![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/6/66/Juan_de_Flandes_-_Isabel_la_Cat%25C3%25B3lica_%2528Palacio_Real%252C_Madrid%252C_1500-04._%25C3%2593leo_sobre_tabla%252C_63_x_55_cm%2529.jpg/640px-Juan_de_Flandes_-_Isabel_la_Cat%25C3%25B3lica_%2528Palacio_Real%252C_Madrid%252C_1500-04._%25C3%2593leo_sobre_tabla%252C_63_x_55_cm%2529.jpg&w=640&q=50)
Reis Católicos
From Wikipedia, the free encyclopedia
Os Reis Católicos foi a denominación que recibiron os reis Fernando II de Aragón e Isabel I de Castela, soberanos da Coroa de Castela (1474-1504) e da Coroa de Aragón (1479-1516).
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/a/a1/IsabellaofCastile05.jpg/320px-IsabellaofCastile05.jpg)
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/6/66/Juan_de_Flandes_-_Isabel_la_Cat%C3%B3lica_%28Palacio_Real%2C_Madrid%2C_1500-04._%C3%93leo_sobre_tabla%2C_63_x_55_cm%29.jpg/640px-Juan_de_Flandes_-_Isabel_la_Cat%C3%B3lica_%28Palacio_Real%2C_Madrid%2C_1500-04._%C3%93leo_sobre_tabla%2C_63_x_55_cm%29.jpg)
Os Reis accederon ao trono de Castela trala Guerra de Sucesión castelá (1475-1479) contra os partidarios da princesa Xoana a Beltranexa, filla do rei Henrique IV de Castela. En 1479 Fernando herdou o trono de Aragón ao morrer o seu pai, o rei Xoán II de Aragón. Isabel e Fernando reinaron xuntos ata a morte dela en 1504. Entón Fernando quedou unicamente como rei de Aragón, pasando Castela á súa filla Xoana, alcumada "a Tola", e ao seu marido Filipe de Austria, alcumado "o Fermoso", Arquiduque de Austria, duque de Borgoña e conde de Flandres. Con todo Fernando non renunciou a controlar Castela e, tras morrer Felipe en 1506 e ser declarada Xoana incapaz, conseguiu ser nomeado rexente do reino ata a súa morte en 1516.
A historiografía española considera o reinado dos Reis Católicos como a transición da Idade Media á Idade Moderna. Co seu enlace matrimonial uníronse provisionalmente, na dinastía dos Trastámara, dúas coroas: a Coroa de Castela e a Coroa de Aragón dando nacemento ao Imperio Español e, apoiados polas cidades e a pequena nobreza, estableceron unha monarquía forte fronte ás apetencias de poder de eclesiásticos e nobres. Coa conquista do Reino de Granada, do Reino de Navarra, de Canarias, de Melilla e doutras prazas africanas conseguiron a unión da totalidade dos territorios que hoxe forman España –exceptuando Ceuta e Olivenza que entón pertencían a Portugal–; a unión caracterizouse por ser persoal, xa que se mantiveron as soberanías, normas e institucións propias de cada reino e coroa.
Os Reis estableceron unha política exterior común marcada polos enlaces matrimoniais con varias familias reais de Europa que resultaron na hexemonía dos Habsburgo durante os séculos XVI e XVII.
Por outra banda, o descubrimento de América, en 1492, modificou profundamente a historia mundial.