A pardela mediterránea[2], furabuchos mediterráneo[3] ou furabochos (Puffinus yelkouan) é unha especie de ave procelariforme da familia Procellariidae propia do Mediterráneo e mar Negro.
Puffinus yelkouan | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||
Vulnerable[1] | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
Puffinus yelkouan (Acerbi, 1827) | |||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||
Procellaria yelkouan Acerbi, 1827 |
Descrición
A pardela mediterránea ou furabochos é unha pardela de tamaño medio, que mide de 34 a 39 cm de longo e ten unha envergadura alar de 78 a 90 cm. Ten a plumaxe das partes superiores anegrada e a das inferiores branca, e é moi parecida ao furabochos atlántico, do que é moi difícil de diferenciar, aínda que non adoitan solaparse ns súas áreas de distribución.[4] Ao contrario, si coincide en gran parte do Mediterráneo occidental coa pardela balear, pero diferéncianse algo mellor porque esta última non é tan escura nas partes superiores, e ademais ten os flancos manchados, o que fai que o contraste entre as partes superiores e inferiores sexa menor.
Ten unha chamada repetitiva e prolongada que soa como "aii-h iich".
Taxonomía e filoxenia
A pardela mediterránea clasifícase no xénero Puffinus, que pertence á familia das pardelas (Procellariidae), unha das catro familias principais da orde Procellariiformes, xunto a Diomedeidae (albatros), Hydrobatidae (paíños) e Pelecanoididae.[5] Os procelariformes son aves mariñas que se caracterizan por ter bicos con tubos nasais sobresaíntes e ás longas e estreitas,[6] coas que voan planando sobre o mar longas distancias.
A pardela mediterránea foi descrita cientificamente polo naturalista italiano Giuseppe Acerbi en 1827,[7] como unha subespecie do furabochos atlántico, co nome de Puffinus puffinus yelkouan.[8] Posteriormente, escindiuse a pardela mediterránea nunha especie separada,[9][10] con P. y. yelkouan como subespecie nominal e contendo como outra subespecie a pardela balear (P. y. mauretanicus).[11] Mais as análises xenéticas indicaron que debían dividirse en dúas especies,[9][12] quedando Puffinus yelkouan como especie monotípica.[5][13]
As dúas liñaxes vivas de pardelas do Mediterráneo (a pardela mediterránea e a balear) probablemente se separaron antes do Plioceno (hai aproximadamente 2 millóns de anos), como indican as diferenzas xenéticas e os fósiles atopados en Ibiza de Puffinus nestori, de finais do Plioceno e comezos do Plistoceno, que puido ser o devanceiro directo das dúas especies actuais.[12]
Distribución e ecoloxía
É unha especie gregaria que se alimenta principalmente de peixes e luras. Segue os barcos cando descargan descartes de pesca. Distribúese por toda a cunca mediterránea e o mar Negro, e tamén, pero escasamente, pola costa atlántica. A pardela mediterránea cría en illas e cantís costeiros, especialmente no Mediterráneo oriental e central. A maioría pasa o invierno no mar, pero algúns exemplares migran ao océano Atlántico a finais do verán. Adoita aniñar en tobos e gretas que visita só pola noite para evitar a depredación das gaivotas grandes.
A súa principal ameaza é o crecemento das urbanizacións turísticas costeiras xunto aos seus lugares de cría, ademais dos depredadores introducidos polos humanos como os gatos e as ratas. Na illa de Levant da costa francesa, un dos seus principais lugares de nidación, os gatos matan miles de pardelas cada ano e estímase que de non se tomar medidas podería producirse a extinción local en varias décadas.[14]
O estudo dunha colonia de cría en Menorca concluíu que a súa variabilidade xenética era moi baixa, polo menos na poboación máis occidental, e historicamente a pardela mediterránea ten sufrido marcados descensos de poboación, polo que aínda que non está directamente ameazada a xulgar polo tamaño da súa poboación, podería ser vulnerable aos efectos adversos da endogamia.[15]
Ata 2014 a IUCN clasificábaa como especie baixo preocupación menor.[16] Pero investigacións máis recentes mostraron que era máis escasa do que se cría, polo que foi reclasificada co status de especie case ameazada en 2008,[17] e como vulnerable en 2012.[18]
Notas
Véxase tamén
Wikiwand in your browser!
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.