Fitness (bioloxía)
From Wikipedia, the free encyclopedia
En xenética de poboacións a fitness[1], tamén chamada eficacia biolóxica ou aptitude biolóxica[2] (xeralmente simbolizada como ou ω nos modelos de xenética de poboacións) é unha idea central nas teorías evolutivas e de selección sexual. Pode ser definida con respecto a un xenotipo ou a un fenotipo nun determinado ambiente. En ambos os casos, describe o éxito reprodutivo individual e é igual á contribución media á poza xénica da seguinte xeración que fai un individuo medio co xenotipo ou fenotipo especificado. O termo "fitness darwinista" pode utilizarse para deixar clara a distinción coa fitness física.[3] Cando a fitness está afectada polas diferenzas entre varios alelos dun determinado xene, a frecuencia relativa deses alelos cambiará nas sucesivas xeracións por selección natural e os alelos con maior efecto positivo na fitness individual faranse cada vez máis comúns co tempo; este proceso coñécese como selección natural. A fitness non supón unha medida de supervivencia ou duración da vida; a coñecida frase supervivencia dos máis aptos debería ser interpretada como: "Supervivencia da forma (fenotípica ou xenotípica) que deixará máis copias súas en xeracións sucesivas."
A fitness só pode medir deferenzas herdables, e estas diferenzas poden despois ser elixidas na elección de parellas (selección intersexual), causando selección sexual. A fitness dun individuo maniféstase por medio do seu fenotipo, que está afectado polo ambiente onde se desenvolve e polos xenes, e a fitness dun fenotipo dado pode ser diferente en distintos ambientes. As fitness de diferentes individuos co mesmo xenotipo non son, por tanto, necesariamente iguais. Porén, como a fitness do xenotipo é unha cantidade media, reflectirá os resultados reprodutivos de todos os individuos con ese xenotipo nun ambiente determinado ou conxnto de ambientes.
A fitness inclusiva difire da fitness individual ao incluír a capacidade dun alelo dun individuo de promover a supervivencia e/ou reprodución doutros individuos que comparten ese alelo, con preferencioa aos individuos cun alelo diferente. Un mecanismo de fitness inclusiva é a selección de parentesco.