rei de Mercia entre 757 e 796 From Wikipedia, the free encyclopedia
Offa de Mercia ou Offa I de Mercia, de quen se descoñece a data exacta de nacemento, e finado no 796, no mes de xullo (dubídase se foi o 26 ou o 29 de xullo), foi rei do reino de Mercia (un dos reinos da chamada Heptarquía anglosaxoa) entre o ano 757 e a data da súa defunción.[1]
Biografía | |
---|---|
Nacemento | século VIII |
Morte | 29 de xullo de 796 Bedford, Reino Unido (pt) |
Causa da morte | decapitación |
Lugar de sepultura | Bedford (pt) |
Rei de Mercia | |
757 – 29 de xullo de 796 ← Beornred de Mercia – Ecgfrith de Mercia → | |
Actividade | |
Ocupación | monarca |
Familia | |
Familia | Iclingas (en) |
Cónxuxe | Cynethryth |
Fillos | Æthelburh, Ælfthryth of Crowland, Eadburh, Ælfflæd of Mercia, Ecgfrith de Mercia |
Pai | Thingfrith |
Descrito pola fonte | Dictionary of National Biography, 1885–1900 (en) Encyclopædia Britannica Enciclopedia Católica |
Durante o seu reinado, cunha duración total de case 40 anos, é de destacar, por unha banda, a introdución no sistema monetario do penny (ou penique en galego), que seguiu en uso até a actualidade, así como a edificación do chamado Offa's Dyke, un muro defensivo ante as tribos celtas do actual País de Gales, parte de cuxos restos son aínda visíbeis máis de mil anos despois. Por outra banda, dominou a maior parte da Inglaterra situada ao sur do río Humber.
O seu longo reinado marcou fortemente o devir de Inglaterra, até o punto de que foi o primeiro en ser denominado King of the English ou Rex Anglorum, é dicir, rei de Inglaterra, o primeiro dos anglosaxóns en adoptar dita denominación. A importancia da súa figura na época en que viviu ponse de manifesto polo feito de que mantivo con Carlomagno, rei dos francos, negociacións sobre o posíbel matrimonio dos seus fillos respectivos, aínda que finalmente ditas negociacións non deron froito[2]. Deste xeito, Offa posuíu dentro da illa de Gran Bretaña unha indiscutida supremacía ante o resto de reis da Heptarquía anglosaxoa.
Finalmente, a figura de Offa e a rede de relacións entretecidas coas principais potencias políticas da Europa da súa época marcan o fin do que a historiografía contemporánea coñece como os séculos escuros da Historia de Inglaterra[1].
A principal fonte acerca da persoa do rei Offa de Mercia constitúea a coñecida como Crónica Anglosaxoa, creada no século X e redactada en Idioma anglosaxón, o antecedente do actual idioma inglés, da que chegaron até nós varias versións manuscritas con textos discordantes, posto que cada unha das súas copias era en moitas ocasións obxecto dunha actualización independente e diferenciada. Tamén aparece no manuscrito Vitae duorum Offarum.
Á devandita fonte cómpre engadir diversa documentación e cartas da época do seu longo reinado, calcadas do modelo que supuñan os documentos emanados da chancelaría dos Carolinxios, modelo que inspirou igualmente a súa reforma monetaria, que desembocou na creación do penique.
Polo demais, as propias obras executadas durante o seu reinado, algunha delas de notábel envergadura, como é o caso da Muralla de Offa, pon de manifesto unha saneada situación económica do reino, capaz de acometer obras continuadas de importancia, á vez que mostran a capacidade administrativa e organizativa da Corte e do propio soberano.
Frank Stenton, autor da Inglaterra anglosaxoa publicada en 1943, foi un dos historiadores británicos que máis claramente contribuíron a demostrar a puxanza de Mercia durante estes anos nos que as fontes conservadas son particularmente escasas.
Segundo a Crónica Anglosaxoa, que constitúe a fonte básica de informacións sobre a súa persoa, o futuro rei de Mercia, Offa, era fillo de Thingfrith, á súa vez un descendente de Eowa, un irmán de Penda, quen fora o sétimo rei de Mercia.
Offa accedeu ao trono de Mercia tras soster un enfrontamento con Beornrad, que se proclamou rei do país tras o asasinato do anterior rei, Aethelbald, quen ademais era curmán do propio Offa[1].
No ano 770, continuando coa política de expansión perseguida polos seus antecesores, logrou que tanto o reino dos saxóns de Wessex como o reino dos xutos de Kent pasasen a ser tributarios do reino de Mercia. No 776 volveu derrotar aos sublevados saxóna de Wessex, nas proximidades de Oxford. Tras esta última vitoria, obrigou ao rei de Wessex a se declarar vasalo do reino de Mercia, á vez que casaba co rei a unha das súas propias fillas (a outra das súas fillas casou co rei de Northumbria).
De feito, algúns documentos do seu reinado mostran como nin sequera se mencionaba xa, no 774, a existencia de ningún rei de Kent. Concretamente, trátase de documentos de concesión de terras no reino de Kent efectuados polo propio Offa, o que demostra o seu dominio sobre o antigo reino. Ademais, a Crónica Anglosaxoa menciona como na batalla do 776 contra os saxóns de Wessex, os homes do reino de Kent combateron baixo os estandartes de Offa de Mercia (aínda que iso, como agudamente fai notar Frank Stenton, non evidencia o dominio no período posterior á propia batalla), e un documento do 784 menciona a Ealhmund de Kent como rei de Kent. Polo demais, no 796, ano da morte de Offa, unha revolta en Kent proclamou novo rei de Kent a Eadberht III Praen, o que mostra a fraxilidade do dominio de Mercia sobre Kent.
Polo que respecta ao reino de Sussex, aínda que os régulos da parte occidental do reino parecen recoñecer case desde o principio a autoridade de Offa, os da parte oriental parecen opor unha maior resistencia, que Offa dobregou coas armas nunha campaña nos anos 771 e 772, co que e os reis de Sussex desde ese momento só serían coñecidos como duques de Sussex.
No 779, na batalla de Bensington, no actual Oxfordshire, as tropas de Offa derrotaron ás de Cynewulf de Wessex, recuperando de novo o dominio sobre o reino de Wessex. No 786, tras facer asasinar a Cynewulf, Offa puxo no trono de Wessex a Beorhtric de Wessex, preferíndoo a Ecgbehrt de Wessex, quen pertencía a unha dinastía tradicionalmente inimiga da de Mercia. No 789, Beorhtric desposou a Eadburh, filla de Offa[1].
No ano 794, tras o asasinato de Adalberto II da Anglia Oriental, Offa apoderouse igualmente do Reino de Anglia Oriental.
Para terminar, cara a finais do seu reinado, no 792, pactou unha alianza matrimonial co reino de Northumbria, entregando á súa filla como esposa a Aethelred I de Northumbria[1].
Aínda que tradicionalmente os reinos dos anglosaxóns sostiñan constantes loitas contra os galeses, en tanto que descendentes dos britanos existentes na illa de Gran Bretaña á chegada dos invasores anglos, saxóns e xutos, Offa non emprendeu campañas contra eles, limitándose a erixir un amplo muro defensivo, a Muralla de Offa. A construción corresponde aproximadamente ao ano 777, e trátase dunha obra inspirada noutros antecedentes na propia illa de Bretaña, levantados polo Exército romano, como o Muro de Adriano ou o Muro de Antonino Pío.
Cunha lonxitude aproximada duns 240 km, a obra defensiva, levantouse entre o estuario do río Dee ao norte e o río Wye ao sur, probabelmente aproveitando construcións anteriores, protexendo esencialmente a fronteira co reino galés de Powys. Hai que facer constar, con todo, que a atribución a Offa desta construción é obra dun monxe, Asser, e que modernamente algúns dubidan da corrección da devandita atribución. O material utilizado para a construción do muro foi o adobe[1].
A pesar do anteriormente indicado, Offa mantivo unha batalla cos galeses en Hereford no 760, e Offa emprendeu campañas contra eles no 778, o 784 e o 796.
No ano 789, Carlomagno, o carolinxio rei dos francos, iniciou conversacións con Offa tendentes a pactar o matrimonio entre un fillo de Carlomagno e unha filla de Offa, seguida dunha contraproposta de Offa, que propuña á súa vez o matrimonio do seu fillo Ecgfrith e unha das fillas de Carlomagno. Ao parecer, Carlomagno consideraría a resposta de Offa como unha grave afronta, polo que impuxo represalias comerciais, pechando temporalmente os portos francos ao comercio do reino de Mercia.
Polo mesmo motivo, Carlomagno acolleu a varios exiliados anglosaxóns, entre eles a Ecgberht de Wessex, quen recuperaría o trono do reino de Wessex tras os sucesivos falecementos de Offa, Beorhtric de Wessex e Alfredo o Grande.
Á parte da obra de saneamento e impulso económico que se produciu durante o seu reinado, como queda de manifesto coa reforma do sistema monetario anglosaxón, baseada en criterios monetarios do reino franco, pero perfeccionándoos e depurándoos, tarefa que desembocou na creación da nova moeda dos peniques que colaborou na expansión do comercio, hai diversos elementos de interese na política interior do seu reinado.
Atopándose ao seu ascensión ao trono co feito de que o comercio da súa época se achaba nun estado sumamente embrionario, dedicouse á súa potenciación e favorecemento.
Por unha banda, o mero feito da constitución dun poder real forte, que garantía a seguridade nas rutas comerciais, xunto á seguridade xurídica que iso supuña, bastaron por si mesmos para inducir entre os comerciantes e mercadores a tranquilidade que o comercio require.
Pero, ademais, efectuou cambios no sistema monetario, que desembocaron na creación dunha nova moeda, o penique (ou penny). Trátase dun feito sumamente importante posto que, ademais, era a segunda vez na Historia de Inglaterra na que un soberano británico cuñaba moeda, tras un único precedente anterior no reino de Kent, aínda que neste caso a moeda cuñada estivo vinculada a patróns continentais, de influencia franca[1].
Posto que entrara en conflito con Jænberht, Arcebispo de Canterbury, logrou do papa Hadrián I a creación dunha nova arquidiocese, a Arquidiocese de Lichfield, con sede en Lichfield, no seu propio reino, co que os eclesiásticos do seu reino deixarían de depender da arquidiocese con sede en Canterbury[1]. Enfrontouse con todo a diversas oposicións, expresadas nun concilio celebrado no 787 na cidade de Chelsea. Ao parecer, a creación da nova diocese logrouse debido á amizade que neses momentos mantiña o rei Offa con Carlomagno[1].
Por outra banda, para contribuír ao fortalecemento do reino, tentou pór en marcha para o seu reino un proxecto similar ao que estaba a se levar a cabo no Reino franco por parte de Carlomagno, apoiándose na obra de Alcuino de York: a creación de escolas para a formación dos clérigos baixo a supervisión dos máis acreditados sabios do momento[1].
Durante a última fase do seu reinado, a partir do 787, Offa asociou ao trono ao seu fillo Ecgfrith, como medio de facilitar a pacífica sucesión do mesmo. Con todo, tras a morte de Offa no 796, o seu fillo Eccfrith o sobreviviu tan só cinco meses, falecendo polo demais en circunstancias pouco claras. Por este motivo, o reino de Mercia entrou nun período de decadencia, polo que se considera que a partir do ano 825 a supremacía na Heptarquía anglosaxoa pasou a mans do reino de Wessex[1].
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.