From Wikipedia, the free encyclopedia
O rato da fraga (Apodemus flavicollis)[2] é unha especie de rato estreitamente emparentada co rato de campo, co cal foi moito tempo confundido, pero foi recoñecido como unha especie distinta en 1894. Diferénciase del pola súa banda de pelo amarelo arredor do pescozo e por ter orellas lixeiramente máis longas e un tamaño corporal tamén algo maior. Mide uns 100 mm de lonxitude media, pode gabear ás árbores e ás veces pasa o inverno nas casas. Atópase fundamentalmente en áreas montañosas do sur de Europa (incluíndo Galicia), pero esténdese ao norte ata partes de Escandinavia e Gran Bretaña. Pode contaxiar aos humanos un tipo de encefalite e unha febre hemorráxica causadas por virus dos que é reservorio natural.
Apodemus ponticus é probablemente un sinónimo de Apodemus flavicollis. O primeiro atópase en Rusia e a fronteira entre as áreas das dúas "especies" case coinciden coas fronteiras políticas entre Rusia e o resto de Europa. Actualmente acéptase que ambas son a esma especie.[3]
É moi similar ao rato de campo, pero diferénciase por ter un rabo e orellas algo menores e unha banda completa amarela na zona do pescozo.[4] A lonxitude do adulto de cabeza e corpo é de 89 a 133 mm cun rabo igual de longo, e o seu peso varía entre 28 e 43 g. A parte superior do animal é gris amarronada algo máis marrón que no rato de campo. As partes inferiores son brancas e hai unha liña de separación nítida entre as dúas zonas de cor. A parte superior dos individuos novos é máis clara que nos adultos pero tamén gris amarronada.[5]
O rato da fraga é nativo de Europa e oeste de Asia.[6] Vive nas partes máis montañosas de Europa occidental coa excepción do norte de Escandinavia, sur da Península Ibérica e oeste de Francia. Está incluído na Lista dos mamíferos de Galicia. Vive tamén en Gran Bretaña, mais non en Irlanda e está ausente tamén de moitas illas mediterráneas. En Asia, a súa área esténdese un pouco ao leste ata os Montes Urais e tamén se encontra en Turquía, Armenia, Irán, Siria, Líbano e Israel. É principalmente unha especie de bosque (de aí o seu nome), e a miúdo vive preto do límite do bosque, pero en rexións montañosas ocupa calquera parte do bosque. Encóntrase habitualmente en bosques de folla caduca maduros e en áreas arbustivas, setos, hortas e plantacións. Prefire áreas onde haxa grandes árbores con froitos que poida comer como carballos e abeleiras.[3] Tamén se atopa en parques e xardíns e ao lado de regatos beireados de amieiros.[5]
É activo todo o ano e non hiberna. Ás veces varios ratos apíñanse xuntos durante o inverno para conservar mellor a calor.[7] É excelente gabeando e movéndose en árbores e arbustos. Vive en gretas, toqueiras na base das árbores, buratos en troncos, troncos caídos ocos e caixas para a nidación de paxaros e ás veces entran en edificios. As toqueiras que fai son a miúdo extensas con moitas entradas e complexos deseños. Almacena grandes cantidades de alimentos como landras e froitos das faias en cámaras de almacenamento e usa outras cámaras para a cría, traendo material vexetal seco para forralas. Hai a miúdo moreas de terra fóra das entradas da toqueira. Tamén prepara despensas de alimentos en ocos de árbores lonxe da toqueira.[5][8] A sombra é moi densa baixo unha faia en verán e atopouse que os froitos desta árbore están agochados en escondedoiros feitos por este rato, e ás veces non son comidos máis tarde, polo que chegan a xerminar e isto axuda á dispersión da planta.[9]
É un animal nocturno. É activo no chan e na copa das árbores e ten un territorio de menos de media hectárea. Ademais de froitos secos, como xemas, brotes, outros froitos e plantas nacentes e ás veces pequenos invertebrados. A reprodución ten lugar entre febreiro e outubro con sucesivas preñeces en curtos intervalos. O período de xestación é duns vinte días e as femias poden volver a aparearse mentres aínda están alimentando a camada anterior. As camadas de crías nacen en cámaras de nidación forradas con plantas secas e constan de dous a once crías (normalmente cinco) altriciais que nacen espidas, cegas e indefensas. Os ollos das crías abren en dúas semanas e os seus colares amarelos son visibles nese momento como manchas grises. Son destetados aos dezaoito días de idade. Se nacen a principios do ano, poden empezar a reproducirse no mesmo ano, pero os que nacen máis tarde só chegan a estar sexualmente maduros na seguinte primavera.[7][8]
Son depredados por bufos, raposos, denosiñas e outros predadores. Poden choutar para evadirse dos atacantes e a pel do rabo depréndese doadamente se son agarrados po alí por un predador.[7]
Atopouse que o rato da fraga pode transmitir o flavivirus que causa a encefalite transmitida por carrachas, pero eles son inmunes a ese virus.[10] Tamén se observou que o rato da fraga xunto con Apodemus agrarius son o resevorio natural do virus Dobrava (un hantavirus), que causa unha forma grave de febre hemorráxica por hantavirus con síndrome renal en humanos.[11][12]
Ten unha ampla área de distribución e é común en hábitats axeitados para el. En Europa oriental, rexistráronse densidades de ata cen individuos por hectárea. A poboación é estable e non se enfronta a ameazas específicas, polo que a IUCN incluíuno na lista de especies "pouco preocupantes" da súa Lista vermella de especies ameazadas.[3]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.