![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/7/7a/Griffith_experiment-gl.svg/langgl-640px-Griffith_experiment-gl.svg.png&w=640&q=50)
Transformación xenética
From Wikipedia, the free encyclopedia
En bioloxía molecular denomínase transformación á alteración xenética dunha célula como resultado da captación a través da membrana celular, incorporación e expresión de material xenético exóxeno (ADN exóxeno) do medio que a rodea. A transformación ten lugar de forma natural nalgunhas especies de bacterias (transformación bacteriana), pero pode tamén efectuarse por medios artificiais noutras células. Para que se produza a transformación, as bacterias deben estar nun estado chamado competente ou de competencia, que pode acontecer como unha resposta por tempo limitado ás condicións ambientais como escaseza de nutrientes e densidade celular. A transformación é un dos tres procesos polos cales o material xenético exóxeno pode introducirse nunha célula bacteriana; os outros dous son a conxugación bacteriana (na que as células transfiren ADN por contacto directo) e a transdución (na que un virus transporta xenes dunha bacteria a outra). O termo "transformación" pode utilizarse tamén para describir a inserción de novo material xenético en células non bacterianas, como fungos, plantas e animais, pero especialmente para os animais prefírese usar o termo transfección para non confundila coa "transformación" celular que ten lugar durante o cáncer. A introdución de ADN alleo en células eucariotas denomínase "transfección".[1]
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/7/7a/Griffith_experiment-gl.svg/640px-Griffith_experiment-gl.svg.png)