Vera Rubin
astrónoma estadounidense / From Wikipedia, the free encyclopedia
Vera Cooper Rubin, nada en Filadelfia (Pensilvania) o 23 de xullo de 1928 e finada en Princeton (Nova Jersey) o 25 de decembro de 2016[1], foi unha astrónoma estadounidense, pioneira na medición da rotación das estrelas dentro dunha galaxia.[2] As súas medicións puxeron de manifesto que as curvas de rotación galáctica mantéñense planas, contradicindo o modelo teórico, sendo a evidencia máis directa e firme da materia escura.[3][4]
No seu obituario, Dennis Overbye (do The New York Times), dixo dela que "transformou a física moderna e a astronomía coas súas observacións amosando que as galaxias e estrelas están inmersas no control gravitacional de vastas nubes de materia escura. O seu traballo axudou a introducir un cambio de escala copernicano na conciencia cósmica, é dicir, a percepción do que os astrónomos sempre viran e pensaran que era o universo, é só a parte visible dun masivo iceberg de misterio."[5]