From Wikipedia, the free encyclopedia
Umberto Eco, nado en Alessandria (Piemonte) o 5 de xaneiro de 1932 e finado en Roma o 19 de febreiro de 2016, foi un profesor universitario e autor italiano de numerosos ensaios sobre semiótica, estética medieval, comunicación de masas, lingüística e filosofía, aínda que entre o grande público é coñecido especialmente polas súas novelas.
Doutorouse en 1954 pola Universidade de Turín cunha tese sobre Santo Tomé de Aquino e a escolástica medieval. Traballou como profesor nas universidades de Turín, Florencia e Milán. Foi titular da cátedra de Semiótica e director da Escola superior de Humanidades da Universidade de Boloña; é secretario da Asociación Internacional de Semiótica, que cofundou en 1969. Interesouse polas vangardas (A obra aberta; Opera Aperta, 1962), a cultura popular contemporánea (Apocalípticos e integrados; Apocalittici e integrati, 1964), a semiótica (A estrutura ausente; La struttura assente, 1968, Tratado de semiótica xeral; Trattato di semiotica generale, 1975 - texto fundamental), a teoría de recepción (Lector in fabula, 1979) ou Os limites da interpretación (I limiti dell'interpretazione, 1990). No Tratado presenta a súa famosa definición de que o signo é "todo aquilo que pode ser usado para mentir".
A súa primeira novela, O nome da rosa (1980),[1] resultou un éxito de vendas e crítica a nivel mundial a pesar do seu contido denso en referencias e discusións eruditas. Nesta novela posmodernista, na que se mesturan o xénero policíaco, o histórico e o filosófico, un monxe investiga unha serie de asasinatos relacionados coa biblioteca dun mosteiro que se converte no centro de herexías e controversias relixiosas medievais. Foi levada ao cine en 1986 por Jean-Jacques Annaud. Na súa segunda novela, O Péndulo de Foucault (Il pendolo di Foucault, 1988), uns editores deciden inventar unha macro-conspiración, construída a partir de teorías conspirativas clásicas, co resultado imprevisto de que se ven atrapados polo que crían que era só ficción. En Baudolino (2000) mestura todos os mitos posíbeis do medievo tardío nunha procura que vai máis alá do mundo coñecido. A misteriosa chama da raíña Loana (La misteriosa fiamma della regina Loana, 2005) é o bildungsroman dun rapaz italiano durante o fascismo narrado cando, maior xa, tenta recuperar a memoria da súa identidade tras un accidente que só lle permite lembrarse do que leu.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.