Regulación da expresión xénica
procesos que afectan á expresión dun xene a nivel de tradución ou transcrición / From Wikipedia, the free encyclopedia
A regulación da expresión xénica ou regulación xénica comprende todos aqueles procesos que afectan á expresión dun xene a nivel de tradución ou transcrición, controlando a produción dos seus produtos funcionais.
- Ver tamén expresión xénica.
A regulación da expresión xenética inclúe un amplo rango de mecanismos que as células usan para incrementar ou diminuír a produción de produtos xénicos específicos (proteínas ou ARNs). As células utilizan sofisticados programas de expresión xénica, por exemplo para poñer en funcionamento as vías de desenvolvemento do organismo (morfoxénese, diferenciación), responder aos estímulos ambientais ou adaptarse a novas fontes de alimentación. Virtualmente todos os pasos da expresión xénica poden ser modulados, desde a iniciación da transcrición, ao procesamento do ARN, e a modificación postraducional das proteínas.
A regulación xénica é esencial para os virus, procariotas e eucariotas, xa que incrementa a versatilidade e adaptabilidade dun organismo ao permitirlle á célula expresar determinadas proteínas cando se necesitan. Aínda que xa en 1951 Barbara McClintock mostrou a interacción que se producía entre dous loci xenéticos, chamados Activador (Ac) e Disociador (Ds), na formación da cor das sementes de millo, o primeiro descubrimento dun sistema de regulación xénica considérase que foi a identificación en 1961 do operón lac por Jacques Monod, no cal algúns encimas implicados no metabolismo da lactosa se expresan no xenoma de Escherichia coli só en presenza de lactosa e ausencia de glicosa. Despois, descubríronse outros operóns.
Ademais, nos organismos multicelulares, a regulación xénica guía os procesos de diferenciación celular e morfoxénese, que levan á creación de diferentes tipos celulares con diferentes perfís de expresión xénica, e, por tanto, producen diferentes proteínas e teñen diferentes ultrastruturas, que son as axeitadas para realizaren as súas funcións (aínda que todas posúen esencialmente o mesmo xenotipo, copia do que tiña o cigoto, coa mesma secuencia).