Bioloxía do desenvolvemento
From Wikipedia, the free encyclopedia
A bioloxía do desenvolvemento é o estudo do proceso polo cal os animais e plantas crecen e se desenvolven desde as súas etapas embrionarias, e é sinónimo de ontoxenia. Nos animais a maioría do desenvolvemento ten lugar na vida embrionaria, pero tamén se produce en procesos como a rexeneración, reprodución asexual e metamorfose, e no crecemento e diferenciación de células nai no organismo adulto. Nas plantas o desenvolvemento ocorre no embrión, durante a reprodución vexetativa, e no crcemento normal das raíces, talos e flores, gromos. Os resultados prácticos do estudo da bioloxía do desenvolvemento animal inclúen a fecundación in vitro, moi usada hoxe nos tratamentos de fertilidade, a comprensión dos riscos das substancias que poden danar ao feto (teratóxenos), e a creación de varios modelos animais para doenzas humanas, que son útiles en investigación. A bioloxía do desenvolvemento tamén axudou a xerar a moderna bioloxía das células nai, que promete ter moitos beneficios prácticos no campo da saúde humana.