Río Missouri
From Wikipedia, the free encyclopedia
O río Missouri (inglés: Missouri River, nome que deriva da tribo dos missouria, e que significa 'xente con canoas de madeira' [people with wooden canoes][2]) é o río máis longo de Norteamérica,[3] o afluente máis longo nos Estados Unidos e unha das principais vías navegables do centro dos Estados Unidos. Nace nas Montañas Rochosas, no oeste de Montana, da confluencia de tres ríos: Jefferson, Madison e Gallatin. Flúe cara ao leste e o sur, atravesando as Grandes Chairas do leste de Montana, Dacota do Norte e Dacota do Sur, marcando a fronteira entre Nebrasca e Iowa, e despois entre Kansas e Missouri, ata desaugar no río Mississippi ao norte da cidade de St. Louis (Missouri) tras percorrer 3767 km.[1] O río drena unha conca pouco poboada e de clima semiárido de máis de 1300000 km² (aproximadamente unha vinteava parte do subcontinente norteamericano), que inclúe parte de dez estados dos Estados Unidos e de dúas provincias canadenses. Cando se considera coa parte baixa do río Mississippi, o sistema Mississippi-Missouri alcanza os 6275 km —o cuarto sistema fluvial máis longo do mundo[3]— e drena unha conca de 2980000 km² —a sexta maior do mundo.
Río Missouri Missouri River | |
---|---|
O Missori nun tramo pouco desenvolvido preto de Rocheport | |
País | Estados Unidos |
Altitude | 1.232 m |
Lonxitude | 3767 km[1] |
Conca | Río Mississippi |
Caudal medio | 2.478 m³/s |
Desembocadura | Río Mississippi |
Altitude desembocadura | 123 m |
Lonxitude da cadea fluvial | 3767 km |
Mapa da conca e afluentes do Missouri | |
Desde hai máis de 12000 anos, moitas persoas dependeron do Missouri e os seus afluentes como fonte de sustento e transporte. Máis de dez grandes grupos de nativos americanos poboaron a súa conca, na súa maioría cun estilo de vida nómade, que dependían das enormes mandas de bisontes que unha vez vagaron a través das Grandes Chairas. Os primeiros europeos atoparon o río a finais do século XVII: foi descuberto polo explorador francés Étienne de Veniard. A rexión pasou por mans españolas e francesas antes de converterse en parte dos Estados Unidos, trala compra de Luisiana. Durante moito tempo creuse que o Missouri podería ser parte do Paso do Noroeste —unha vía de auga que enlazaría o Atlántico e o Pacífico—, pero cando a expedición de Lewis e Clark logrou percorrelo por vez primeira en toda a súa lonxitude, confirmouse que esa mítica vía polo interior do continente non era máis que unha lenda.
Durante o século XIX, o Missouri foi unha das principais vías para a expansión cara ao Vello Oeste. A principios de 1800, o crecemento do comercio da pel causou que os cazadores de peles explorasen a rexión e abrisen novos camiños. A partir da década de 1830, os pioneiros dirixíronse en masa ao oeste, primeiro en carromatos, e logo no crecente número de barcos de vapor que empezaron a operar no río. As antigas terras dos nativos na conca foron tomadas polos colonos, o que levou a algunhas das guerras máis longas e violentas contra os pobos nativos na historia estadounidense.
Durante o século XX, a conca do Misaouri desenvolveuse amplamente para a rega, o control de inundacións e a xeración de enerxía hidroeléctrica. Quince encoros embalsaron o curso principal do río, con centos máis nos seus afluentes. Os meandros reducíronse e o río canalizouse para mellorar a navegación, reducindo a súa lonxitude en máis de 320 km dos tempos anteriores ao desenvolvemento. Aínda que a parte baixa do val do río Missouri é agora unha rexión agrícola e industrial, poboada e altamente produtiva, o forte desenvolvemento cobrouse o seu prezo nas poboacións de fauna e peixes, así como na calidade das augas.
Varios tramos do Missouri foron declarados como río salvaxe e paisaxístico nacional: o 12 de outubro de 1976 un longo tramo de 239.8 km, en Montana; o 10 de novembro de 1978, outro tramo de 95 km, entre Nebrasca e Dacota do Sur; e o 24 de maio de 1991, un último tramo de 62.7 km, tamén entre Nebrasca e Dacota do Sur.[4]