Terceiro xénero
From Wikipedia, the free encyclopedia
Os termos terceiro sexo e terceiro xénero serven para describir individuos que se considera que non son nin homes nin mulleres, do mesmo xeito que a categoría social presente naquelas sociedades que recoñecen tres ou máis xéneros.
O estado de non ser nin masculino nin feminino pode entenderse en relación ao sexo, rol xenérico, identidade de xénero ou orientación sexual do individuo. En diferentes culturas (ou para diferentes individuos), un terceiro sexo ou xénero pode representar un estado intermedio entre homes e mulleres, un estado no que se é ámbolos dous (algo así como "o espírito dun home no corpo dunha muller"), un estado no que non se é ningún, a habilidade de cambiar de xénero, ou unha categoría totalmente independente do masculino e o feminino. Esta última definición é a escollida por aqueles que argumentan por unha interpretación estrita do concepto de "terceiro xénero".
Este termo empregouse para describir os hijras da India e Paquistán[1] os mahu da Polinesia, os muxe' Zapotecas de México e as virxes xuradas dos Balcáns,[2], entre outros. Tamén é empregado por moitos grupos e individuos para describirse a si mesmos. No Occidente, as persoas lesbianas, gais, transxénero e intersexuais foron descritos como pertencentes a un terceiro sexo ou xénero, aínda que algúns poñen obxeccións a esta caracterización.
O termo "terceiro" enténdese como o "outro"; algúns antropólogos describiron un cuarto,[3] [4] quinto,[5] e ata moitos máis xéneros.[6]