Reprodución sexual
From Wikipedia, the free encyclopedia
A reprodución sexual é unha forma de reprodución que se realiza por medio da fusión de dous tipos de células reprodutoras especializadas chamadas gametos. Nos animais eses gametos son o óvulo e o espermatozoide. Ás veces poden funcionar como gametos núcleos de células, como os núcleos do gran de pole das plantas ou gametanxios, como en certos fungos. Os gametos adoitan ser distintos morfoloxicamente (anisogametos), e xeralmente o feminino é máis grande e inmóbil, pero en protistas poden ser iguais (isogametos). Os gametos normalmente orixínanse por un tipo de división celular especial chamado meiose, pero nos gametófitos haploides de musgos e fentos e nalgúns protistas os gametos fórmanse por mitose. Durante a meiose prodúcese a recombinación xenética entre os cromosomas homólogos de procedencia materna e paterna, o que aumenta a variabilidade xenética dos gametos. Os gametos formados por meiose teñen a metade de cromosomas que a célula que iniciou a meiose (por exemplo, nos humanos as células teñen 46 cromosomas -ou 23 pares- e orixinan gametos de 23 cromosomas). Os dous gametos fusiónanse durante a fecundación xerando un cigoto, no que se mesturaron o material xenético de ambos os gametos (e, por tanto, do pai e da nai). A división por sucesivas mitoses do cigoto inicia o desenvolvemento do novo individuo nos organismos multicelulares,[1] como os animais e as plantas, para a maioría dos cales a reprodución sexual é a principal forma de reprodución e nalgúns casos a única. Moitos organismos combinan nos seus ciclos vitais fases de reprodución sexual e asexual.[2]
A evolución da reprodución sexual é un gran crebacabezas porque, en principio, a reprodución asexual debería ser superior a ela, xa que cada novo individuo pode ter a súa descendencia, o que implica que unha poboación asexual ten unha capacidade intrínseca de crecer máis rapidamente en cada xeración.[3] Na sexual son necesarios dous individuos, e este custo do 50% é unha desvantaxe de fitness da reprodución sexual.[4] Ademais, cada organismo só pode pasar á súa descendencia o 50% dos seus propios xenes. Porén, unha clara vantaxe da reprodución sexual é que pode impedir a acumulación de mutacións xenéticas e crea moita variabilidade.[5]
A selección sexual é un modo de selección natural na cal algúns individuos da poboación se reproducen máis que outros porque son mellores á hora de conseguir parellas para reproducirse.[6][7] Foi descrita como "unha poderosa forza evolutiva que non existe nas poboacións asexuais."[8]
Os procariotas non teñen reprodución sexual propiamente dita, pero teñen mecanismos parasexuais de intercambio xenético entre individuos que lembran en certa medida o intercambio que se produce na reprodución sexual, pero que supoñen o intercambio dunha cantidade moi pequena de xenes e non xeran descendencia (o número de células segue sendo o mesmo do inicio), polo que non se pode falar de reprodución. Estes procesos supoñen unha transferencia horizontal de xenes. Entre eles están a conxugación bacteriana, a transformación e a transdución.