Reino de Anglia Oriental
reino anglosaxón da Inglaterra, un dos sete da Heptarquía From Wikipedia, the free encyclopedia
reino anglosaxón da Inglaterra, un dos sete da Heptarquía From Wikipedia, the free encyclopedia
O Reino de Anglia Oriental (Ēast Engla rīce, "Reino dos anglos orientais"), un dos sete reinos tradicionais da chamada Heptarquía Anglosaxoa, foi fundado ao redor do ano 600 e cubría o territorio actualmente ocupado polos condados de Suffolk, Norfolk e Cambridgeshire.
Ēast Engla Rīce (ang) | |||||
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Capital | sen valor | ||||
Poboación | |||||
Lingua oficial | inglés antigo | ||||
Datos históricos | |||||
Creación | século VI | ||||
Disolución | 917 (Gregoriano) | ||||
As fontes temperás sobre o reino de Anglia Oriental son escasas, quizais pola desaparición dos arquivos das sedes episcopais (Dommoc e Elmham) durante as invasións danesas de finais do século IX. Beda non adica demasiada atención ao reino, nin tampouco o fai a Crónica anglosaxoa (ASC). Igualmente e a diferenza doutros reinos apenas hai charters, (cartas), outorgados polos reis anglos neste territorio. Por todo iso as fontes primarias sobre o reino son as vidas dalgúns santos (san Fursa, santa Eteldreda e san Guthlac) e en compensación á falta de datos históricos atopámonos que Anglia Oriental é o reino con maior cantidade de sitios arqueolóxicos e de maior envergadura (Sutton Hoo, Snape, Spong Hill etc.).
Existe un considerábel baleiro de datos históricos desde as probas arqueolóxicas de asentamentos anglosaxóns na zona desde finais do século IV até o primeiro rei do cal temos confirmación, Rædwald, que sobe ao trono cara a finais do século VI. Anglia Oriental é o primeiro lugar de Inglaterra onde se atopan asentamentos anglosaxóns independentes, que mostran unha forte relación con outros sitios arqueolóxicos achados en Escandinavia da mesma época. Os suxestivos paralelismos iconográficos levaron a pensar a algúns historiadores que os wuffingas (a dinastía reinante en Anglia Oriental) eran os gobernantes dos gautas (Geats, Gotärs) que fuxirían do seu reino cando foron conquistados polos suións (Svear, suecos centrais), pobos citados no poema épico Beowulf. Autores como Rupert Bruce-Mitford ou Sam Newton relacionan etimoloxicamente aos wuffingas cos wulfingas (o clan do lobo no Beowulf), coñecidos nas sagas nórdicas tamén como Wylfings ou Ylfings, e que eran o clan gobernante Gauta do Leste (Eastern Geats).
Nesta relación entre Escandinavia e Inglaterra, atopamos a Wōden (Óðinn na mitoloxía nórdica, Wodan ou Wotan na xermánica e Godan na longobarda), deus do panteón xermánico relacionado co Mercurio romano: Na versión anglosaxoa Wōdan é o proxenitor de todos os reis da heptarquía, e concretamente o seu fillo Casere o antecesor dos Anglos Orientais[1]. A xenealoxía lendaria dos reis anglos sería Woden, Casere, Tytmon, Hrothmund, Hryp, Wilhelm, Wehha e finalmente Wuffa, o epónimo da dinastía[2]. Existe certo paralelismo entre os Oiscingas de Kent: Oisc (fundador da dinastía), Eormenric (pai do primeiro rei coñecido, con certa verosimilitude histórica) e Aethelberht (primeiro rei de Kent e Bretwalda) e os wuffingas: Wuffa (fundador), Tyttla (pai de Rædwald) e Rædwald (primeiro rei e tamén Bretwalda)[3].
Aínda que non se pode encher a historia política entre o fin da dominación romana e os reinados dos primeiros wuffingas do século VII, si podemos deducir a través dos datos arqueolóxicos a presenza de asentamentos anglosaxóns como foederati ou laeti desde os comezos do século V, asentados na zona para defender a illa dos cada vez máis frecuentes asaltos de pictos, escandinavos, frisóns e teutóns. Os principais asentamentos Norþfolc (pobo do norte) e Sūþfolc (pobo do sur) puideron ser as primeiras estruturas políticas independentes do goberno provincial britanoromano que máis tarde serían o embrión do reino wuffinga. Tal reino consolidaríase a semellanza do reino meridional de Kent, cuxo primeiro Bretwalda Aethelberht, sería o exemplo para o cambio da tradicional asemblea tribal xermánica (folkmoot ou folkmote), á dunha monarquía unida a unha asemblea de nobres ou homes ilustres (witenagemot ou witan). Os sitios arqueolóxicos de Sutton Hoo e Snape, en Suffolk parecen indicar que este proceso se deu primeiramente no sur e que Rædwald sería o unificador de todo o territorio baixo un só rei.
O nome de Anglia Oriental é en realidade un galicismo (de Est-Anglie) introducido polos historiadores postconquista (tras a invasión normanda de Inglaterra do século XI) que usaban os termos franceses, o mesmo termo inglés (East Anglia) é tamén un galicismo. En realidade as fontes antigas nunca se refiren ao territorio (Anglia Oriental) senón aos poboadores (East Angles ou Angli Orientales). Os reis de Anglia Oriental tampouco utilizaban o adxectivo "oriental" nos seus propios títulos, senón que polo xeral se denominaban "Rex Anglorum" simplemente, como demostran algúns documentos de Rædwald, ou moedas dos reinados de Aethelstan e Eadmund.
O termo Anglia Oriental (ou a súa versión inglesa East Anglia) xeneralizouse nos libros de historia, de forma que é máis utilizado para referirse ao Reino dos Anglos Orientais. A popularidade de tal denominación chega á proposta de utilizala como nomenclatura para unha rexión que englobaría Suffolk, Norfolk, Cambridgeshire e a cidade de Peterborough. Igualmente existen a Universidade de East Anglia en Norwich, a diocese católica de East Anglia, a Brigada de East Anglia do exército británico, ou os trens da National Express East Anglia.
O antigo reino anglosaxón ocupaba a totalidade dos actuais condados de Suffolk e Norfolk e gran parte do leste do condado de Cambridgeshire. O norte e o oeste do reino limitaban co Mare Germanicum (mar do Norte), e a fronteira sur co Reino de Essex era o río Stour, e así permaneceu durante todo o período anglosaxón. Con todo a fronteira oeste co territorio dos Anglos Medios e Mercia era difusa e variábel, aínda que a ribeira do río Ouse podería ser o límite tradicional do reino. Todo o territorio era moi chairo, e os outeiros non ían máis aló dos 100 metros. Só ao suroeste os pequenos outeiros do Newmarket Ridge, continuación dos bosques de Essex, pasaban un pouco desta cifra, sendo o Great Wood Hill (128 m) o punto máis alto do reino. Ao norte de Norfolk outros conxuntos de outeiros boscosos levantábanse por encima das chairas situadas case ao nivel do mar, sendo o punto máis alto nesta zona o Beacon Hill (103 m).
A zona costeira e amplas zonas do interior estaban caracterizadas polas marismas e pantanos. A antiga liña costeira era moi diferente á actual, xa que gran parte dela era alagada regularmente polo mar: os territorios de Broadland ao leste e os Fens ao oeste foron drenados nos últimos séculos. A costa foi asentada de modo máis firme, pero na época anglosaxoa, todas estas terras, agora excelentes campos de cultivo, eran un enorme conxunto de marismas, lagoas e lamazais. Os Wash eran o que denominamos chairas de marea, totalmente baixa a auga con marea alta que se descubrían coa marea baixa, eran zonas de areas, limos e lamazais sen case vexetación. Os Marsh eran as marismas propiamente ditas ou marismas de auga salgada, con vexetación herbácea resistente á salubridade da auga, alagadas ou descubertas que se alagaban en determinadas épocas do ano. Os Fens eran marismas de auga doce, que tamén tiñan inundacións periódicas, a vexetación herbácea era moi abundante e eran frecuentes as turbeiras (peat bog). Os Moor eran páramos de marisma, non estaban alagados pero retiñan gran cantidade de auga no seu interior, e eran frecuentes os pozos de areas movedizas, os lamazais, os pantanos (bog) e os pequenos lagos (mere). Os Fens eran a maior zona húmida da Gran Bretaña, estaban situados ao redor do Metaris Æstuarium (o estuario coñecido actualmente como The Wash) alimentados polos ríos Witham, Welland, Nene, Gran Ouse e os seus afluentes. As zonas húmidas coñecidas actualmente como The Broads formábanas o río Yare e os seus afluentes, Bure, Ant, Thurne, Chet e o río Waveney[4][5]. Ao longo do litoral atopábanse máis zonas de marisma, no norte as marismas do Babingley e o Heacham e as dos ríos Burn e Stiffkey, e ao sur tamén os ríos Blyth, Alde, Deben e Orwell formaban outro conxunto de zonas húmidas nas costas de Suffolk.
Outra característica da paisaxe de Anglia Oriental e neste caso realizados de forma artificial eran os dics, ditches ou dykes, xeralmente atribuídos aos anglosaxóns, pero que nalgúns casos poderían ter unha existencia anterior. Tratábase dunhas construcións defensivas feitas con terra, que presentaban unha gabia inundábel e un parapeto de 2 a 6 metros de altura e que se situaban atravesando as vías romanas e outros camiños. Colocábanse estratexicamente desde as marismas aos bosques de forma que dificultaban en gran medida o avance de tropas. Estudos arqueolóxicos con carbono-14[6] demostraron que aínda que puidesen ser anteriores á época anglosaxoa, foron reforzados a finais do século VI e principios do século VII, posibelmente para evitar a invasión dos exércitos de Penda de Mercia[7]. O máis grande era o Devil's Dyke ou St Edmund's Dyke (ou simplemente o Miceldic, a Gran Gabia), que cunha distancia duns 12 km ía desde as marismas do río Cam até o bosque de Newmarket. Tamén defendendo a Icknield Way estaban o Bran (ou Heydon) Ditch, o Brent Ditch, o Fleam Dyke e o Black Ditches.
Anglia Oriental era o territorio da tribo celta dos icenos durante o período romano. No ano 60-61 a rebelión da raíña Boudica á fronte da súa tribo e os seus veciños, os trinovantes, acabou coa derrota celta e unha dura represión posterior (fálase da morte de máis de 80 000 britanos), o que posibelmente provocou a desaparición dos icenos. Sen estrato nativo, Anglia Oriental foi recolonizada por xermanos, dálmatas e outros pobos do Imperio. Á chegada dos anglos no século V, existiría xa poboación saxoa no país que posibelmente aumentaría nese tempo, polo que a pesar do nome de anglos orientais podemos falar dunha poboación xenuinamente anglosaxoa, no sentido de unión de ambos os pobos que se dá en Anglia Oriental como en ningunha outra parte da illa. Pero non só anglos e saxóns chegaron a estas terras, polos topónimos de moitas localidades podemos presumir a presenza de frisóns (Friston, Freston, Fressingfield), suabos (Swaffham, Swaffield), daneses (Denenham, Daneston) e suións (Swefling, Sweilland). As relacións escandinavas parecen apoiadas pola arqueoloxía, xa que a tumba de Sutton Hoo ten evidentes similitudes con tumbas do período Vendel, en Suecia e mesmo algúns autores afirman que a dinastía reinante, os wuffingas proviña dunha tribo gauta, habitantes do sur de Suecia. Anglia Oriental, situada na zona máis próxima a Escandinavia, era a candidata perfecta para o desembarco das naves provenientes da península nórdica, como posteriormente se demostra coa formación do reino viquingo do Danelaw ou Anglia Oriental danesa no século X.
O patrón de asentamento anglosaxón prescinde dos grandes núcleos de poboación e dispérsase no territorio en aldeas, granxas e casais (hams, tuns, felds) familiares conectadas por centros de comercio próximos a ríos e camiños (wics): deste xeito nacen as vilas e posteriormente cidades como Northwic (Norwich) ou Gippeswic (Ipswich), as actuais capitais de Norfolk e Suffolk, respectivamente. As cidades britanorromanas son abandonadas, Venda Icenorum (Caistor St. Edmunds), a capital dos icenos non é ocupada polos anglos, talvez tan só a utilizaron como fortificación. De Sitomagus, un asentamento romano en Suffolk nomeado no Itinerario Antonino énos descoñecida a súa localización, talvez Ixworth, preto de Ipswich, foi totalmente abandonada, así como Cobretovium, que quizais sexan os restos atopados en Baylham House en Suffolk. Os fortes romanos do Litus saxonicus (Saxon Shore, a costa saxoa) con todo seguiron defendendo as costas do reino, así Branodunum converteuse no forte de Bronceastre (Brancaster) e Gariannum foi Cnobheresburg (Burgh Castle) ao que se lle engadiu un mosteiro irlandés no 630, o primeiro no sur de Gran Bretaña.
Os arqueólogos presumen que o corazón do reino dos wuffingas atopábase no sueste de Suffolk, dado que os máis importantes xacementos de barcos funerarios e enterramentos de finais do século VI e principios do VII se atopan na zona (Sutton Hoo[8][9] e Snape)[10]. Aínda que é difícil precisar a capital do reino (no caso de que esta existise), algúns lugares son candidatos a iso; Rendlæsham puidese ser a residencia real, polo menos cos primeiros reis durante o século VII, Cynnighalla (o salón dos reis), ten un nome ben expresivo respecto diso aínda que non hai evidencias arqueolóxicas que avalen a súa capitalidade[11]. As sedes episcopais adoitaban coincidir nos reinos anglosaxóns coas localidades principais do reino, pero no caso de Anglia Oriental non se sabe onde estaba a súa primeira sede, Dommoc; dubídase se era a actual vila de Dunwich (gran parte da mesma está afundida hoxe baixo as augas) da que se supón era un próspero porto e estaleiro no século VII[12][13][14]. A aparente conexión entre Felixstowe e o nome Félix (primeiro bispo de Dommoc) é suxestiva, pero non hai ningunha referencia á cidade antes do século XIII, algúns apuntan cara ao Walton Castle, próximo a Felixtowe como lugar da sede[15]. Con todo a controversia está lonxe de ser resolta. No 672 a sede episcopal foi dividida entre Dommoc e Elmham, co que parece que a capitalidade se despraza cara ao norte, ou se tenta unha maior unificación entre os dous núcleos de asentamentos anglosaxóns, Norþfolc (pobo do norte) situado ao longo dos vales do Yare e o Wetsum e Sūþfolc (pobo do sur) no sueste entre os ríos Orwell e Blyght. Precisamente en North Elmham atópase o cemiterio anglosaxón máis grande que se atopou en toda Inglaterra, Spong Hill, que consta de 2259 cremacións e outro cemiterio próximo do século VI con 57 inhumacións.
Na zona oeste de Anglia Oriental atopábase Theodford, situada na Ickniel Way. Algúns autores supoñen que os reis se trasladaron a esta localidade que estaba máis próxima da controvertida fronteira oeste e as fortificacións anglas fronte ao expansivo veciño reino de Mercia; de feito a sede episcopal foi trasladada a Thetford no 1075. Un pouco máis ao sur atopábase outra cidade real, Beodericsworth, (Bury St. Edmunds), na cal o rei Sigeberht fundou un mosteiro cara ao 633 e que no 870 se converteu nun lugar de peregrinación ao estar a tumba do rei Edmund, derrotado polos daneses, e cuxo altar erixido tiña fama de milagroso de forma que no 925 a vila cambiou o nome por St. Edmund's Bury. Máis ao oeste están os territorios dos anglos centrais onde Eteldreda de Ely, filla do rei Anna, fundou a abadía de Ely, quizais na terra regalada polo seu primeiro marido Tondbert, príncipe dos gyrwas do sur. Este mosteiro foi lugar de peregrinación até a súa destrución polos daneses no 870. Grantabrycge (Ponte sobre o Granta), situada nun estratéxico cruzamento de camiños, era o forte romano de Duroliponte e a actual Cambridge, que durante o período anglosaxón declinou aínda que cara ao século IX foi recuperando a súa poboación e importancia comercial.
O primeiro rei de Anglia Oriental con apoio histórico é o bretwalda Raedwald. Dos seus antecesores, Wuffa e Tyttla apenas temos unhas lista xenealóxicas, como a de Beda na súa Historia ecclesiastica gentis Anglorum, Nennio na súa Historia Brittonum, ou na xenealoxía do rei Aelfwald que forma parte da Anglian collection do coñecido como Textus Roffensis[16]. As datas dos seus reinados, Wuffa (571-578), Totila (578-593), son conxecturas do historiador postconquista Roger de Wendover, do cal tampouco coñecemos as súas fontes primarias no caso de que as tivese, e posibelmente a autoridade de ambos os reis non chegaría máis aló da zona sueste, o territorio coñecido como Sūþfolc.
A primeira aparición de Anglia Oriental na Historia de Beda (e por tanto primeira referencia histórica do reino) é durante o reinado de Raedwald, e dise que era un dos reinos que estaban baixo a autoridade de Aethelberht de Kent, aínda que non sabemos de certo até que punto o reino anglo estaba supeditado ao reino xuto. Segundo Beda, Raedwald foi bautizado en Kent, pero ao volver á súa terra renunciou á súa nova fe e volveu aos deuses pagáns, por influencia da súa esposa e os seus mestres pagáns[17]. Raedwald fora aumentando o seu propio dominio sobre os anglos orientais unificando todo o reino, á vez que ampliou a súa influencia cara ao oeste controlando os territorios dos anglos centrais, o reino de Lindsey e intervindo nos asuntos dos reinos ao norte do río Humber. Æthelfrith de Bernicia obtivo o control do reino veciño de Deira, polo que Edwin de Deira tivo que se exiliar e foi acollido na corte de Raedwald[18]. O rei de Northumbria (Bernicia e Deira unidas) ofreceu ao rei de Anglia Oriental unha gran suma de diñeiro pola morte de Edwin, pero Raedwald negouse. A negativa de Anglia Oriental de entregar ao hóspede provocou o enfrontamento de ambos os reinos, que culminou en 616 na batalla do río Idle (en Lindsey) coa derrota e morte de Æthelfrith e a restauración de Edwin non só en Deira senón tamén en Bernicia, e os fillos de Æthelfrith deberon exiliarse ao norte, ao reino de Dalriada onde foron acollidos. Ese mesmo ano morre Aethelberht de Kent, o rei dominante do sur de Inglaterra e Raedwald vai ser o herdeiro da hexemonía do de Kent. O rei de Anglia Oriental vai ser o novo Bretwalda, controlando así ademais do seu reino, os de Essex, Kent, Middlessex, Suth-ge (Surrey), etc. A importancia do reinado de Raedwald, así como a coincidencia de datas fan a este rei o principal candidato para ser o ocupante da magnífica tumba de Sutton Hoo[19][20].
Tras a morte de Raedwald no 624 sucédeo o seu fillo máis novo Eorpwald (o seu fillo máis vello Rægenhere morreu na batalla do río Idle), parece que baixo o padroado de Edwin de Northumbria ao que o seu pai apoiara na súa subida ao trono. Edwin converteuse ao cristianismo e animou ao rei de Anglia Oriental a facer o mesmo. Paulino, bispo de York, parece ser que foi o encargado de bautizar ao novo rei de Anglia Oriental apadriñado polo rei de Northumbria. Con todo o partido pagán seguía sendo forte en Anglia Oriental, e Eorpwald foi asasinado por Ricberht[21] que devolveu ao reino ao paganismo[22]. Non se teñen moitos datos deste reinado, simplemente especúlase que Ricberht gobernou durante tres anos durante os cales Anglia Oriental seguiu sendo pagá até a chegada de Sigeberht, exiliado na Galia. Sigeberht podería ser fillo natural de Raedwald e pouco se sabe da súa vida anterior á súa volta a Anglia Oriental, nin de como subiu ao trono. Con todo, cara ao 629 Sigeberht era rei de Anglia Oriental xunto a Ecgric (tamén posibelmente da familia Wuffinga, aínda que de incerto parentesco)[23]. O novo rei dá un importante impulso á cristianización dos anglos, e veu acompañado de Fiz de Burgundia, que estableceu a primeira sede bispal no reino, o bispado de Dommoc, posibelmente en Dunwich ou Walton Castle. Sigeberht tamén estableceu a primeira escola onde se podía aprender a ler e escribir en latín seguindo o modelo das escolas dos reinos francos e á cal incorporou profesores de Kent. O reino de Anglia Oriental foi no relixioso unha ponte entre as dúas tradicións cristiás da época, a Igrexa romana e a Igrexa céltica, xa que tamén Sigeberht permitiu aos monxes irlandeses san Fursa, san Foilán de Fosses e san Ultan establecer o mosteiro de Cnobheresburg (Burgh Castle) segundo a regra de san Columbano. O propio Sigeberht decidiu dedicarse á vida monástica, abdicou en Ecgric e retirouse ao mosteiro fundado por san Fiz en Beodricesworth (Bury St. Edmunds).
A principios da década do 630 vai comezar a expansión de Mercia cara á conquista da hexemonía na Inglaterra anglosaxoa. Penda de Mercia derrotara no 628 ao exército de Wessex na batalla de Cirencester controlando deste xeito o val do Severn e no 630 adopta como obxectivo o enfrontamento co até o momento reino hexemónico, Northumbria. Únese co rei galés de Gwynedd, Cadwallon ap Cadfan e marchan contra Edwin de Northumbria. A batalla de Hatfield Chase foi desastrosa para Edwin e el e o seu fillo Osfrith morren na loita. O seu outro fillo Eadfrith é capturado por Penda, que posteriormente o executa. O reino é partido de novo en Deira e Bernicia. Cadwallon continúa devastando o reino anglo até a súa derrota un ano despois na batalla de Heavenfield. Con todo Penda, recentemente ascendido ao trono de Mercia decide atacar os territorios dos anglos centrais e Anglia Oriental que xa non están baixo a protección de Northumbria. Sigeberht no seu retiro monástico é chamado para se pór á fronte das tropas e aínda que nun principio refusa facelo, finalmente acepta liderar o exército aínda que sen portar armas. A batalla entre os anglos do leste e os mercianos non é ben coñecida e adóitase datar cara ao 635. A vitoria de Penda é total e ambos os reis de Anglia Oriental morren nela ademais de moitos nobres do reino, a morte do cristián Sigeberht é considerada un martirio xa que Penda era pagán, e é venerado pola Igrexa anglicana como san Sigeberht.
Penda non consolidou as súas conquistas ao oeste, talvez preocupado polas rivalidades dinásticas na mesma Mercia co seu irmán Eowa. Isto permitiu a Anna fillo de Eni e sobriño de Raedwald subir ao trono de Anglia Oriental, talvez co apoio de Oswald de Northumbria. Anna tentou reforzar a súa posición casando á súa filla Seaxburh con Eorcemberht de Kent, co que o tres reinos, Kent, Anglia Oriental e Northumbria cimentaban unha alianza cristiá en contra de Penda de Mercia. Oswald atacou a Penda e os seus aliados galeses Cynddylan ap Cyndrwyn de Powys e Cadwaladr ap Cadwallon de Gwynedd en 641 ou 642 na batalla de Maserfield e de novo a alianza pagá obtivo a vitoria, acabando coa vida de Oswald. A morte do rei de Northumbria converte a Anna en principal rival de Penda e defensor dos inimigos do de Mercia; así, cando Cenwalh de Wessex repudia á súa esposa (irmá de Penda) e este faino exiliarse do seu reino, Cenwalh recibe refuxio en Anglia Oriental. Anna tenta reforzar a fronteira oeste e toma o control da illa de Ely nos Fens, casando á súa filla Eteldreda co príncipe Tondberct dos Gyrwas do sur[24]. Eteldreda funda o mosteiro de Ely, posteriormente destruído polos viquingos. Tamén se reforza o sistema defensivo de ditches ao longo da Icknield Way. Con todo o exército de Penda volve invadir Anglia Oriental no 651 e avanzan polo norte até cercar Cnobheresburg. As tropas de Anna conseguen rexeitar aos mercianos en primeira instancia e permiten que os monxes fuxan cos seus libros e tesouros a Francia. Con todo Penda contraataca e Anna é derrotado e debe exiliarse, posibelmente ao reino de Magonsaet onde reinaba Merewalh, aínda que regresa ao seu reino cara ao 654. Ese mesmo ano Penda volve invadir Anglia Oriental, os exércitos atópanse en Bulcamp preto de Bledeburh (Blythburgh, Suffolk), e a vitoria é unha vez máis para os de Mercia, Anna e o seu fillo Jurmin morren na batalla[25]. Ese mesmo ano san Botulfo (Botolph ou Botwulf de Thorney) comeza a construción do mosteiro de Ikanhoe (Iken, Suffolk) o máis probábel dedicado ao recordo do rei morto e dos seus fillos canonizados san Jurmin, santa Seaxburh de Ely, santa Eteldreda de Ely (Æthelthryth ou Æðoþryð), santa Ethelburga de Faremoutiers (Æthelburh) e santa Withburga (Wihtburh).
Aethelhere, o irmán máis novo de Anna sucede a este no trono. Posibelmente xa exercería o mando en nome do seu irmán durante o seu exilio (651-654), aínda que non temos datos definitivos sobre iso. Anglia Oriental convértese nun sub-reino de Mercia, e por iso Aethelhere se ve obrigado a unirse á coalición de Penda de Mercia, Cadfael ap Cynfeddw de Gwynedd e Aethelwald de Deira contra Oswiu de Bernicia aliado co fillo de Penda, Peada (sub-rei dos Anglos Centrais) e Sigeberht II de Essex. A batalla definitiva dáse en Winwaed no 655 (ou 654), e tras a retirada dos seus aliados Cadfael e Aethelwald, Penda é derrotado e morto e con el trinta dos seus comandantes, entre eles Aethelhere.
A pesar da morte do seu rei, a derrota de Penda deu un respiro a Anglia Oriental, obxecto das continuas agresións do rei de Mercia e o seu interese polo dominio dos territorios dos anglos centrais e orientais. Aethelwold, irmán máis novo de Anna e Aethelhere, sobe ao trono e atópase no medio dunha nova disputa relixiosa, esta vez non entre cristiáns e pagáns, senón entre as dúas formas de rito cristián presentes en Britania, o rito romano con sede en Canterbury (Kent) e York (Deira) e o rito celta defendido polos seguidores san Aidan e san Finan de Lindisfarne en Bernicia. En Anglia Oriental a influencia do rito de Iona era forte nun principio pola presenza dos monxes irlandeses de Cnobheresburg, pero coa súa marcha, a sede de Dommoc quedou baixo a obediencia de Canterbury. Aethelwold exerceu no 662 de padriño na conversión de Swithhelm rei de Essex realizada por san Cedd (enviado por Finan) de rito celta. A controversia tentouse arranxar no 664 no Sínodo de Whitby no que prevaleceron os ritos romanos e as sedes episcopais repartíronse entre os arcebispados romanos de Canterbury e York. Aethelwold morreu na peste do 664 que afectou moi especialmente a Gran Bretaña e Irlanda e na que tamén morreron o bispo Cedd de Londres e o arcebispo Adeodato de Canterbury, os reis Eorconbehrt de Kent e Swithhelm rei de Essex.
O longo reinado de Ealdwulf (664-713) é un período de tranquilidade e crecemento para Anglia Oriental. Fillo de Æthelric, algúns autores identifícano con Ecgric de Anglia Oriental; a súa nai era Hereswitha (Hǣreswīþ) pertencente á casa real de Deira e irmá de santa Hilda de Whitby. Sábese que a súa nai foi a Francia para facerse cargo da abadía de Chelles e posibelmente Ealdwulf acompañouna. Ealdwulf, cristián desde neno e relacionado familiarmente coas abadías e mosteiros dos reinos anglosaxóns, exerceu ao longo do reinado un importante papel de padroado, a súa curmá Seaxburh era abadesa de Minster-in-Sheppey en Kent e Eteldreda no dobre mosteiro (mosteiro e abadía) de Ely. O avance da cristianización do reino móstrase na creación da segunda sede obispal por Eadwulf en Elmham no 673 para o bispo Bedwin, que se independiza da de Dommoc do bispo Æcce. No político, as tradicionais disputas con Mercia diminuíron, Anglia Oriental reafirmou o seu poder sobre a illa de Ely e aínda que recoñeceu o dominio de Mercia sobre Lindsey, continuouse co padroado de mosteiros e igrexas naquel país. O centro político de Anglia Oriental seguiu sendo Rendlæsham e a súa zona, o que favoreceu o crecemento do próximo porto de Gippeswick (Ipswich) convertido nun dos maiores novos emporios comerciais da época postromana. Nos peiraos de Gippeswick establecéronse industrias de olaría de tipo holandés e frisón, establecementos de importación de bens provenientes da rexión do Rhin e tamén as primeiras cecas onde se cuñaron as primeiras sceattas do reino.
Aelfwald (713-749) do mesmo xeito que o seu pai ten un reinado longo, próspero e tranquilo no que se segue a mesma política de paz cos reinos veciños, padroado de igrexas e mosteiros e estabilidade interior. O seu reinado coincide cos de Ine de Wessex e Wihtred de Kent (o seu tradicional aliado), ambos os reis pacíficos máis interesados no desenvolvemento legal e social dos seus reinos que na expansión territorial. Tamén con Mercia as relacións son amigábeis, tras a morte de Ceolred a dinastía de Penda extínguese e sobe ao trono Aethelbald, que anteriormente estivera exiliado nos Fens acollido polo ermitán san Guthlac e protexido polos reis de Anglia Oriental, algo que o rei de Mercia agradecerá e traducirá nunhas fluídas relacións con Aelfwald. A cuñaxe de sceattas de prata (peniques) expándese no tempo de Aelfwald e varios tipos destas moedas son atribuídas a produción de cecas de Anglia Oriental[26]. A maioría son da chamadas serie 'R' derivadas de modelos de Kent e distribuídas principalmente no sueste do reino e especialmente na zona de Gippeswick, no noroeste e os Fens son máis habituais as moedas de serie 'Q' con afinidades cos peniques de Northumbria. Tamén foron atopados en varios lugares de Anglia Oriental os chamados "peniques porcos espiños" (porcupine sceattas, serie 'E') the orixe franco-frisoa que mostran as conexións comerciais de Anglia Oriental co continente, especialmente cos portos do Rhin como Domburg, Dorestad e Andernach, que achegaban ademais relacións culturais entre os anglosaxóns e as culturas dos países frisóns, francos, alamáns, saxóns, turinxios e burgundios[27].
Gippeswick crece de forma substancial en tempo de Aelfwald, seguindo o modelo de Dorestad en Holanda, representa unha das primeiras cidades cunha planificación urbanística de Gran Bretaña e que sobreviviu substancialmente até a nosa época[28]. O emporio de Gippeswic convértese nun dos principais portos comerciais do Mar do Norte e un dos catro portos que comunicaban a Inglaterra anglosaxoa co continente, á parte dos tradicionais, situados en Kent no Paso de Calais[29]. Aelfwald é o último representante da dinastía wuffinga de Anglia Oriental, non se sabe se tivo algunha descendencia e nin sequera se tivo esposa. Trala súa morte no 749 Anglia Oriental entra nun período escuro ata que cae baixo o dominio de Mercia.
Nunha soa entrada (para o ano 749) duns anais do século X ou XI, segundo Roger de Wendover, dise " hunbeanna e alberht dividiron o reino entre eles" e o historiador interprétao como a división de Anglia Oriental entre tres reis, Hun, Beanna e Alberht[30]. A existencia de Beanna (Beorna, Beonna, Benna ou Beornus) e de Alberht (Ethælbert ou Æthelberht) está confirmada pola existencia de cuñaxes co seu nome. Con todo Hun é un caso moito máis discutíbel. Non hai ningunha proba máis da súa existencia e hai outras posíbeis interpretacións, o nome podería ser Hunbeanna (ditemático) e habitualmente poderíase reducir simplemente Beanna ou Benna, que sería un hipocorístico; hun- é habitual noutros nomes ditemáticos como Æthelhun, Hunferth ou Hunberht. Outra posibilidade é que fose un epíteto do nome de Beorna, a semellanza do nome doutros reis como Aethelwold Moll ou Eadberht Praen. A última hipótese alternativa é que fose unha palabra como Her (é dicir, "neste ano") habitual nos inicios das entradas dos anais que algún copista transformou en parte do nome de Beorna. O achado dunha única moeda co nome de Ethælbert, atopada nun depósito que contiña ademais variedade de sceattas rúnicas, moedas de Beonna, e outras, autentifican a data de datación sen dúbida e por eles a existencia de Albert/Etelbert. É un penique de 42 % de riqueza en prata moi similar ás moedas realizadas na ceca do cuñador Efe, o máis habitual fabricante de moedas das atribuídas a Beorna. A existencia histórica deste último tamén é innegábel pola abundancia de cuñaxes co seu nome atopadas en toda Anglia Oriental. A presenza de dous reis no mesmo período, un deles dominante (se temos en conta as cantidades de cuñaxe) fai supor que Beorna puidese ser un representante de Aethelbald de Mercia e que Aethelberht (I) pertencese á familia Wuffinga, posibelmente dunha rama lateral, que dese lexitimidade a tal diarquía. Apoiando esta tese están os feitos de que Beorna é un nome alleo aos habituais nos gobernantes de Anglia Oriental e máis afín a nomes mercianos como Beonred, Beornwulf ou Beorhtwulf, e ademais que se ten constancia de que Beorna acompañou a Aethelbald na súa expedición contra Cuthred de Wessex e loitou xunto a el na batalla de Burford Bridge. Algúns autores identifican a Beorna con Beornred, que subiría ao trono de Mercia tras a morte de Aethelbald e que fose sucedido en ambos os reinos por Offa[31].
Similar diarquía daríase posteriormente con Offa (rei de Mercia e Anglia Oriental) e os posibelmente wuffingas Aethelred I (760-779?) e Adalberto II (779?-794), pai e fillo que estiveron como sub-reis do poderoso rei de Mercia. De Aethelred non hai máis constancia histórica que a súa mención en Vita Sancti Ethelberti e na Gesta regum Anglorum de Guillerme de Malmesbury, e del dise que estaba casado con Leofruna e que ambos vivían en Beodricesworth (Bury St. Edmunds), posibelmente a nova capital de Anglia Oriental[32]. Tampouco se sabe moito de Adalberto II (Æthelberht, Æðelbrihte) en canto a rei, aínda que é máis coñecida a súa historia como santo, san Aethelberht ou san Adalberto[33]. A súa morte por orde de Offa de Mercia esta recollida na Crónica anglosaxoa no 794, polo que foi canonizado e en ausencia de referencias históricas temos gran cantidade de haxiografías de época medieval que provén datos dubidosos sobre a súa vida.
Ricardo de Cirencester, cronista do século XV, narra a historia da gran piedade do Aethelberht, a súa elección como rei, como aínda que querendo quedar célibe foi obrigado a casar con Ælfthyth, filla de Offa, e como ao ir visitala desagradou á malvada raíña Cynethryth que envelenou a mente do seu marido que accedeu ao seu asasinato. Aethelberht foi atado e decapitado por un tal Grimbert e o seu corpo foi enterrado sen cerimonia en Sutton Walls (Herefordshire), polo que é venerado tanto en Anglia Oriental como en Hereford, onde a catedral está dedicada ao seu nome.
Eadwald (796?-798) do que se coñecen algunhas moedas co título de "Rex" podería ser un intento de Anglia Oriental por buscar a independencia tras a morte de Offa no 796, o fillo deste, Ecgfrith de Mercia, parou a rebelión pero morreu ese mesmo ano tras 144 días de reinado. Coenwulf de Mercia tivo que facer fronte ás rebelións das provincias do sueste (Anglia Oriental, Essex e Kent) e cara a finais do século conseguira reconstruír os dominios de Offa, polo que se supón que Eadwald sería deposto ou morto cara ao 798-799 data das súas últimas moedas, aínda que non se coñecen moedas de Coenwulf até o 805. Non hai máis datos sobre Anglia Oriental durante o dominio dos reis de Mercia Coenwulf, Ceolwulf e Beornwulf até a derrota deste último na batalla de Elladum por Ecgberht de Wessex.
No 823 un nobre de Mercia, Beornwulf, destronou a Ceolwulf I membro da casa real ao que consideraba demasiado pusilánime. Tras conquistar o reino galés de Powys, o novo rei de Mercia considerou necesario someter o único reino do sur de Inglaterra que estaba fóra da súa xurisdición, o reino saxón de Ecgberht de Wessex. No 825 invadiu o reino veciño e estableceu batalla en Ellandum, pensando na tradicional superioridade militar de Mercia. Con todo a batalla foi un desastre para Beornwulf que perdeu gran parte do seu exército e a derrota animou aos reinos subxugados por Mercia a se rebelaren. Aethelwulf de Wessex, o fillo de Ecgberht, conquistou Kent e Essex, e os nobres de Anglia Oriental elixiron rei a Aethelstan, talvez pertencente a unha rama menor dos reis wuffingas. Beornwulf dirixiuse a Anglia Oriental para reducir aos sublevados, pero de novo as tropas de Mercia foron derrotadas e o seu rei morreu na batalla. O novo rei de Mercia, Ludeca, tentou someter os rebeldes en 826-827, probabelmente conseguiría nun principio conquistar parte do país, como testemuñan algunhas moedas achadas co seu nome na zona de Ipswich, provenientes de cecas de Anglia Oriental. Con todo no 827 nunha nova batalla, Aethelstan derrotou de novo aos mercianos e matou a Ludeca, conseguindo a independencia definitiva para o seu reino. Non temos máis referencias históricas sobre o reinado de Aethelstan I, exceptuando as abundantes moedas achadas co seu nome, que o converten no rei de Anglia Oriental con maior número de cuñaxes atopadas. Segundo a datación das moedas os arqueólogos alongan o seu reinado cara ao ano 845. Tampouco temos ningunha evidencia textual do seu sucesor Aethelweard, pero igualmente podemos testemuñar o seu reinado por probas numismáticas, aínda que neste caso en menor cantidade que as do seu antecesor.
Eadmund ou san Eadmund, con todo, como santo é amplamente nomeado en diversas haxiografías medievais, desde a temperá Passio Santi Eadmundi de Abón de Fleury de finais do século X, até a fantasiosa De infantia Sancti Edmundi de Galfridius Fontibus do século XII. Posibelmente fose fillo de Aethelweard ao que sucedeu no 855 moi novo, aos 14 anos de idade (Galfridius faino fillo dun imaxinario rei saxón de Nürnberg chamado Alcmund). Existen tamén abundantes evidencias numismáticas do seu reinado, moedas atopadas en toda Anglia Oriental coa inscrición de "EADMVND REX AN". O reinado de Eadmund caracterízase pola chegada dos viquingos daneses a Inglaterra. Segundo a lenda Ragnar Lodbrok comandante viquingo que atacou o reino franco subindo polo Sena, saqueou Ruan e París, á súa volta naufragou preto da costa inglesa. Foi feito prisioneiro por Aelle de Northumbria que o executou botándoo nun foxo con serpes velenosas, algúns autores din que foi Eadmund quen o matou cara ao 865. Os seus fillos xuraron vinganza e no 867 mandaron o "gran exército pagán" encabezado polo tres fillos de Ragnar, Halfdan Hvitsärk (Camisa branca), Ivar inn beinlausi (o Desosado) e Ubbe Ragnarsson. Primeiro atacaron Northumbria, matando aos seus reis Aelle e Osberht, e establecen como base a capital northumbria de York (Jorvik é como o rebautizan os viquingos). Desde alí mandan no 869 un ataque sobre Anglia Oriental, establecendo os seus cuarteis preto de Theodford (Thetfort), posibelmente a capital de Anglia Oriental nesa época. Eadmund sae ao encontro dos daneses e a batalla establécese en Hoxa (Hoxne), 20 millas ao leste de Theodford. O exército anglo é derrotado e o seu rei Eadmund morre na batalla, e os daneses devastan o reino saqueando mosteiros e cidades[34]. Eadmund foi enterrado en Beodericsworth e pronto se converteu nun importante centro de peregrinación, e o actual nome da cidade, Bury St. Edmunds, fai referencia á tumba do rei santo que se converteu no patrón de Inglaterra ata que en 1348 foi substituído por san Xurxo. A fantasiosa haxiografía cristiá engade algúns episodios do martirio do rei a mans dos daneses por non a renunciar á súa fe e negarse a converterse en vasalo de reis pagáns, ningunha fonte histórica corrobora o suposto martirio que os autores do século XI e XII fan semellante ao martirio de san Sebastián, condenado a ser aseteado, de feito sempre se representa a san Eadmund xunto a unha frecha símbolo do seu martirio.
Dos sucesores de Eadmund, Oswald (870-876?) e Aethelred II (876-878) non se coñece nada seguro, con todo as cuñaxes no seu nome testifican a súa existencia, algúns historiadores pensan que foron reis subordinados aos comandantes viquingos (puppets kings) ou talvez o continxente viquingo retirouse de novo a Jorvik, deixando a Oswald como vasalo. No 871 un novo continxente viquingo ao mando de Bagsecg chega a Gran Bretaña e únese ao exército dos Ragnarsson coa intención de invadir Wessex, toman Reading e enfróntanse a Alfredo o Grande na batalla de Ashdown, o rei saxón consegue deter o avance viquingo aínda que sen unha vitoria clara, na batalla morre Bagsecg. Novos exércitos viquingos chegan a Gran Bretaña e únense ao Grande exército pagán, tras a derrota dos saxóns en Wilton, Alfred decide pagar un tributo para que os daneses lle concedan unha tregua, deste xeito os viquingos ao mando de Halfdan desprázanse cara ao norte. No 875 un novo rei nórdico chamado Guthrum chega á illa, desembarca en Anglia Oriental e decide atacar de novo a Wessex desde alí, a frota viquinga é derrotada en Wareham (Dorset), aínda que Alfredo esperaba que a súa vitoria detivese as pretensións viquingas sobre Wessex, no 878 novas frotas viquingas chegan e de novo ao mando de Guthrum atacan Wessex e fan fuxir a Alfredo de Chippenham cara a Somerset desde onde tenta fustrigar ao exército danés, finalmente en abril do 878 enfróntanse na batalla de Ethandun (Eddington) onde Alfredo conseguiu unha vitoria decisiva para os saxóns que fixeron fuxir aos daneses a Chippenham. Guthrum e os seus viquingos tras 14 días de asedio deciden chegar a un acordo con Alfredo, o chamado Tratado de Wedmore (aínda que só foi un acordo, sen tratado propiamente dito), polo cal os daneses se retiraban a Anglia Oriental que se convertía no Reino de Danelaw, composto por Anglia Oriental xunto a Essex e Mercia Oriental, comprometíanse a non atacar Wessex e os daneses convertíanse ao cristianismo. Alfredo depuxo a Aethelred II e apadriñaba a Guthrum no seu bautismo que se convertía en rei de Anglia Oriental co nome de Aethelstan I.
Anglia Oriental queda enmarcada dentro dos territorios conquistados polos daneses coñecidos como Danelaw, que ademais comprendía o reino de Jorvik (York), o cinco burgos situadas no territorio do Reino de Mercia (Five Boroughs: Derby, Nottingham, Lincoln, Leicester e Stamford) e os Burhs do sur no territorio dos Anglos Centrais (Cambridge, Huntingdon, Bedford e Northampton). Á Anglia Oriental danesa incorporóuselle tamén o antigo reino de Essex e a provincia merciana de Middlesex incluíndo Lundewic (Londres), e os burhs do sur que posuían o seu propio territorio (jarldoms) e eran gobernados por xefes autónomos (jarls antecedente do termo earl) dependían nominalmente do rei Guthrum. Precisamente nestes territorios fronteirizos con Wessex era onde se daban as friccións entre saxóns e daneses, que parecían respectar o Tratado de Vendover, xa que os daneses de Anglia Oriental non estaban directamente implicados nas disputas. Con todo no 885 Guthrum fai un novo intento para conquistar Wessex, desembarcan en Kent e tentan asediar Rochester, pero o intento é detido por Alfredo o Grande, que contraataca no 886, avanza coa súa frota cara ao río Stour e en Huntingdon destrúe varios barcos viquingos, despois inicia unha nova campaña por terra, reconquista Londres e avanza cara a Essex. A derrota danesa provoca a firma dun novo acordo: a Paz de Alfredo e de Guthrum, pola cal o reino danés de Anglia Oriental perde Londres e Middlesex. Pouco máis se coñece do reinado de Guthrum xa que tras o tratado os daneses de Anglia Oriental non volveron atacar Wessex, a conversión de Guthrum tampouco parece moi efectiva xa que nin se restableceu o bispado nin se reconstruíron igrexa nesa época. Guthrum morreu no 890 e segundo os Anais de St Neots, unha recompilación de crónicas gardada en Bury St Edmunds, Guthrum foi enterrado en Headleage (Hadleigh, Suffolk)[35].
Do seu sucesor, Eric (Eohric en saxón, Eiríkr en danés), só sabemos a súa implicación na guerra de sucesión de Wessex que se produce tras a morte de Alfredo o Grande no 899, os seus sobriños Aethelhelm e Aethelwold (fillos de Aethelred I) eran moi novos cando o seu pai morreu no 871, polo que Alfredo foi elixido rei. Á súa morte Aethelwold reclama os seus dereitos ao trono fronte ao fillo de Alfredo, Eduardo o Vello, e comeza a chamada Revolta de Aethelwold. Cando Aethelwold toma o control das terras reais de Hampshire, Eduardo reúne o seu exército e vai ao seu encontro, con todo o pretendente sae de Wessex e toma refuxio nos territorios daneses. Primeiro a Jórvík onde segundo as ASC élle ofrecido o trono no 899, ou polo menos como kinsman dos reis viquingos Sigfrøðr e Knútr. No 902 ponse ao mando dunha frota danesa e marcha a Anglia Oriental onde persuade a Eohric para unirse ao seu exército e atacar a Eduardo. O rei de Wessex ataca primeiro saqueando zonas de Essex, pero os daneses saen ao seu encontro e Eduardo decide retirarse, con todo os seus aliados de Kent non obedecen a orde de retirada e enfróntanse aos daneses na batalla do Holme (lugar descoñecido en Essex ou Suffolk), o 13 de decembro de 902. Aínda que os daneses gañan a batalla, nela morren tanto Aethelwold como Eohric, polo que o maior beneficiado da loita é finalmente Eduardo.
Guthrum II sobe ao trono de Anglia Oriental, aínda que non existe unha evidencia histórica sobre o seu reinado e coñécese moi pouco dos feitos de Anglia Oriental entre o 902 e o 916. Eduardo e a súa irmá Aethelflyth señora de Mercia (Myrcna hlæfdige) comezan no 914 unha campaña para reconquistar a Mercia danesa[36]. Eduardo conquista o burh de Bedford ese ano que era gobernado polo jarl Thurketel dependente de Anglia Oriental. Thurketel acepta a vasalaxe, pero no 915 Eduardo toma o mando directo da fortaleza e o jarl danés vese obrigado a exiliarse coa súa xente a Francia. No 916, no norte, Aethelflyth á fronte do exército merciano toma Derby e o seu territorio, aínda que Leicester aguanta os primeiro ataques, a principios do 918 os mercianos toman a fortaleza e posibelmente pouco despois conquistan tamén Lincoln. No 917 os jarls Toglos e Manna de Huntingdon fortificaran Tempstford coa intención de utilizalo como base para reconquistar Bedford coa axuda do exército de Guthrum II de Anglia Oriental. Na primavera do 918 Eduardo ataca a fortaleza e enfróntase ao groso do exército viquingo na batalla de Tempsford onde destrúe a todo exército danés e nela morren Guthrum II, Toglos e Manna. O resultado da batalla é un desastre para os daneses, Eduardo unha vez conquistada Huntingdon ataca en maio Stamford, ese mesmo verán toma Nottingham e durante o outono do 918 realiza unha campaña conquistando todos os territorios do reino danés de Anglia Oriental: Essex, Suffolk, Norfolk e Cambridge. Finalmente o jarl Thurferth de Northampton convértese en vasalo do rei saxón e deste xeito todos os territorios ao sur do Humber volven a mans anglosaxoas no 918.
A partir do 918, Anglia Oriental deixa de ser un reino (kingdom) e pasa a ser un earldom (administrado en nome do rei por un earl) dependente do rei dos anglosaxóns, que en pouco tempo converteríase no rei de Inglaterra. Os earldom son os antecesores dos "shires" ou condados ingleses, a división administrativa máis característica de Inglaterra.
Reinado | Rei | Nome orixinal | Notas |
---|---|---|---|
Dinastía dos WUFFINGAS | |||
h.571-578 | Wuffa | VVFFA VVEHHING | Epónimo da dinastía Wuffinga, rei segundo Roger de Wendover |
578-599 | Tyttla | TYTTLA VVFFING (Tytila, Titilus) | Rei segundo Roger de Wendover |
593-625 | Raedwald | RÆDVVALD TYTTLING (Rædwald, Raedvaldus) | Imperium; Rex Anglorum (Beda). Bretwalda (Cróniva anglosaxoa). |
617-618? | Eni | ENI TYTTLING (Æne) | Non se sabe se chegou a reinar |
624-627 | Eorpwald | EORPVVALD RÆDVVALDING (Eorpwald) | Asasinado por Rigberht |
627-629 | Ricberht | RICBRYHT (Ricberht) | Non se sabe se chegou a reinar. Non Wuffinga |
629?-634? | Sigeberht | SIGEBRYHT RÆDVVALDING (Sigeberht, Sigebert) | Xunto a Ecgric. Abdicou. San Sixeberto. Fillo natural de Raedwald. |
h.630-636? | Ecgric | ECGRIC | Kinsman de Sigeberht. Posibelmente Aethelric (Æþelric) fillo de Eni |
636-654 | Anna | ANNA ENING (Onna) | |
654-655 | Aethelhere | ÆÞELHERE ENING (Æthelhere, Aethelhere) | |
655-664 | Aethelwold | ÆÞELVVOLD ENING (Æthelwold, Æthelwald) | |
664-713 | Ealdwulf | EALDVVLF ÆÞELHERING (Ealdwulf, Aldwulf) | |
713-749 | Aelfwald | ÆLFVVALD ÆÞELHERING (Ælfwald, Ælfwold) | |
Reis de Anglia Oriental sen dinastía coñecida | |||
749-h.760 | Beorna | (Beonna, Benna, Beanna, Beornus) | Xunto a Aethelberht I. |
749? | Aethelberht I | ALBERHT | Xunto a Beorna |
760?-779? | Aethelred I | ÆÞELRED (Æthelred) | Non se sabe se chegou a reinar |
779?-794 | Adalberto II | ÆÞELBRYHT (Æthelberht II) | San Æthelbert. Executado por orde de Offa |
Dinastía dos ICELINGAS de Mercia | |||
h.760-796 | Offa | OFFA ÞINCFRIÞING | Rei de Mercia (757-797) |
Reis de Anglia Oriental sen dinastía coñecida | |||
h.796-798 | Eadwald | EADVVALD (Eadwald) | |
Dinastía C de Mercia | |||
h.796-821 | Coenwulf | COENVVLF | Rei de Mercia (796-821) |
821-823 | Ceolwulf | COELVVLF | Rei de Mercia (821-823) |
Dinastía B de Mercia | |||
823-826 | Beornwulf | BEORNVVLF | Rei de Mercia (823-825) |
Reis de Anglia Oriental sen dinastía coñecida | |||
h.825-h.845 | Aethelstan I | ÆÞELSTAN (Æthelstan) | Rex Anglorum (en moedas) |
h.845-855 | Aethelweard | ÆÞELVVEARD (Æthelweard) | |
855-870 | Edmundo o Martir | EADMVND (Edmund the Martyr) | San Edmundo. Rex Anglorum (moedas) |
870-876? | Oswald | OSVVALD (Oswald) | Morre en 876, Sub-rei baixo o dominio danés. |
876-878 | Aethelred II | ÆÞELRED (Æthelred II) | Deposto por Alfredo de Wessex. Sub-rei baixo o dominio danés. |
Reis de Danelaw | |||
878-890 | Guthrum | AÞELSTAN (Gorm den Gamle, Gorm den Barnløse) | Toma o nome de Æthelstan II tras o seu bautismo. |
890-902 | Eohric | ERIC (Eohric) | Morto en batalla en decembro do 902 |
902-916 | Guthrum | GUTHRUM (Gorm) | Morto en batalla en 916 |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.