Politeísmo
From Wikipedia, the free encyclopedia
O politeísmo (do grego πολύς "moito" e θεός "deus") consiste en crer e/ou adorar moitos deuses e divindades. Politeísmo[1] é toda aquela doutrina relixiosa que cre na existencia de múltiples deuses ou divindades organizadas nunha xerarquía ou panteón máis ou menos independentes.[2]
O politeísmo, pois, é unha construción relixiosa e un tipo de teísmo que contrasta co monoteísmo, a crenza nun deus singular. Os politeístas non sempre renden culto a todos os deuses por igual, pois poden ser henoteísta, que se especializan na adoración dunha deidade en particular. Outros poden ser politeístas kathenoteistas, que poden adorar deidades diferentes en momentos diferentes. Algúns cultos henoteísta terminaron sendo monoteístas co paso do tempo. Os deuses principais de cada panteón adoitan estar emparentados con relacións de parentesco.
A gran maioría das relixións son politeístas, aínda que o total de adherentes das tres grandes relixións monoteístas -chamadas abrahámicas: islam, cristianismo e xudaísmo -, as que afirman que só hai un só Deus, no presente supera o daquelas debido á forte expansión das relixións monoteístas, mediante o proselitismo e en bastantes ocasións a violencia, especialmente durante a Idade media. As divindades politeístas adoitan ter unha vinculación moi directa coa natureza, as actividades da vida cotiá ou os ciclos vitais (xeralmente as divindades relacionadas coa morte, o máis aló ou os defuntos teñen unha gran relevancia), que contrastan coa dimensión eminentemente trascendente do monoteísmo.[2]
O politeísmo era a forma típica de relixión durante a Idade de Bronce e a Idade de Ferro ata a Era Axial (período que transcorre entre o 800 a. C. e o 200 a. C.) e nalgúns casos sufriron un desenvolvemento gradual cara ao monoteísmo ou panteísmo e, en épocas máis recentes, o ateísmo racionalista. Está ben documentado nas relixións históricas da antigüidade clásica, especialmente o politeísmo grego e o politeísmo romano, e logo da decadencia do politeísmo grecorromano, nas relixións tribais como o paganismo xermánico ou a mitoloxía eslava. A propagación do concepto aparece ante a existencia das relixións monoteístas. De feito, as relixións antigas tiveron un compoñente moi político, e existían grandes panteóns de deidades asociadas coas tradicións de cada lugar. A maioría de relixións antigas eran politeístas e tiñan panteóns de deuses tradicionais, a miúdo acumulados durante os séculos de intercambios culturais e de experiencias locais.
As relixións politeístas actuais inclúen o hinduísmo, o xintoísmo, algunhas formas da wicca (unha relixión neopagá fundada por Gerald Gardner o 1930),[3][4] o vodú, a relixión popular chinesa, o druidismo, o taoísmo, o candomblé, thelema e a ásatrú. O budismo, o hinduísmo, e algunhas relixións neopagás son politeístas na medida que se trata dunha filosofía teolóxica que mantén a adoración de diversos aspectos da divindade. Algúns estudosos xudeus e islámicos ven a doutrina cristiá da trindade relacionada co politeísmo, un concepto que os cristiáns, en xeral, rexeitan enerxicamente.