Televisión dixital terrestre
From Wikipedia, the free encyclopedia
Televisión dixital terrestre (TDT) é a transmisión de imaxes en movemento e o son asociado mediante un sinal dixital a través dunha rede de repetidores terrestres, fronte á televisión tradicional que transmite a imaxe e o son mediante modulación analóxica.
Este artigo (ou sección) está desactualizado(a). A información fornecida mudou ou é insuficiente. |
En Galicia como no resto de España e Europa, así como tamén en Australia, Suráfrica, Namibia, Panamá, Colombia e Turquía, utilízase o padrón DVB-T que forma parte de toda unha familia de estándares da industria para a transmisión de emisións de televisión dixital segundo diversas tecnoloxías: emisións mediante a rede de distribución terrestre de sinal usada na televisión analóxica tradicional (DVB-T), emisións desde satélites xeoestacionarios (DVB-S), por redes de cable (DVB-C), e incluso para emisións destinadas a dispositivos móbiles con reducida capacidade de proceso e alimentados por baterías (DVB-H). Noutras zonas xeográficas utilízanse outro tipo de estándares así o ATSC que se emprega nos Estados Unidos, Canadá, México, Corea do Sur, Honduras, O Salvador e a República Dominicana. O ISDB-T utilízase no Xapón, Filipinas e na maioría dos países latinoamericanos: o Brasil, Bolivia, o Perú, a Arxentina, Paraguai, Chile, Venezuela, Ecuador, Costa Rica, Nicaragua, Guatemala e o Uruguai. Na China utilízase o DTMB.
As emisións de televisión dixitais contan con numerosas e importantes vantaxes fronte ás emisións en analóxico. A calidade das imaxes é comparábel á dun DVD, e o sinal é moito máis inmune a interferencias que a analóxica (factor especialmente importante en áreas urbanas). A tecnoloxía dixital permite un maior número de emisoras no mesmo espazo radioeléctrico, pois pódense transmitir entre tres e cinco programas por cada canal UHF. Ademais, grazas ao deseño da rede de distribución de sinal é posíbel usar todos os canais da banda, sen necesidade de deixar canais de garda para reducir as interferencias. Finalmente, ao se tratar de transmisións de información dixital, é posíbel unha gran flexibilidade nos contidos emitidos, de maneira que se pode mesturar un número arbitrario de canais de vídeo, son e datos nun único sinal.