Descubrimento de América
From Wikipedia, the free encyclopedia
Tradicionalmente emprégase o termo descubrimento de América para referirse ás primeiras chegadas documentadas de europeos a América e as súas grandes consecuencias históricas. A poboación indíxena ocupou o norte do continente desde hai 15-30 mil anos e o sur desde hai 14,5 mil anos.[1]. A primeira chegada de europeos foi de viquingos. Construíron poboados e asentáronse entre o 960-1100 DC (século X) na Terra Nova do Canadá, no que foi unha continuación da saída deste pobo cara a Islandia e Groenlandia. Isto foi tralo aumento imporante das súas poboacións no norte europeo e o comezo no século VIII da súa expansión comercial polo Atlántico norte.[2][3]. Probablemente tamén chegaron aos actuais Estados Unidos a finais dese século. De feito, as tradicións orais atribúenlle a Erik o Roxo o descubrimento de Vinland, un 9 de outubro do ano 1000, polo que sería o primeiro europeo en pisar América. Con todo a ocupación dos viquingos non tivo unha importancia histórica posterior na poboación do continente.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde maio de 2015.) |
No século XV un segundo descubrimento, e que habitualmente se denomina descubrimento de América, si foi importante e supuxo unha ocupación do territorio e cristianización da poboación indíxena[4]. Foi coa chegada a América dun grupo expedicionario castelán-aragonés representando ós Reis Católicos de Castela e Aragón. Partiron dende o Porto de Palos de la Frontera, comandados por Cristovo Colón, e chegaron o venres 12 de outubro de 1492 a unha illa do mar Caribe chamada Guanahani. As viaxes dos portugueses á India seguindo a costa Africana significaron un estímulo para os que crían na ruta cara ó oeste como o camiño máis curto para chegar ata Asia. Cristovo Colón foi partidario desta hipótese. Apoiado polos Reis Católicos, organizou unha viaxe de exploración que o conduciu á costa americana en 1492. Cristovo Colón cría que chegara ó continente asiático, denominado polos europeos Indias e morreu sen saber que chegara a un continente descoñecido polos europeos. O "descubrimento de América" pode abranguer non só a descuberta senón tamén a tódalas viaxes realizadas por Colón a América, á conquista de América e ao encontro e conflitos dos europeos cos indíxenas americanos e as súas culturas. Trátase dun dos momentos álxidos da historia universal porque significou o encontro de dous mundos humanos que se desenvolveran independentemente, sen que ningún coñecese a existencia do outro.[5][Cómpre referencia]
As consecuencias do descubrimento foron dramáticas para os nativos americanos. Supuxo a morte de millóns de persoas por guerras, escravitude e, sobre todo, por enfermidades. Cando Hernán Cortés, en 1519 chegou a México estimase que a poboación era de 25 millóns de persoas. Porén, as epidemias, como a chamada en azteca "cocoliztli" e que é unha infección bacteriana estomacal por Salmonella, traídas posiblemente polos europeos reduciu a poboación mexicana en máis do 80%, quedando só en 1 millón de persoas[6] e facilitando a conquista. Implicou a desaparición de culturas e linguas.