capacidade para acomodar. Este fenómeno coñécese como presbicia ou vista cansa e as súas causas descoñécense. Afecta á totalidade da poboación a partir dos cincuenta anos de idade, esixindo o uso de lentes para enfocar obxectos achegados. A principal doenza que afecta ao cristalino son as cataratas. Por este nome coñécese a calquera perda da súa transparencia que afecte á visión. As súas causas son diversas e cando se atopan nun estado avanzado requiren dunha operación cirúrxica.