From Wikipedia, the free encyclopedia
Preity G Zinta[2], nada en Shimla o 31 de xaneiro de 1975, é unha actriz e empresaria india, coñecida intérprete de Bollywood. O seu xeito de actuar e o tipo de personaxes que interpreta contribuíu a modificar a percepción das heroinas dentro do cinema hindi e polo éxito que logrou en moitos dos filmes nos que actuou consagrouse como unha das actrices máis importantes do cinema indio actual[3][4].
Nome orixinal | (en) Preity Zinta (hi) प्रीति ज़िंटा |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 31 de xaneiro de 1975 (49 anos) Shimla, India (pt) |
Relixión | Ningunha en concreto[1] |
Altura | 1,62 m |
Peso | 52 kg |
Cor dos ollos | Marrón claro |
Cor do pelo | Cabelo castaño |
Actividade | |
Ocupación | actriz de cinema, produtor, escritora, columnista, modelo, actriz |
Período de actividade | 1998 - |
Familia | |
Cónxuxe | Gene Goodenough (2016–) |
Parella | Ness Wadia |
Premios | |
| |
|
Naceu nunha familia rajput da capital de Himachal Pradesh[5][6]. Seu pai, Durganand Zinta, era oficial do exército indio[7] e morreu nun accidente de coche, cando ela tiña 13 anos de idade, mentres súa nai, Nilprabha, que tamén ía no vehículo quedou gravemente ferida e permaneceu en coma durante dous anos. Esa traxedia levouna a madurar rapidamente[8]. Ten dous irmáns; Deepankar, o máis vello é oficial do exército, e Manish, o máis novo, vive en California[9]. Estudou nun internado católico en Shimla, e nesa época gustáballe a literatura, en especial William Shakespeare e a poesía, ademais practicou deportes, como o baloncesto[8].
Logo de rematar a secundaria foi ao St Beda's College en Shimla[7] e graduouse en literatura inglesa e despois fixo un mestrado en psicoloxía[10]. Realizou cursos de posgrao en psicoloxía criminal, pero máis tarde comezou a traballar como modelo, e o primeiro anuncio para a televisión fíxoo en 1996 para os chocolates Perk para despois aparecer en diversos catálogos e anuncios, incluíndo un para o xabón Liril[8].
En 1997 ao acompañar un amigo para unha audición coñeceu a Shekhar Kapur e este preguntoulle se ía á audición tamén, e ao cabo fíxoa e Kapur insistiu en que ela había ser actriz. En principio, ía debutar nun filme dos seus filmes, Tara Rum Pum Pum con Hrithik Roshan, pero cando se cancelou a rodaxe, Kapur recomendouna ao director Mani Ratnam que preparaba o filme Dil Se.. (1998)[10]. Entrementes Zinta comezou a rodaxe dun filme de Kundan ShahKya Kehna pero a súa estrea adiouse ata o ano 2000. O atraso doutra película, Soldier (1998) fixo que Dil Se.. fose o seu primeiro filme, no que actuou con Shahrukh Khan e Manisha Koirala. Interpretou a Preeti Nair, unha moza de clase media de Delhi e noiva de Khan. O seu papel aparececía 20 minutos en pantalla pero a súa interpretación destacou[8], fíxose coñecida a escena con Khan, na que lle preguntaba ao protagonista: "Es virxe?" e logrou unha candidatura ao premio Filmfare á mellor actriz secundaria. O seu primeiro papel como protagonista foi no drama de acción Soldier, que se converteu nun éxito comercial[11]. Logrou o premio Filmfare de 1999 ao mellor debut dunha actriz polas súas actuacións en Dil Se.. e Soldier[12].
En 1998 actuou por primeira volta nun filme non hindi, foi no filme telugu Premante Idera (1998) facendo parella con Venkatesh, e ao ano seguinte actuou noutro filme telugu Raja Kumarudu (1999), emparellada con Mahesh Babu[13]. En 1999 volveu ao cinema hindi e protagonizou con Akshay Kumar Sangharsh, un suspense dirixido por Tanuja Chandra e escrito por Mahesh Bhatt e no que interpretaba a Reet Oberoi, unha oficial da Oficina Central de Investigación (CBI) que se namora dun asasino que prendera a policía ao que lle daba vida Kumar[14]. Chandra achegarase a Zinta tras rexeitaren varias actrices a oferta de protagonizar este suspense pero Zinta viuno como unha oportunidade para ampliar o seu rexistro[15]. Sangharsh non foi un éxito de recadación, mais a actuación Zinta recibiu comentarios favorables da crítica[11][8][16].
No ano 2000 protagonizou o drama Kya Kehna que se converteu, de xeito inesperado, nun éxito de recadación[11]. Preity interpretou unha nai solteira e adolescente que loita contra dos prexuízos sociais, a súa actuación tivo un amplo recoñecemento do público e da crítica[8] e foi candidata á mellor actriz nos Filmfare e o papel de Zinta afortalou unha nova xeración de intérpretes que viña con forza e que rachaban cos estereopitos do cinema hindi, e indio en xeral. Tamén recibiu críticas positivas o seu papel principal na comedia romántica Har Dil Jo Pyar Karega e tamén nese ano actuou con Sanjay Dutt e Hrithik Roshan no drama de Vidhu Vinod Chopra Mission Kashmir que se localizou no val Caxemira co transfondo dos conflitos indo-paquistanís, a película sobre o terrorismo e o crime foi un éxito comercial e converteuse no terceiro filme indio por recadación[17]. O seu papel foi o de Sufiya Parvez, unha reporteira de televisión, e o amor adolescente de Roshan.
En 2001, emparellada con Sunny Deol, protagonizou o filme de acción Farz, a crítica reprobou a súa actuación e o filme non logrou o éxito comercial[18][11]. A estrea do drama familiar de Abbas-Mustan Chori Chori Chupke Chupke tornou unha das primeiras películas hindi en abordar a controvertida cuestión da xestación por substitución[19] no que Zinta interpretou a Madhubala, unha prostituta de bo corazón contratada como ventre de alugueiro[20]. Inicialmente remisa a participar na produción, ao cabo aceptou ao persuadila o director, e para preparar a súa interpretación visitou varios clubs e locais da zona de prostitución de Mumbai para estudar o argot e o comportamento das traballadores sexuais[21]. Os comentarios sobre a película foron variados pero a crítica loou unanimemente a súa actuación.[22][23][24] e recibiu a súa segunda candidatura á mellor actriz secundaria dos Filmfare.
A estrea do filme fora un ano despois do previsto por mor da detención do produtor Bharat Shah por relacións coa mafia, o que tivo ampla repercusión[25] así como o xuízo en 2003 no que Zita declarou como testemuña contra da mafia india e reafirmouse, ao contrario que varios dos seus compañeiros no filme[26], en que recibira ameazas de extorsión pola mafia durante a rodaxe[27], tras as súas declaracións déronlle protección de testemuñas e permaneceu sen actividade pública durante dous meses [28].
En 2001 actuou tamén nos filmes románticos Dil Chahta Hai e Yeh Raaste Hain Ke Pyaar. Nunha descrición da vida diaria da mocidade de clase alto, o filme de Farhan Akhtar Dil Chahta Hai é unha historia de iniciación na vida adulta que se ambienta no Bombai contemporáneo e que se centra nun importante período de transición na vida de tres amigos (Aamir Khan, Saif Ali Khan e Akshaye Khanna)[29] [30]. Zinta interpretou a Shalini, a moza pola que se interesa Aamir Khan e que vive un conflito polo seu próximo casamento cun home que non ama. A crítica recibiu ben a Dil Chahta Hai e sinalouse que abriu un novo campo ao presentar un retrato realista da xuventude india[30]. Foi candidata a mellor filme en hindi nos e recibiu o premio Filmfare da crítica a mellor filme[31]. O filme foi un éxito moderado de recadación, ben recibido nas grandes cidades pero fracasou no rural, o que se atribuíu a que reflectía un estilo de vida moi propio das grandes urbes[11] [32]. O drama romántico de Deepak Shivdasani Yeh Raaste Hain Pyaar Ke, no que tamén actuaban Ajay Devgn e Madhuri Dixit pasou inadvertido tanto para a crítica como para o público[33]. En 2001 realizou a súa primeira xira mundial, unha serie de concertos denominados "Craze 2001" ao longo dos Estados Unidos canda Anil Kapoor, Aamir Khan, Aishwarya Rai e Gracy Singh que se tiveron que cancelar ao pouco de principiar por mor dos atentados do 11 de setembro de 2001 pero que se mantiveron no Canadá[34].
En 2002 Zinta colaborou outra volta co director Kundan Shah e protagonizou o drama familiar Dil Hai Tumhaara, con Rekha, Mahima Chaudhry e Arjun Rampal[35]. Deulle vida a Shalu, unha filla adoptada que devecía por amor, un papel co se identificaba por mor da súa natureza rebelde[36]. Concibida para o lucimento da protagonista[37] Dil Hai Tumhaara non foi un éxito financeiro mais a súa interpretación recibiu de xeito unánime o encomio da crítica[11] [38]. Nese ano de 2002 participou no espectáculo "From India With Love" no Reino Unido, con Amitabh Bachchan, Aamir Khan, Shah Rukh Khan e Aishwarya Rai que se efectou en Manchester en Old Trafford e Londres en Hyde Park ao que acudiron máis de 100 000 espectadores[39].
Zinta protanizou os tres filmes indios con maior recadación indios de 2003: The Hero: Love Story of a Spy, Koi... Mil Gaya e Kal Ho Naa Ho[40]. The Hero, coprotagonizada por Sunny Deol e Priyanka Chopra, é un drama de acción que se centra nun axente secreto do servizo de intelixencia exterior da India (RAW) nunha misión de recollida de información sobre a actividade terrorista na fronteira de Caxemira[41] e Zinta interpreta a Reshma, unha aldeá caxemira que se namora do axente e torna parte da súa rede. O filme, que inclúe escenas de acción nunca vistos no cinema de Bollywood, converteuse no filme hindi máis caro que se producira ata entón[42][43] e malia ser o terceiro filme en recadación dese ano non chegou a recuperar os custos de produción[40][44]. O seu seguinte traballo foi en Armaan, canda Amitabh Bachchan e Anil Kapoor e que constituía o debut como director de Honey Irani, que concibiu un drama ambientado nun hospital que segue o labor do seu persoal e do seu director, o dr. Akash, que loitan con ardor para manter a institución financeiramente. Zinta interpretou a muller esquizofrénica de Akash, Sonia Kapoor, papel escrito especialmente para ela[45][46]. A película recibiu predominantemente críticas positivas e enxalzouse a súa actuación[47] e por ela recibiu candidaturas a mellor actuación nun papel negativo en diferentes premios, entre eles o Filmfare[48].
Despois actuou nun filme de ciencia ficción de Rakesh Roshan Koi... Mil Gaya sobre un mozo con discapacidade intelectual, que interpretou Hrithik Roshan, que entra en contacto cun alienixena[49][50]. Zinta encarnou a Nisha, unha moza coa que fai amizade Roshan e da que se namora e polo papel recibiu outra candidatura Filmfare, a mellor actriz[51][52]. A película foi un éxito de público e crítica, o máis popular do ano, así como o filme con maior recadación dos feitos por Zinta, con 680 millóns de rupias na India[53].
Kal Ho Naa Ho, un drama romántico ambientado en Nova York, foi a última aposta de Zinta de 2003; dirixido por Nikhil Advani, con guión de Karan Johar e coprotagonizado por Jaya Bachchan, Shahrukh Khan e Saif Ali Khan[54] a crítica recibiuno favorablemente e o público tamén ao convertelo no segundo máis visto tras Koi... Mil Gaya[40]. Internacionalmente tamén foi un éxito, ao pasar a ser o filme indio con maior recadación internacional con 11 millóns de dólares[55][56].
En 2004 fixo de Romila Dutta, unha xornalista de televisión, no drama bélico Lakshya de Farhan Akhtar emparellada con Hrithik Roshan. O filme estaba baseado nos acontecementos históricos da guerra de Kargil que en 1999 enfrontou á India e Paquistán, e a súa personaxe tomaba como base o de Barkha Dutt, a única reporteira feminina que cubriu o conflito[57][58]. A película foi un éxito de crítica pero a súa actuación non logrou a aceptación de traballos anteriores[59][60]e Lakshya non tivo o favor do público[11]. Para o papel protagonista do romance arraiano Veer-Zaara, o director Yash Chopra andaba na procura dunha actriz á que lle puidese mudar o aspecto e a personalidade e viu en Zinta esa oportunidade, que ata daquela encarnara personaxes occidentalizados e que para este filme tiña que lle dar vida a Zaara Haayat Khan, unha muller paquistaní afouta que mantén unha historia de amor co oficial indio Veer Pratap Singh (interpretado por Shahrukh Khan) ao longo de tres décadas entre dificultades e tribulacións[61][62]. Cunha estrea moi agardada, o seu lanzamento internacional fíxose ao grande, mesmo coa proxección no Festival Internacional de Cinema de Berlín, e dominou nos principais premios cinematográficos indios[63][64][65][66][67]. Cuns ingresos de máis de 940 millóns de rupias en todo o mundo, foi o filme hindi con maior recadación tanto na India como no estranxeiro[55]. A interpretación de Zinta esixía ter un bo dominio das sutiles diferenzas que tornaban o hindustano en urdú[10] e aínda que ilusionada estaba preopucada pola súa actuación mais finalmente o seu traballo resultou na súa cuarta candidatura ao Filmfare á mellor actriz[68][48] e a crítica rendeuse á súa execución [69][70][71] Veer-Zaara foi o segundo filme por recadación dos que protagonizara e o seu terceiro maior éxito en dous anos consecutivos[72]. Nese ano de 2004 realizou a súa xira internacional máis ambiciosa ao se unir a un grupo de estrelas (Shah Rukh Khan, Rani Mukerji, Saif Ali Khan, Arjun Rampal e Priyanka Chopra) no denominado "Temptation 2004" que percorreu 22 países e que se converteu no concerto internacional máis prominente de Bollywood[73][74].
En 2005 foi a estrea da comedia, filmada en 2002, Khullam Khulla Pyaar Karen que protagonizou con Govinda[75] e que recibiu críticas negativas e que fallou tamén na recadación[11] [76][77] Canda Saif Ali Khan protagonizou a comedia romántica de Siddharth Anand Salaam Namaste que foi a primeira longametraxe india en filmarse por enteiro en Australia e que se converteu no filme do ano de Bollywood con maiores ingresos no exterior, ao facer 200 millóns de rupias[78][79]. O filme conta a historia dunha parella de feito contemporánea e os seus conflitos por un embarazo inesperado. Zinta é Ambar Malhotra, unha moza moderna que deixa a súa India natal para levar a súa propia vida en Melbourne, como presentadora de radio e asemade estuda matemáticas[80]. Salaam Namaste recibiu críticas positivas e a interpretación de Zinta candidaturas á mellor actriz nos principais premios cinematográficos do país[81][48][82][83][84].
En 2006 continuou cos seus éxitos, protagonizou o drama de Karan Johar Kabhi Alvida Naa Kehna con Shah Rukh Khan, Rani Mukerji, Abhishek Bachchan e Amitabh Bachchan.[11][85] que se converteu nun dos filmes indios con maior recadación con 635 millóns de rupias na India e 496 no estranxeiro, o meirande éxito de Bollywood no mercado foráneo ata entón[78]. A longametraxe centrábase en dúas parellas infelizmente casadas en Nova York, e Zita encarnaba a Rhea Saran, unha ambiciosa editora dunha revista de moda que conta cun marido que comeza unha relación cunha coñecida da parella[86]. A crítica amosouse moi dividida e polarizada[87] mesmo algúns críticos afirmando que o filme lle deu fastío[88]. Non obstante, ao cabo medios como Filmfare e Verve gabárono por rachar o estereotipo de como aparecían as mulleres casadas nos filmes hindi[89][90].
No musical romántico Jaan-E-Mann (2006) de Shirish Kunder encarnou a Piya, o albo de dous homes, Salman Khan e Akshay Kumar[91], nos Estados Unidos. O filme tivo críticas moi diversas e non funcionou ben nos cinemas[11]. Así e todo, recibíronse ben as interpretacións criticando a falta de substancia do filme[92]. Aínda menos éxito tivo o seu papel como Alvira Khan, unha británica de orixe paquistaní, na comedia de Shaad Ali Jhoom Barabar Jhoom (2007) que coprotagonizou con Abhishek Bachchan, Bobby Deol e Lara Dutta. A película foi un fracaso comercial e de crítica[11][93] e mesmo varios críticos censuran duramente a súa actuación[94][95].
Tras o fracaso dos seus dous últimos lanzamentos comerciais, Zinta decidiu aventurarse no que na India se coñece como cinema paralelo[96], filmes que inclúen filmes artísticos e independentes e así protagonizou con Amitabh Bachchan o seu primeiro filme en inglés, o drama The Last Lear (2007)[97]de Rituparno Ghosh, unha historia dentro dunha historia no que Zinta encarna a Shabnam, unha actriz loitadora que está a traballar nun novo proxecto cun actor shakesperiano (interprestado por Bachchan) no medio dunha turbulenta relación co seu posesivo marido. A estrea do filme foi no Festival Internacional de Cinema de Toronto de 2007 e tivo boa acollida[98] e logrou críticas positivas na India[99] aínda que houbo manifestacións contra dos diálogos en inglés por restarlle credibilidade[100]. O filme logrou o premio ao mellor filme en inglés nos 55 Premios Cinematográficos Nacionais da India[101].
En 2008 participou no filme de Samir Karnik Heroes (2008), un filme de estrada en tres capítulos sobre dous estudantes de cinema que como traballo final de graduación deciden realizar un documental e como parte dese traballo percorren o norte da India para entregar tres cartas escritas por soldados que perderan a vida durante o conflito de Kargin en 1999 ás súas familias. Zinta aparece no primeiro capítulo como a viúva de guerra de Salman Khan, Kuljeet Kaur, unha muller que torna o único sustento da familia e ha criar sen axuda a seu fillo. Para preparar o seu papel, Zinta asistiu a escola de formación actoral de Anupam Kher para aprender a dicción e as maneiras dunha muller punjabi[102] e malia a crítica non concordar na calidade do filme, si coincidiu en eloxiar a súa actuación[103].
Nese mesmo ano interpretou a protagonista, Chand, no filme de Deepa Mehta Heaven on Earth, un filme canadense en punjabi, un drama místico baseado na historia real dunha moza india que, logo dun matrimonio arranxado cun cidadán indio residente no Canadá migra a Toronto e convértese nunha vítima de violencia doméstica[104]. Para Zinta esta colaboración con Mehta supúxose un novo desafía como actriz[96] para se preparar leu diversos libros e varios documentais sobre violencia doméstica e aprendeu para o filme punjabi en menos de dous meses[105] e declarou que fora incapaz de desconectar emocionalmente do seu papel durante a filmación da película[106]. Heaven on Earth exhíbiuse primeiro en varios festivais cinematográficos e valeulle as mellores críticas da súa carreira [107] [108] [109][110][111] [112] [113] [114][115][116][117]. A súa actuación valeulle ser candidata ao Genie á mellor actriz [118][119].
En 2008 con Ness Wadia e Mohit Burman entre outros, Zinta fíxose cons dereitos de propiedade dun equipo de crícket de Mohali da modalidade Twenty20 da Indian Premier League (IPL)[120]. O grupo pagou 76 millóns de dólares para adquirir a franquía e adoptou o nome de Kings XI Punjab[121]Zinta foi ata 2009 a única muller en posuír un club da IPL, e foi o máis novo dos propitarios[122]. Centrouse totalmente co club [122] e tras Heaven on Earth tomou dous anos sen participar en ningún proxecto cinematográfico[123]. En 2011 debutou na televisión, como presentadora do show Guinness World Records – Ab India Todega de Colors Channel[124], unha versión televisiva india do Guinness World Records que se emitiu entre marzo e maio dese ano para finais dese ano presentou Up Close & Personal with PZ, un programa de conversas con colegas actores homes que se emitiu nos meses de setembro e novembro na nova canle UTV Stars[125].
Ademais en 2011 fundou a súa propia produtora, PZNZ Media[126] e dous anos despois, logo de numerosos atrasos, protagonizou o primeiro filme baixo a nova produtora, a comedia romántica do director Prem Raj Ishkq in Paris, coa que tamén colaborou no guión [127][128]. Unha coprodución franco-india na que Zinta facía dunha pariense metade india metade francesa e que tamén protagonizaron Rhehan Malliek e Isabelle Adjani. Para o papel Zinta tivo que aprender francés, seguir unha dieta estrita e realizar exercicios aeróbicos para o que contratou os servizos da adestradora de celebridades Tracy Anderson[129][130]. A película foi un fracaso de recadación e recibiu maioritariamente críticas negativas, aínda que a actuación de Zinta tivo críticas máis variadas[11][131][132][133][134]. En 2015 Zinta foi xuíza de talentos na sétima tempada do reality de baile de StarPlus Nach Baliye[135]. En setembro de 2017 Zinta converteuse en propietaria da franquía dos Stellenbosch Kings da surafricana Mzansi Super League[136][137]. En 2018 volveu ao cinema para protagonizar con Sunny Deol a comedia de acción Bhaiaji Superhit[138][139] que non logrou boas críticas[140]. En 2020 Zinta apareceu con Vir Das nun episodio da comedia de situación norteamericana Fresh Off the Boat titulado "The Magic Motor Inn".
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.