Quíntuplo soberano
moeda de ouro británica / From Wikipedia, the free encyclopedia
O quíntuplo soberano é unha moeda de ouro británica co valor de cinco soberanos ou, o que é o mesmo, cinco libras esterlinas. Cuñouse de xeito intermitente desde 1820, aínda que como moeda destinada á circulación só en 1887, 1893 e 1902.
Quíntuplo soberano Xurxo III (1760-1820) [1] | |
---|---|
A/: Retrato laureado de Xurxo III cara á dereita. Marca de gravador (PISTRUCCI).
Lenda: GEORGIUS III D: G: BRITANNIARUM REX F: D: |
R/: San Xurxo a cabalo matando o dragón, cara á dereita. Marca de gravador (PISTRUCCI).
Lenda: (anepigráfica) |
|
A súa tipoloxía orixinal —que é a máis característica e a utilizada na maior parte da súa historia— representa no seu anverso a efixie do monarca reinante en cada momento e no seu reverso a imaxe de San Xurxo e o dragón creada polo artista italiano Benedetto Pistrucci en 1817 para a moeda dunha libra esterlina ou un soberano.
Malia non se ter iniciado a súa produción ata 1820, a peza de cinco libras foi unha das autorizadas orixinalmente no proceso de reforma monetaria coñecido como a Gran Recuñaxe de 1816. Con todo, esa primeira emisión de 1820 foi só a modo de proba e a súa tiraxe limitouse a pouco máis de dúas ducias de exemplares. A súa cuñaxe retomouse en moi pequenas cantidades en 1826, en 1829 e en 1839, esta última coa apreciada representación de Una and the Lion (galego: "Una e o león") de William Wyon, para conmemorar o ascenso ao trono da raíña Vitoria (1837-1901). Aínda que esta moeda estivo á venda durante case medio século na Royal Mint, crese que só se cuñaron 400 unidades.
En 1887, o quíntuplo soberano cuñouse por primeira vez para a súa posta en circulación ordinaria, e o mesmo sucedeu coas emisións de 1893 e 1902, aínda que en realidade foron poucos os exemplares que chegaron a circular. Os exemplares cuñados en 1911 só estiveron dispoñibles para a súa adquisición na Royal Mint como parte dun xogo de probas emitidas para os coleccionistas. Pola súa parte, os dous únicos exemplares cuñados como proba en preparación dunha futura emisión de Eduardo VIII (1936-1936) que non chegou a producirse, constitúen a maior rareza da serie do quíntuplo soberano: un deles vendeuse en 2021 por 1.654.000 libras esterlinas, o prezo máis alto pagado por unha moeda británica.
Aínda que practicamente toda a emisión do quíntuplo soberano se levou a cabo na Royal Mint, de Londres, en 1887 cuñouse tamén unha limitadísima tiraxe de tres exemplares en Australia, na Sydney Mint, para conmemorar o 50 aniversario do reinado da raíña Vitoria. En 1902, en Sydney realizouse unha nova cuñaxe de tres exemplares para conmemorar a coroación de Eduardo VII (1901-1910).
A partir de 1980, logo da decimalización do sistema monetario británico, a moeda de ouro de cinco libras continuou a cuñarse na ceca londiniense en diferentes ocasións para a súa venda a coleccionistas e como moeda de investimento. Aínda que xeralmente presenta o coñecido deseño de Pistrucci, emitíronse tamén versións conmemorativas, como en 2022, en memoria da morte de Isabel II (1952-1922), xa co busto do seu fillo e sucesor, Carlos III.