Revolución Rusa de 1917
sucesos que conduciron ao derrocamento do réxime tsarista e á instauración dun comunista / From Wikipedia, the free encyclopedia
O termo Revolución Rusa (ruso: Русская революция, Russkaya revolyutsiya) agrupa todos os sucesos que conduciron ao derrocamento do réxime tsarista e á instauración preparada doutro, leninista, a continuación, entre febreiro e outubro de 1917, que levou á creación da República Socialista Federativa Soviética de Rusia. O tsar viuse obrigado a abdicar e o antigo réxime foi substituído por un Goberno provisional durante a primeira revolución de febreiro de 1917 (marzo no calendario gregoriano, pois o calendario xuliano estaba en uso en Rusia entón). Na segunda revolución, en outubro, o Goberno provisional foi eliminado e substituído cun goberno bolxevique (comunista).
Revolución Rusa de 1917 | |||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Parte de Primeira guerra mundial | |||||||||
Tropas revolucionarias derribando unha aguia tsarista | |||||||||
| |||||||||
Belixerantes | |||||||||
* Goberno imperial | * Soviet de Petrogrado
| ||||||||
Líderes | |||||||||
Tsar Nicolao II Georgii Lvov Aleksandr Kerenskii |
Vladimir Lenin Lev Trotski Lev Kámenev |
Este artigo amosa letras cirílicas. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros. |
A Revolución de Febreiro focalizouse, orixinalmente, en torno a Petrogrado (hoxe San Petersburgo). No caos, os membros do parlamento imperial ou Duma asumiron o control do país, formando o Goberno provisional ruso. A dirección do exército sentía que non tiñan os medios para reprimir a revolución e Nicolao II, o último emperador de Rusia, abdicou. Os soviets (consellos de traballadores), que foron dirixidos por faccións socialistas máis radicais, en principio permitiron ao Goberno provisional gobernar, pero insistiu nunha prerrogativa para influír no goberno e controlar diversas milicias. A Revolución de Febreiro levouse a cabo no contexto dos duros reveses militares sufridos durante a Primeira guerra mundial (1914-1918),[1] que deixou a gran parte do exército ruso nun estado de motín.
A partir de entón produciuse un período de poder dual, durante o cal o Goberno provisional tiña o poder do Estado, mentres que a rede nacional de soviets, liderados polos socialistas, tiña a lealdade das clases baixas e a esquerda política. Durante este período caótico houbo motíns frecuentes, protestas e moitas folgas. Cando o Goberno provisional decidiu continuar a guerra con Alemaña, os bolxeviques e outras faccións socialistas fixeron campaña para deter o conflito. Os bolxeviques puxeron a milicias obreiras baixo o seu control e convertéronos na Garda Vermella (máis tarde, o Exército Vermello) sobre as que exercían un control substancial.
Na Revolución de Outubro (novembro no calendario gregoriano), o partido bolxevique, dirixido por Vladimir Lenin, e dos traballadores soviéticos, derrocou ao Goberno provisional en Petrogrado. Os bolxeviques nomeáronse a si mesmos líderes de varios ministerios do goberno e tomaron o control do campo, creando a Cheka, organización de intelixencia política e militar para esmagar calquera tipo de disidencia. Para poñer fin á participación de Rusia na primeira guerra mundial, os líderes bolxeviques asinaron o Tratado de Brest-Litovsk con Alemaña en marzo de 1918.
Posteriormente estalou unha guerra civil en Rusia entre a facción «vermella» (bolxevique) e «branca» (antibolxeviques) –esta última contou co apoio das grandes potencias–, que ía continuar durante varios anos, na que os bolxeviques, en última instancia, saíron vitoriosos. Deste xeito, a revolución abriu o camiño para a creación da Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas (URSS) en 1922. Pese a que moitos acontecementos históricos notables tiveron lugar en Moscova e Petrogrado, tamén houbo un movemento visible nas cidades de todo o estado, entre as minorías nacionais de todo o imperio e nas zonas rurais, onde os campesiños apoderáronse da terra e redistribuírona.
A Revolución Rusa foi un acontecemento decisivo e fundador do "curto século XX"[2] aberto polo estoupido do macroconflito europeo en 1914 e pechado en 1991 coa disolución da Unión Soviética. Obxecto de simpatías e de inmensas esperanzas por uns (Jules Romains describiuna como "a gran luz no Leste" e François Furet como "o encanto universal de outubro"), tamén foi obxecto de severas críticas, de medos e de odios viscerais.[3] Segue sendo un dos acontecementos máis estudados e máis apaixonadamente discutidos da historia contemporánea.