Rato de campo

especie común de roedor múrido From Wikipedia, the free encyclopedia

Rato de campo

O rato de campo (Apodemus sylvaticus) é unha especie común de roedor múrido de Europa e o noroeste de África. Está estreitamente relacionado co rato da fraga (Apodemus flavicollis), pero diferéncianse en que non ten unha banda amarela arredor do pescozo, ten orellas e un tamaño xeral menores. Mide como media uns 90 mm de lonxitude. Encóntrase na maior parte de Europa, onde está moi estendido e é común, é comensal dos humanos e ás veces considérase unha praga.[1]

Dente incisivo superior cunha superficie interna lisa, o que diferencia o rato de campo do rato doméstico
Máis información Apodemus sylvaticus, Estado de conservación ...
Apodemus sylvaticus
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Rodentia
Familia: Muridae
Xénero: Apodemus
Especie: Apodemus sylvaticus
Mapa de distribución de Apodemus sylvaticus (en verde)
Mapa de distribución de Apodemus sylvaticus (en verde)

Mapa de distribución de Apodemus sylvaticus (en verde)
Pechar

Características

O rato de campo é un pequeno roedor, duns 8 a 10 cm de lonxitude, máis outros 8 a 10 incluíndo o rabo. Este está desprovisto de pelo e sempre é igual ou maior que o resto do corpo. A coloración do animal é avermellada-amarelada na parte superior, mentres que o ventre é abrancazado e o límite entre as cores está claramente delimitado. O macho adoita ser maior que a femia, aínda que non se pode considerar que exista dimorfismo sexual. Os ollos son grandes e escuros, a cabeza é grande e alongada e as orellas tamén son máis grandes, o que posibilita a súa diferenciación dos rato do xénero Mus.

Hábitat

Thumb
Ilustración titulada "Harvest, Wood Mouse" da obra "British Mammals" de A. Thorburn, 1920

O rato de campo habita en bosques, praderías e campos cultivados. Ocupa un amplo espectro de ecosistemas, e pode estar presente tanto en zonas semiáridas próximas ao mar coma a alturas que roldan os 1800 metros en zonas de clima temperado e húmido. É máis frecuente en ambientes con moderada cobertura vexetal arbórea ou arbustiva, porque así corre menor perigo de depredación, aínda que tamén está en zonas descubertas como pasteiros ou marismas, onde é unha especie estacional. As zonas de vexetación moi vizosa tampoco lle son favorable, xa que se beneficia de áreas de ecotono.

É case totalmente nocturno e terrestre, escava toqueiras, constrúe niños con plantas e pode vivir en edificios durante as estacións duras. É unha das especies máis intensamente estudadas do seu xénero.

En Europa a súa área chega polo norte á parte sur de Escandinavia e polo oleste a Ucraína. Tamén se encontra no noroeste de África e en moitas illas mediterráneas.[2]

Comportamento

Os ratos de campo comen principalmente sementes e froitos,[3] especialmente sementes e froitos de árbores como carballos, freixos, estripeiros e sicómoros. Se estes alimentos abundan no chan, transpórtanos aos seus niños e toqueiras para almacenalos. Comen pequenos invertebrados como caracois e insectos, especialmente ao final da primavera e inicios do verán cando hai máis alimento. Tamén consomen bagas e outras froitas e raíces. Os froitos secos recentemente afectados polo rato de campo poden identificarse por presentaren unha coroa nun dos seus vértices e un corte redondo, o que está causado polo costume de agarrar os froitos coas extremidades dianteiras ao consumilos mentres os apoia no peito. Os incisivos van deixando as marcas características mentres o animal xira o froito, ata que consegue facer unha abertura dabondo grande como para sacar a semente de dentro do froito. Comparten cos lagomorfos o costume de inxerir as feces da nai cando son novos, para así ter unha fonte de vitamina B12 e de flora bacteriana que lles posibilite dixerir a celulosa.

É depredado por unha gran variedade de animais, como rapaces diúrnas e nocturnas, mamíferos carnívoros e ofidios, e tamén por garzas ou xabarils.

Durante os meses máis fríos non hibernan; porén, durante as estacións invernais duras caen nun torpor, unha diminución na actividade fisiolóxica. Son principalmente activos durante a escuridade, e son moi bos gabeadores. Cando buscan comida, recollen e distribúen visualmente obxectos conspicuos, como follas e ramiñas, que usan como marcas para guiarse nas súas exploracións.[4] Para evitar a predación, adoita buscar comida en sitios pequenos cubertos.[5]

Reprodución

O rato de campo ten unha estación reprodutora de febreiro a outubro na cal ocoren moitos apareamentos, e competición embarullada para aparearse. Porén, isto é variable e depende do clima. Tal comportamento característico ten como resultado nunha competición de esperma e camadas de varias paternidades. A sociedade destes ratos é polixínica e a copulación é o resultado desta competición durante os períodos reprodutores.

Unha observación interesante sobre a especie relativa aos machos é a morfoloxía dos espermatozoides. Teñen cabezas falciformes (con forma de media lúa ou fouce) despois da meiose e antes da espermiación. Teñen un gancho localizado no extremo da cabeza do espermatozoide. A tinguidura con ioduro de propidio revela que só a superficie basal do gancho é de orixe nuclear.[6] Eses ganchos apicais son despregados no tracto reprodutor feminino (o mecanismo responsable implicado é a remodelación dos filamentos de actina do gancho).[6] Os ganchos apicais despregados combínanse cos ganchos apicais e os flaxelos doutros espermatozoides. Os espermatozoides agréganse deste modo e forman "trens móbiles", que se determinou experimentalmente que posúen unha mellor mobilidade dentro do tracto reprodutor da femia que os non agregados.[6] A mobilidade destes trens móbiles está influenciada pola reacción acrosómica prematura, acto altruísta realizado por algúns espermatozoides que benefician a outros gametocitos xeneticamente similares. Este altruísmo segue un mecanismo de "efecto barba verde" no cal os espermatozoides distinguen a semellanza xenética dos que os rodean. Unha vez que se identifican os espermatozoides de xenotipos similares, os xenes para o altruísmo son activados para provocar unha resposta que busca conservar os xenes presentes na outra célula, mesmo se ten como resultado a destrución da célula que realizou a acción.

O período de xestación do rato de campo é de 25 ou 26 días e cada femia pare como media cinco fillos e xeralmente ten dúas camadas ao ano en niños construídos ou ocos en árbores ou entre rochas. A lactación dura tres semanas. A descendencia faise independente pasadas tres semanas e faise sexualmente activa despois de dous meses.

Subespecies da Península Ibérica

O rato de campo ten dúas subespecies na Península Ibérica. A subespecie A. s. callipides está distribuída na metade norte peninsular incluída Galicia, mentres que A. s. dichrurus, de menor tamaño e cor máis escura, encóntrase na metade sur e Mallorca e Menorca (en Eivisa e Formentera existen outrs dúas subespecies: A. s. eivissensis e A. s. frumentariae, respectivamente).

Galería

Notas

Véxase tamén

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.