Segmentación (embrión)
From Wikipedia, the free encyclopedia
En embrioloxía, a segmentación é a división das células nas etapas iniciais do desenvolvemento embrionario, despois da fecundación.[1] Os cigotos de moitas especies experimentan ciclos celulares rápidos sen que haxa á vez un crecemento global significativo do volume do embrión, producindo un conxunto de células do mesmo tipo que as do cigoto orixinal. As diferentes células derivadas desta segmentación ou clivaxe denomínanse blastómeros e forman unha masa compacta chamada mórula. A segmentación remata co formación da blástula ou, en mamíferos, o blastocisto.
Dependendo principalmente da concentración de vitelo no ovo, a segmentación pode ser holoblástica (división total ou completa) ou meroblástica (división parcial). O polo do ovo que ten maior concentración de vitelo denomínase polo vexetal, mentres que o polo oposto denomínase polo animal.
A segmentación diferénciase doutras formas de división celular en que nela se incrementa o número de células e a masa dos núcleos celulares sen que se incremente a masa citoplasmática, dando lugar a células máis pequenas. Isto significa que con cada sucesiva división, queda en cada célula filla aproximadamente a metade do citoplasma que había na célula orixinal antes da división, e así a proporción de material nuclear / material citoplasmático aumenta.[2]