Sabedoría
From Wikipedia, the free encyclopedia
A sabedoría[1] é un carácter que se desenvolve coa aplicación da intelixencia na experiencia propia, obtendo conclusións que dan un maior entendemento, que á súa vez capacitan para reflexionar, extraendo conclusións que dan descernimento da verdade, o bo e o malo. A sabedoría e a moral interrelaciónanse dando como resultado un individuo que actúa con bo xuízo. Algunhas veces tómase a sabedoría como unha forma especialmente ben desenvolvida do sentido común.
Nas ciencias da información, a sabedoría constitúe o vértice da pirámide formada, de menor a maior complexidade, por dato, información, coñecemento e sabedoría.
Na sapiencia destácase o xuízo san baseado no coñecemento e no entendemento; a aptitude de valerse do coñecemento con éxito e o entendemento para resolver problemas, evitar ou impedir perigos, alcanzar certas metas, ou aconsellar a outros. É o oposto á parvada, a estupidez e a tolemia, e con frecuencia contrasta con estas. Tomé de Aquino define a sabedoría como "o coñecemento certo das causas máis fondas de todo".[2] Por iso, para el, a sabedoría ten como función propia ordenar e xulgar todos os coñecementos.
A sabedoría toma as súas referencias do que se denomina memoria a longo prazo. Noutras palabras, o vivido tivo que experimentarse con suficiente frecuencia ou intensidade como para que non se borre do noso recordo, se insira nos esquemas do que consideramos bo ou mao e se teña en conta como parte dos procesos de supervivencia do individuo.