O Trypanosoma (tripanosoma) é un xénero de protistas cinetoplástidos (clase Kinetoplastida), un grupo monofilético[1] de protozoos unicelulares parasitos flaxelados. O nome deriva do grego trypano (broca) e soma (corpo) porque se moven cun movemento en espiral como un sacarrollas. Todos os tripanosomas requiren máis dun hóspede obrigatorio para completar o seu ciclo de vida e transmítense por medio dun animal vector. A maioría das especies son transmitidas por invertebrados hematófagos, pero utilizando diferentes mecanismos segundo as especies. No hóspede invertebrado atópanse xeralmente no intestino, e no hóspede vertebrado aparecen normalmente no sangue ou dentro das células.

Máis información Trypanosoma, Clasificación científica ...
Trypanosoma

Trypanosoma sp. entre células sanguíneas
Clasificación científica
Dominio: Eukaryota
Reino: Excavata
Filo: Euglenozoa
Clase: Kinetoplastida
Orde: Trypanosomatida
Xénero: Trypanosoma
Gruby, 1843
Pechar

Os tripanosomas infectan unha variedade de hóspedes e causan varias doenzas, entre as cales hai doenzas humanas importantes como a enfermidade do sono (ou tripanosomíase africana), causada polo Trypanosoma brucei, e a enfermidade de Chagas, causada polo Trypanosoma cruzi.

O xenoma mitocondrial do Trypanosoma, e a doutros cinetoplástidos, coñecido como cinetoplasto, está feito dunha serie complexa de círculos concatenados e minicírculos e require un conxunto de proteínas para a súa organización durante a división celular.

Historia

A primeira especie do xénero Trypanosoma que froi identificada foi atopada na troita por Gabriel Valentin en 1841. Non foron identificadas nos mamíferos ata 25-30 anos máis tarde.

Principais especies

Thumb
Trypanosoma cruzi.

As dúas especies máis importantes por ser parasitos humanos relevantes son Trypanosoma brucei (enfermidade do sono) e Trypanosoma cruzi (enfermidade de Chagas), pero hai outras especies que parasitan a moitos vertebrados. As especies máis importantes de Trypanosoma son as seguintes:

  • T. ambystomae. en anfibios
  • T. antiquus, extinto (fósil atopado en ámbar do Eoceno)
  • T. avium, que causa tripanosomíase en aves
  • T. boissoni, en peixes elasmobranquios
  • T. brucei, que causa a enfermidade do sono ou tripanosomíase africana nos humanos e a nagana no gando vacún (doenza parecida á enfermidade do sono humana)
  • T. cruzi, que causa a enfermidade de Chagas nos humanos
  • T. congolense, que causa o nagana no gando ruminante, e en cabalos e moitos outros animais silvestres
  • T. equinum, en cabalos do América do Sur, transmitídos por insectos tabánidos
  • T. equiperdum, que causa unha enfermidade de transmisión sexual nos cabalos e outros équidos, que se pode contaxiar por vía sexual sen utilizar un vector
  • T. evansi, que causa unha das formas da enfermidade chamada surra en certos animais (só se informou dun caso de infección en humanos en 2005 na India[2] que foi tratado exitosamente con suramina[3])
  • T. everetti, en aves
  • T. hosei, en anfibios
  • T. irwini, en coalas
  • T. lewisi, en ratas
  • T. melophagium, en ovellas, transmitidos polo insecto díptero Melophagus ovinus
  • T. paddae, en aves
  • T. parroti, en anfibios
  • T. percae, no peixe Perca fluviatilis
  • T. rangeli, que se cre non é patóxeno para os humanos
  • T. rotatorium, en anfibios
  • T. rugosae, en anfibios
  • T. sergenti, en anfibios
  • T. simiae, que causa a nagana en porcos. Os seus principais reservorios son o xabarín verrugoso e porcos silvestres
  • T. sinipercae, en peixes
  • T. suis, que causa unha forma diferente de surra
  • T. theileri, un gran tripanosoma que infecta aos ruminantes
  • T. triglae, en peixes teleósteos mariños
  • T. vivax, que causa a enfermidade nagana, principalmente en África Occidental, aínda que tamén se estendeu a América do Sur [4]

Ciclos vitais e morfoloxías

Thumb
As seis morfoloxías principais dos tripanosomátidos.

Existen dous tipos de tripanosomas diferentes, con ciclos de vida difrerentes, as especies salivarias e as estercorarias.

Os tripanosomas estercorarios infectan insectos, xeralmente o Triatoma, desenvólvese na parte posterior do seu aparato dixestivo e os protozoos infectivos son liberados nas feces, que son depositadas na pel do hóspede. O organismo entón penetra e pode diseminarse polo corpo. Os insectos volven a infectarse cando se alimentan de sangue do hóspede. Destaca o T. cruzi.

Os tripanosomas salivarios desenvólvense na parte anterior do aparato dixestivo do insecto (probóscide, hipofarinxe), e o vector máis importante é a mosca tse-tse. Os organismos infectivos son inoculados no hóspede cando pica e segrega saliva antes de alimentarse. Destaca T. brucei.

A medida que os tripanosomas progresan no seu ciclo vital van sufrindo unha serie de cambios morfolóxicos como ocorre en todos os tripanosomátidos. O ciclo vital xeralmente presenta unha forma tripomastigota no hóspede vertebrado e unha forma tripomastigota ou promastigota no aparato dixestivo do hóspede invertebrado. Na fase intracelular do ciclo de vida o protozoo está normalmente na forma amastigota. Nos tripanosomátidos a morfoloxía tripomastigota é exclusiva das especies do xénero Trypanosoma, na que o flaxelo percorre toda a célula formando unha membrana ondulada.

Notas

Véxase tamén

Wikiwand in your browser!

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.

Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.