From Wikipedia, the free encyclopedia
Riftia pachyptila é unha especie de verme anélido xigante mariño tubícola[1] (anteriormente clasificado nos filos Pogonophora e Vestimentifera) relacionado con outros vemes tubícolas que se encontran en zonas peláxicas e intermareais. Riftia pachyptila vive desde uns 1 600 m de profundidade a varios miles de m, sobre o fondo do océano Pacífico preto das chemineas negras e pode tolerar niveis de sulfuro de hidróxeno extremadamente altos. Estes vermes poliquetos poden alcanzar a lonxitude de 2,4 m e os seus corpos tubulares teñen un diámetro de 4 cm. A temperatura ambiental no seu medio natural está entre os 2 e os 30 °C.[2]
Riftia pachyptila | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
Riftia pachyptila M. L. Jones, 1981 |
Riftia desenvólvese a partir dunha larva trocófora peláxica nadadora e non simbiótica, que entra no desenvolvemento xuvenil (metatrocófora), converténdose en sésil e adquire seguidamente bacterias simbióticas.[3][4] As bacterias simbióticas, das cales os vermes adultos dependen para o seu sustento, non están presentes nos gametos, senón que son incorporadas do ambiente a través da pel nun proceso parecido a unha infección. O tracto dixestivo conecta transitoriamente a boca, situada no extremo do proceso medio ventral, a un intestino anterior, medio e posterior e ao ano e pensábase previamente que era o camiño polo que se introducían as bacterias no corpo dos adultos. Despois de que se establecen os simbiontes no intestino medio, o intestino sofre unha remodelación substancial e un agrandamento do trofosoma, mentres que o resto do tracto dixestivo xa non se detecta nos espécimes adultos.[5]
Teñen unha "pluma" vermella moi vasclarizada no extremo do seu extremo libre, que é un órgano para o intercambio de compostos co ambiente (por exemplo, H2S, CO2, O2 etc.). Os vermes tubulares non teñen moitos predadores. Se son ameazados, a pluma pode retraerse dentro do tubo protector do verme. A pluma proporciona nutrientes esenciais ás bacterias que viven dentro do trofosoma. Estes vermes tubícolas non teñen tracto dixestivo de adultos, pero as bacterias (que poden supoñer ata a metade do peso corporal do verme) converten o oxíxeno, sulfuro de hidróxeno, dióxido de carbono etc. en moléculas orgánicas das cales se alimentan os vermes hóspedes. Este proceso,coñecido como quimiosíntese, foi recoñecido no trofosoma por Colleen Cavanaugh.[6]
A viva cor vermella das estruturas da pluma é o resultado de ter varias hemoglobinas extremadamente complexas, que conteñen ata 144 cadeas de globina (cada unha presumiblemente inclúe estruturas hemo asociadas). Estas hemoglobinas de verme tubícola xigante son salientables por transportar oxíxeno en presenza de sulfuro, sen seren inhibidas por esta molécula como o son as hemoglobinas da maioría das especies.[7][8]
O nitrato e nitrito son tóxicos, pero cómpre nirtóxeno para os procesos biosintéticos. As bacterias quimiosintéticas que están dentro do trofosoma converten este nitrato en ións amonio, que despois están dispoñibles para a produción de aminoácidos na bacteria, e que son á súa vez liberados no verme tubícola. Para transportar nitratos ás bacterias, R. pachyptila concentra o nitrato no seu sangue, a unha concentración 100 veces maior que na auga que o rodea. O mecanismo exacto desta capacidade de R. pachyptila para resistir e concentrar o nitrato aínda non se coñece.[9]
Como non dispoñen de luz solar como fonte de enerxía directa, estes vermes tubícolas xigantes dependen das bacterias do seu hábitat para oxidar o sulfuro de hidróxeno,[10] e usan o oxíxeno disolto na auga como aceptor de electróns. Esta reacción proporciona a enerxía necesaria para a quimiosíntese. Por esa razón estes vermes son parcialmente dependentes da luz solar de forma indirecta, xa que usan o oxíxeno libre, que foi liberado na fotosíntese en capas da auga moi superiores, para así obter nutrientes. Deste modo, os vermes tubícolas xigantes son similares a moitas formas de vida oceánica que viven a profundidades ás que a luz do sol non pode penetrar. Porén, os vermes tubícolas son salientables por poderen usar as bacterias para obter indirectamente case todos os materiais que precisan para crecer a partir de moléculas disoltas na auga. Algúns nutrientes teñen que ser filtrados da auga. Por tanto, o crecemento destes vermes lembra o crecemento hidropónico dos fungos máis que o dos animais típicos que necesitan "comer". Hai outra especie que ten un estilo de vida similar, pero é un molusco, o Kuphus.
Para reproducirse, as femias de Riftia pachyptila liberan ovos ricos en lípidos na auga que os rodea polo que flotan a capas superiores da auga. Os machos entón liberan paquetes de esperma que nadan en busca dos ovos. Unha vez que os ovos eclosionan, as larvas nadan cara ás profundidades para adherirse a unha rocha.
Riftia pachyptila ten a taxa de crecemento máis rápida de calquera invertebrado mariño coñecido. Estes organismos sábese que colonizan un novo sitio, crecen ata a madurez sexual e incrementan a súa lonxitude ata os 1,5 m en menos de dous anos.[11] Isto contrasta fortemente cos Lamellibrachia luymesi, os vermes tubícolas que viven nas emanacións frías do mar profundo e medran moi lentamente durane a maioría das súas vidas. Lamellibrachia luymesi tarda de 170 a 250 anos en medrar ata os 2 metros de lonxitude, e téñense descuberto espécimes aínda meirandes.[12]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.