deporte From Wikipedia, the free encyclopedia
O tenis é un deporte que disputado entre dous xogadores (individuais) ou entre dous equipos formados por dous xogadores cada un (dobres). Cada xogador usa unha raqueta para golpear unha pelota de goma oca cuberta de feltro por riba dunha rede cara á cancha do opoñente.
O tenis moderno orixinouse no Reino Unido a finais do século XIX como "tenis de céspede",[1] que tiña moitas similitudes con varios xogos de herba, así como co xogo antigo do tenis real.[2] O tenis é un deporte olímpico, ademais de ser xogado por persoas de distintos niveis sociais de tódalas idades. O deporte pódese xogar por calquera que poida agarrar unha raqueta, o que inclúe as persoas en cadeira de rodas.
As regras do tenis cambiaron moi pouco desde a década de 1890. Dúas excepcións son que desde 1908 ata 1960 o xogador que sacaba debía ter un pé no chan todo o tempo e a adopción do tie-break nos anos 70. Ademais, recentemente produciuse a inclusión no tenis profesional dunha tecnoloxía electrónica de revisión xunto a un sistema de impugnación de puntos que permite a un xogador rebater a decisión dun xuíz (de liña ou cadeira) de se a pelota entrou ou non.
O tenis é moi popular en todo o mundo grazas aos catro torneos Grand Slam: o Aberto de Australia, Roland Garros, Wimbledon e o Aberto dos Estados Unidos.
Os historiadores cren que a antiga orixe do xogo estaba no norte de Francia do século XII, onde se golpeaba unha pelota coa palma da man.[3] Lois X de Francia foi un entusiasta xogador do jeu de paume ("xogo da palma"), que evolucionou cara ao tenis real, e fíxose notable como a primeira persoa do mundo en construír pistas de tenis cubertas no estilo moderno. Lois non estaba satisfeito xogando ao tenis ao aire libre e, en consecuencia, tiña pistas cubertas e pechadas feitas en París "ao final do século XIII".[4] No seu momento este deseño estendeuse polos pazos reais de toda Europa.[4] En xuño de 1316 en Vincennes, Val do Marne, e despois dun xogo particularmente esgotador, Lois bebeu unha gran cantidade de viño arrefriado e, posteriormente, morreu de pneumonía ou pleurite, aínda que tamén se sospeitaba un envelenamento.[5] Debido aos relatos contemporáneos da súa morte, Lois X é o primeiro tenista da historia coñecido polo seu nome.[5] Outro dos primeiros entusiastas do xogo foi o rei Carlos V de Francia, que tiña unha corte estabelecida no Palacio do Louvre.[6]
Non foi ata o século XVI cando as raquetas comezaron a usarse e o xogo comezou a chamarse "tenis", do termo francés tenez, que se pode traducir como "recibe!" ou "toma!", unha interxección usada como chamada do servidor ao seu opoñente.[7] Foi popular en Inglaterra e Francia, aínda que o xogo só se xogaba no interior, onde o balón podía ser golpeado contra a parede. Henrique VIII de Inglaterra era un gran seareiro deste xogo, que no presente se coñece como tenis real.[8]
Durante o século XVIII e comezos do XIX, a medida que o tenis real esmorecía, xurdiron novos deportes de raqueta en Inglaterra.[9] A invención do primeiro cortacéspede en Gran Bretaña en 1830 crese que foi un catalizador para a preparación de pistas de herba de estilo moderno, óvalos deportivos e campos de xogo. Isto, á súa vez, levou á codificación de regras modernas para moitos deportes, incluído o tenis de herba, a maioría dos códigos de fútbol entre outros.[10]
Entre 1859 e 1865, Harry Gem, un avogado, e o seu amigo Augurio Perera desenvolveron un xogo que combinaba elementos de raquetas e o xogo de pelota vasca, que xogaban no céspede de cróquet de Perera en Birmingham, Inglaterra.[11][12] En 1872, xunto con dous médicos locais, fundaron o primeiro club de tenis do mundo en Avenue Road, Leamington Spa.[13] Aquí é onde se utilizou por primeira vez "tennis sobre herba" como nome dunha actividade dun club.
En Tennis: A Cultural History, Heiner Gillmeister revela que o 8 de decembro de 1874, o oficial do exército británico Walter Clopton Wingfield escribiu a Harry Gem, comentando que el (Wingfield) levaba "un ano e medio" experimentando coa súa versión do tenis sobre herba.[14] En decembro de 1873, Wingfield deseñou e patentou un xogo que el chamou sphairistikè (grego: σφαιριστική, que significa "xogo de pelota"), e que axiña se coñeceu simplemente como "sticky" (pegañento), para o divertimento dos invitados a unha festa no xardín na propiedade do seu amigo de Nantclwyd Hall, en Llanelidan, Gales.[15] Segundo R. D. C. Evans, un agrónomo, "todos os historiadores do deporte coinciden en que [Wingfield] merece gran parte do crédito polo desenvolvemento do tenis moderno".[9][16] Segundo Honor Godfrey, conservador do museo de Wimbledon, Wingfield "popularizou enormemente este xogo. Produciu unha caixa que incluía unha rede, paus, raquetas, pelotas para xogar, e o máis importante era que tiñas as súas regras. Era moi bo en mercadotecnia e enviou o seu xogo por todo o mundo. Tiña moi boas conexións co clero, cos avogados e a aristocracia e enviou miles de paquetes no primeiro ano máis ou menos, en 1874".[17] O torneo anual de tenis máis antigo do mundo tivo lugar no Leamington Lawn Tennis Club de Birmingham en 1874.[18] Isto foi tres anos antes de que o fixera o All England Lawn Tennis and Croquet Club cos seus primeiros campionatos en Wimbledon, en 1877. Os primeiros campionatos culminaron cun debate significativo sobre como estandarizar as regras.[17]
Nos Estados Unidos en 1874, Mary Ewing Outerbridge, unha nova socialite, regresou das Bermudas cun conxunto de sphairistikè. Ela quedou fascinada polo xogo de tenis despois de ver xogar aos oficiais do exército británico.[19] Ela puxo unha pista de tenis no Staten Island Cricket Club de Camp Washington, Tompkinsville, Staten Island, en Nova York. O primeiro campionato nacional estadounidense xogouse alí en setembro de 1880. Un inglés chamado O.E. Woodhouse gañou o título individual e unha copa de prata por valor de 100 dólares ao derrotar ao canadense I. F. Hellmuth.[20] Tamén houbo un partido de dobres que foi gañado por unha parella local. Había regras diferentes en cada club. A pelota en Boston era máis grande ca a que se usaba normalmente en Nova York.
O 21 de maio de 1881, creouse a organización de tenis nacional máis antiga do mundo,[21] a Asociación Nacional de Tenis sobre Herba dos Estados Unidos (agora Asociación de Tenis dos Estados Unidos) co fin de estandarizar as regras e organizar competicións.[22] O Campionato Nacional de Individual Masculino dos Estados Unidos, agora Aberto dos Estados Unidos, celebrouse por primeira vez en 1881 no Casino de Newport, en Newport, Rhode Island.[23] Os Campionatos Nacionais de Individuais Femininos dos Estados Unidos celebráronse por primeira vez en 1887 en Filadelfia.[24]
O tenis tamén se popularizou en Francia, onde o Torneo de Roland Garros data de 1891, aínda que ata 1925 só estaban abertos aos tenistas que eran membros de clubs franceses.[25] Así, Wimbledon, o Aberto dos Estados Unidos, o Aberto de Francia e o Aberto de Australia (que data de 1905) convertéronse e seguiron sendo os eventos máis prestixiosos do tenis.[26][27] Xuntos, estes catro eventos chámanse Majors ou Slams (un termo tomado do bridge no canto do béisbol).[28]
A raqueta de tenis está formada por unha empuñadura ou mango que une cun marco máis ou menos circular que contén un conxunto de cordas fortemente tensadas e entrelazadas as unhas coas outras de xeito vertical e horizontal. Durante o primeiro século do xogo moderno, as raquetas eran de madeira e de tamaño estándar, e as cordas estaban feitas de intestinos de animal. A construción de raquetas de madeira laminada proporcionou máis forza durante gran parte do século XX ata a primeira de metal e, máis tarde, a introdución das compostas de grafito, cerámica e metais pouco pesados como o titanio. Estes materiais máis fortes permitiron a produción de raquetas de máis tamaño que tiñan un rendemento aínda maior. Entrementres, a tecnoloxía conduciu ao uso de cordas sintéticas que dan a mesma sensación que os intestinos, pero con maior durabilidade.
Os xogadores avanzados melloran o seu rendemento cunha serie de trebellos postos na raqueta. Existen os amortecedores de vibración que se colocan na zona das cordas máis preto do mango. Tamén hai recubrimentos absorbentes para os mangos, chamados grips.
As pelotas de tenis están feitas de goma oca cun revestimento de feltro. Malia seren orixinalmente de cor branca, a cor predominante foi cambiando gradualmente ata un amarelo óptico[29][30] durante a última parte do século XX para permitir unha mellor visibilidade. A pelota debe ter un diámetro comprendido entre 6,350 e 6,668 cm e a súa masa pode variar desde os 56,7 ata os 58,5 gramos. Lanzada desde 254 centímetros de altura sobre unha base de formigón, unha pelota debe rebotar entre 134,62 e 147,32 cm.[31]
A vestimenta non cesou de evolucionar desde o inicio dos anos 80, facéndose máis lixeira e cómoda; pantalóns curtos e camisas para os homes e faldras para as mulleres. A chegada de novos tecidos e teas de poliéster a finais dos anos 90 permitiron a mellora da transpiración, e polo tanto da comodidade. As roupas máis frecuentes actualmente son a camiseta e os pantalóns curtos nos homes e a camiseta sen mangas e os pantalóns curtos nas mulleres.
Ademais, os xogadores usan a miúdo cintas nos seus pulsos para limpárense a suor da fronte e manteren as súas mans tamén secas. Por último, aínda que os partidos se poden xogar cunha gran variedade de zapatos, o calzado especializado ten solas anchas e chás que achegan estabilidade e estruturas frontais para evitar un desgaste excesivo.
A pista de xogo é un rectángulo de superficie chá, adoito de herba, arxila,[32] cemento ou asfalto (pistas duras) ou moqueta para pistas en interior. A pista ten 23,77 metros de longo e 8,23m de largo, para individuais, e 10,97m, para dobres.[33] De todos os xeito, existe un espazo adicional en torno á cancha, necesario para que os xogadores poidan atinxir as pelotas que exceden as liñas ao botaren. Como división equitativa dos campos de cada xogador, hai unha rede separadora do largo da pista e paralela ás liñas de fondo. Esta rede ten unha altura de 1,07m na zona dos postes que a suxeitan e 91,4 cm na parte central.[33]
A cancha de tenis moderno debe o seu deseño a Walter Clopton Wingfield que, en 1873, patentou unha pista moi semellante á actual para o tenis stické (sphairistike), un deporte inventado por el. Este modelo foi modificado en 1875 ata o actual que existe hoxe, con marcas similares ás da versión de Wingfield, mais coa súa forma de reloxo de area convertida nun rectángulo.[34]
As liñas de delinean o largo da cancha chámanse liña de fondo e liña de saque. As liñas máis exteriores que marcan o longo chámanse as liñas de dobres; úsanse ao xogar de dobres. As liñas que se atopan dentro das de dobres (paralelas a estas) son as de individuais; son o límite do campo en modalidade individual. A área que se atopa entre a liña de dobres e a liña de individuais denomínase canella de dobres, e forma parte da pista durante os partidos de dobres. Por outra banda, a liña que atravesa o centro do campo dun xogador é a liña de servizo, que coa liña que divide a liña de servizo en dous, a liña central ou liña central de saque, forma as áreas, denominadas cadros de saque, onde debe botar a pelota ao efectuar o saque. Dependendo da puntuación actual (que inflúe na posición dos xogadores) a pelota deberá botar nun ou no outro cadro.[35] Considérase que unha pelota sae fóra cando ningunha parte dela dá na liña ou na área contida nas liñas no seu primeiro bote. É obrigatorio que todas as liñas midan entre 25 e 51mm de largo; aínda que as liñas de fondo poden ser de ata 100mm se se quixese.[36]
Os xogadores (ou tenistas) golpean a pelota alternativamente cunha raqueta, facéndoa pasar por enriba dunha rede que divide o campo de xogo en dúas metades, de forma que a pelota caia no campo do contrincante. A pelota non debe botar máis dunha vez. Se un xogador non consegue ambas as dúas cousas cun só golpe, o rival gaña o punto. Ao mesmo tempo, hai que intentar que o adversario non consiga devolver facilmente a pelota ata a outra metade do campo correspondente ao seu rival. Vence o que obtén a maior puntuación. Os partidos xóganse en pistas (ou canchas) que poden ser cubertas ou descubertas (ao aire libre), podendo ser de distintos tipos de superficie (de terra batida, céspede...).
Na actualidade os xogadores están ordenados nunha clasificación chamada "sistema de entradas" (Entry Ranking), no cal se suman os puntos obtidos polos xogadores nas últimas 52 semanas, é dicir, nun ano. Polo tanto, ao finalizar cada semana, réstanse a cada xogador os puntos obtidos nesa mesma semana do ano anterior, e súmanse os gañados na semana actual. O actual número un do ránking é o español Rafael Nadal en categoría masculina e a dinamarquesa Caroline Wozniacki en categoría feminina.
O tenis debeu entrar en Galicia a comezos do século XX. Existe unha fotografía dun grupo de mozas practicando tenis na Guarda en 1909, e neses anos é tamén cando se comezan a organizar as primeiras competicións entre as familias da burguesía de Vigo e da Coruña. En concreto, na cidade olívica un centro difusor do tenis foi a empresa coñecida como o Cable Inglés, que cubría a liña de transporte marítimo con Gran Bretaña. Os nomes dos primeiros xogadores galegos, de feito, alternaban apelidos británicos con nomes ligados á industria da conserva, como Antonio e Jacobo Conde, Ventura Lago, Juan e Mimí del Río, Joaquín Yáñez, Javier Sensat, Manuel e Antonio Cominges, Guillermo de Oya ou Luis Pita. Nestes primeiros anos do século XX tamén se constrúen os primeiros campos de xogo, no Balneario da Toxa, na propiedade do indiano pontevedrés Casimiro Gómez en Monte Porreiro, ou nunha propiedade da familia Del Río no centro de Vigo.[37]
En 1921 o Casino de Vigo inaugura o seu campo e alí xorde o primeiro trofeo estable de tenis en Galicia, a Copa de Vigo. Tamén dese ano data a constitución da primeira Federación Galega de Tenis, que encabeza o rexistrador da propiedade vigués Desiderio Martínez e que estaba formada sobre todo por persoas de clase elevada de Vigo e da Coruña. Entre esa década e a seguinte comezaron a abrollar por toda a costa recintos onde xogar ao tenis, en especial en propiedades ou clubs da alta sociedade: Vigo, Redondela, Poio, Padrón... Ao pouco Julio Curbera releva a Desiderio Martínez e a Federación organiza os primeiros torneos de carácter internacional, con presenza tanto de británicos como de portugueses e de xogadores vidos do resto de España.[37]
É importante destacar que neste momento as mulleres participan do deporte tanto coma os homes, e nesas décadas destacan xogadoras como Luísa e Maruxa Puente, Elena Viturro, Isabel Bendamio, as irmás Vasco Guimeraens, Herminia Borrel e Carmelina García Barros. Os clubs máis importantes foron o Club de Campo de Vigo e o Sporting Club da Coruña.[37]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.