![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/d/de/PPARg_RXRa_3E00.png/640px-PPARg_RXRa_3E00.png&w=640&q=50)
Receptor nuclear
From Wikipedia, the free encyclopedia
En bioloxía molecular, os receptores nucleares son un tipo de proteínas que se encontran dentro das células que son responsables de detectar certas moléculas, como por exemplo as hormonas esteroides e tiroides. Como resposta á unión a estas moléculas, os receptores traballan conxuntamente con outras proteínas regulando a expresión de xenes específicos, controlando así o desenvolvemento, homeostase, e metabolismo do organismo.
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/d/de/PPARg_RXRa_3E00.png/640px-PPARg_RXRa_3E00.png)
Os receptores nucleares teñen a capacidade de unirse directamente ao ADN e regular a expresión de xenes adxacentes, polo que estes receptores se clasifican como factores de transcrición.[2][3] A regulación da expresión xénica feita polos receptores nucleares xeralmente só ocorre cando está presente un ligando (unha molécula que afecta ao comportamento do receptor). Máis especificamente, a unión do ligando a un receptor nuclear dá lugar a un cambio conformacional no receptor, o cal, á súa vez, activa o receptor, o que ten como resultado a regulación da expresión xénica á alza ou á baixa.
Unha característica peculiar dos receptores nucleares, que os diferencia doutras clases de receptores, é a súa capacidade de interaccionar directamente co ADN e controlar a expresión do ADN xenómico. Como consecuencia, os receptores nucleares xogan un papel clave no desenvolvemento embrionario e na homeostase do adulto. Como se discute máis abaixo, os receptores nucleares poden clasificarsse de acordo co seu mecanismo de acción[4][5] ou segundo a súa homoloxía.[6][7]