Porta da catedral de Santiago ao leste na cabeceira que vai dar á Praza da Quintana From Wikipedia, the free encyclopedia
A Porta Santa ou Porta do Perdón é unha das sete portas menores de que constaba orixinalmente a Catedral de Santiago de Compostela. Ábrese ó leste na cabeceira e vai dar á Praza da Quintana.
Inicialmente estivo dedicada a San Paio (cuxo convento está xusto en fronte), polo que tamén se coñeceu como Porta de San Paio. Na descrición da Catedral que fixo Aimery Picaud no Libro V do Códice Calixtino, escrito entre 1135 e 1140, explica que a basílica ten tres pórticos principais e sete pequenos: "Dos sete pórticos pequenos, o primeiro chámase de Santa María [...] o terceiro, de San Paio [...]" (López Pereira, 1993, pp. 128–129).
Chámase Porta do Perdón porque por ela entran na basílica os peregrinos durante o Ano Santo para gañar o xubileu,[1] é dicir, o perdón dos seus pecados grazas á indulxencia concedida polo papa Alexandre III na súa bula Regis aeterni de 1179.
A Porta Santa ábrese no deambulatorio, entre as capelas do Salvador, pola que se comezou a construción da Catedral en 1075, e a de San Pedro ou da Azucena.
Desde o 2004, é unha porta de bronce, obra do escultor santiagués Suso León e doazón da Cámara de Comercio de Compostela, que veu substituír a anterior, de Paco Leiro.[2] Na cara externa represéntanse as imaxes de Xesús, Santiago e outros peregrinos; na cara interna, seis escenas da vida do Apóstolo: como pescador no lago Tiberíades, escoitando a Xesús, evanxelizando en Galicia, a decapitación, a translación do seu corpo e o descubrimento do sepulcro polo eremita Paio e o bispo Teodomiro.
Flanqueando a Porta hai dúas esculturas do apóstolo Xudas Tadeo e do profeta Ezequiel (á esquerda e dereita, respectivamente, do espectador). Como as que están colocadas fóra, estas tamén proceden do coro pétreo do mestre Mateu.
Aínda que xa é común designar como Porta Santa a porta que se ve desde a praza da Quintana,[3] cómpre lembrar que a Porta Santa é a do interior, aberta no muro románico, e que esta da Quintana é unha antesala construída na segunda metade do século XVII dentro das reformas desenvolvidas por José Vega y Verdugo co obxectivo de homoxeneizar a fachada da Catedral cara a Quintana.
O cóengo Vega sostiña a teoría de que, sendo pola fachada leste por onde se achegaban á Catedral "todos cantos veñen a esta santa igrexa", o que se atopaban era "unha mala portiña metida nun estreito recuncho e uns catorce ou quince tellados que parecían capelas de forno", como resultado das reformas que se foran facendo na cabeceira da catedral ó longo dos séculos, abrindo novos espazos ben para culto, ben para cuarto da garda e servizos administrativos. Para argumentar ante o Cabido catedralicio a necesidade destas reformas -e mais outras na capela maior e na fachada do Obradoiro- presentou en 1657 un Informe o Memoria sobre as obras na Catedral de Santiago no que desenvolvía o proxecto de unificar a fachada leste facendo un peche homoxéneo desde a Torre do Reloxo. As obras comezaron a realizarse a partir de 1658, da man do arquitecto salmantino José Peña de Toro.[4] A reforma consistiu en construír un alto muro a todo o longo da fachada da Quintana, cunha balconada corrida rematada por altos pináculos. Este muro oculta a ábsida e absidiolas, aínda que asoman por riba, pero regulariza a estrutura da praza e consegue dotar á fachada dunha harmonía visual de conxunto. Simultaneamente, serviu para reconstruír a cara exterior da Porta Santa e abrir a Porta dos Abades (esta xa sobre a Quintana de Vivos).
No debuxo (de 1657) que nos deixou Vega y Verdugo do estado da fachada leste da Catedral antes das reformas propostas vese que a Porta Santa xa existía cunha estrutura semellante á actual, aínda que se observa que só estaba flanqueada por 12 estatuas. Descoñécese a data da construción desta porta externa pero sábese que as 12 figuras foron colocadas entre 1611 e 1616 para decorar a porta existente. En 1660, Peña de Toro comeza as obras nesta zona da fachada para darlle a forma actual, colocando as outras 12 figuras e os 4 floróns que encabezan os catro grupos escultóricos, pero a configuración definitiva débese a Domingo de Andrade cara 1694.
O pórtico, pechado por unha forte reixa de ferro, presenta a ámbolos dous lados vinte e catro figuras de profetas e apóstolos (entre eles o propio Santiago), que proviñan do antigo coro de pedra do mestre Mateu, construído para a Catedral cara 1200 e desmontado entre 1603 e 1604 por orde do arcebispo Sanclemente. As 24 figuras están distribuídas en 4 rúas de 3 corpos superpostos, cunha figura a cada lado.
Identificación dos santos da Porta Santa | |||
---|---|---|---|
1. profeta Miqueas; 2. profeta Oseas; 3. Samuel; 4. San Filipe apóstolo; 5. profeta Abdías; 6. San Tomé apóstolo; 7. profeta Malaquías; 8. San Marcos evanxelista; 9. profeta Xeremías; 10. apóstolo Santiago o Maior; 11. profeta Habacuc; 12. profeta Xonás. |
1. rei Salomón; 2. Moisés; 3. profeta Daniel; 4. profeta Isaías; 5. Aarón; 6. profeta Nahum; 7. San Lucas evanxelista; 8. profeta Axeo; 9. rei Saúl; 10. profeta Zacarías; 11. Santo André apóstolo; 12. Simón apóstolo. |
En 1694, Domingo de Andrade constrúe un segundo corpo sobre as 24 figuras anteriores, coroado coas imaxes de Santiago peregrino e dos seus discípulos Atanasio e Teodoro ao seu lado, obra de Pedro del Campo. Este programa iconográfico explica a denominación popular de Porta dos 27 sabios.[5]
A porta dá a un angosto corredor onde reciben sepultura os Abraldes,[6] que conduce á verdadeira Porta Santa pola que se entra ao deambulatorio.
A exposición ó exterior das esculturas, tanto ás inclemencias meteorolóxicas como á presión humana, foi a causa dunha progresiva deterioración, cunha forte erosión e perda dalgúns elementos, especialmente mans e narices. Estas agresións deberon comezar xa no momento do desmontado e reutilización na Porta, como o demostra a existencia de certos recortes laterais nalgunha figura para adaptala ó marco. Dous séculos despois, Pascual Madoz (1806-1870) relata que, a consecuencia da Primeira guerra carlista (entre 1833 e 1840), "las estatuas de la primera línea fueron decapitadas en una noche por el furor de la pasada guerra de sucesión", habendo constancia de que se repararon poucos anos despois.[7] En 1990, a cabeza do profeta Nahum -unha desas figuras da primeira liña' que xa foran decapitadas na guerra citada- caeu ó chan e rompeu, polo que tivo que ser substituída pola que hoxe se ve.[8] En 2007, un home que parecía non estar nas súas facultades mentais espiuse e subiu ata o alto da Porta, onde arrincou o báculo da figura de Santiago, no cumio, e causou pequenos danos noutras dúas estatuas.[9]
A Porta Santa está permanentemente pechada excepto os Anos Santos, durante os que permanece aberta para que entren os peregrinos no seu remate do camiño. A apertura da Porta ten lugar na tarde do 31 de decembro do ano anterior e volve pecharse o 31 de decembro do Ano Santo, seguindo un complexo e antigo cerimonial encabezado polas autoridades relixiosas e políticas.
Cando está pechada, a Porta está tapiada cun muro de pedra (pequenas pedras soltas, en equilibrio inestable) que queren simbolizar a dura peregrinación. No momento da apertura, a procesión encabezada polo o arcebispo achégase a ese muro desde a Quintana, o arcebispo golpéao tres veces cun martelo de prata e tras pedir permiso ó Apóstolo ordena que se abra a Porta. A seguir, os operarios derruban o muro desde o interior e, tras recoller os cascallos e limpar o chan con pólas de loureiro, a procesión entra na igrexa. É costume entre as autoridades que van entrando recoller algunha das pedras do chan.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.