Conxugación bacteriana
From Wikipedia, the free encyclopedia
A conxugación bacteriana é a transferencia de material xenético entre células bacterianas por contacto directo entre células ou pola formación dunha ponte de conexión entre as células.[1] Foi descuberta en 1946 por Joshua Lederberg e Edward Tatum.[2] A conxugación é un mecanismo de transferencia horizontal de xenes, e xunto coa transformación e a transdución (que non implican contacto entre células), é un mecanismo denominado parasexual, xa que lembra algúns aspectos da sexualidade (intercambio de xenes), aínda que é moi diferente dunha reprodución sexual, xa que as células non se reproducen (empezan sendo dúas e acaban sendo dúas) nin se pode falar propiamente de "sexos" senón de bacterias doantes e receptoras, e xeralmente só se transmite unha pequena cantidade de material xenético.[3]
Durante a conxugación, a célula doante do material xenético cede un elemento xenético mobilizable ou conxugativo, que adoita a ser un plásmido ou un transposón.[4][5] A maioría dos plásmidos conxugantes teñen sistemas para asegurar que a célula receptora non contén xa un elemento similar.
A información xenética transferida é con frecuencia beneficiosa para o receptor, xa que pode conter xenes para a resistencia a antibióticos, tolerancia xenobiótica ou capacidade de utilizar novos metabolitos.[6] Estes plásmidos beneficiosos poden ser considerados similares a endosimbiontes bacterianos. Outros elementos transferidos poden non conter xenes beneficiosos e poden considerarse similres a parasitos, que se reproducen, e a conxugación podería interpretarse como un mecanismo que evolucionou para permitir a súa propagación.