Pinga de aceite ocular
From Wikipedia, the free encyclopedia
Unha pinga de aceite ocular é unha pinga de aceite ás veces coloreado que se encontra nos ollos dalgúns animais, localizado dentro das células fotorreceptoras. Son especialmente comúns nos ollos de aves (ver visión das aves) e réptiles diúrnos, aínda que están presentes noutros taxons, como os peixes pulmonados, pero non existen no ollo humano.[1] Son moito máis frecuentes dentro dos conos da retina que dentro dos bastóns, o que suxire que exercen un papel na visión das cores. A súa presenza en bastóns pode implicar que estes foron modificados a partir duns conos ancestrais.[2] Ocasionalmente aparecen en dobres conos ou dobres bastóns.[2] Algunhas destas pingas de aceite están coloreadas, mentres que outras son incoloras. Dentro do cono están situadas no seu segmento interno, onde interceptan e filtran a luz antes de que esta pase ao segmento extrerno do cono, onde se encontra o pigmento visual.[3]
A vantaxe adaptativa das pingas de aceite non está firmemente establecida. As pingas de aceite coloreadas teñen un custo porque reducen a cantidade de luz dispoñible para o sistema visual.[4] Tamén reducen o solapamento na sensibilidade espectral entre diferentes tipos de conos (por exemplo, a sensibilidade ás lonxitudes de onda curtas ou ás medias ou longas). Isto pode ser beneficioso porque incrementa a cantidade de cores que poden ser discriminados, e os cálculos feitos por Vorobyev (2003) apoian a hipótese de que isto é un beneficio neto.[3]