Poliomielite
doenza infecciosa causada polo poliovirus / From Wikipedia, the free encyclopedia
A poliomielite, tamén coñecida como enfermidade de Heine-Medin, parálise infantil e máis comunmente pola súa forma abreviada polio, é unha doenza infecciosa causada polo poliovirus,[1] que nun 0,5% dos casos presenta debilidade muscular que da como resultado unha parálise fláccida,[1] proceso que pode tardar dende unhas poucas horas ata varios días.[1][2] Esta debilidade adoita afectar ás pernas, mais en casos menos frecuentes pode afectar ós músculos da cabeza, pescozo e diafragma.[1] Unha gran parte dos afectados pola doenza consegue recuperarse por completo.[1] De entre os que sofren debilidade muscular, entre un 2 e un 5% dos nenos e entre un 15 e un 30% dos adultos falecen.[1] Un 25% dos pacientes presentan síntomas menores como febre e gorxa irritada, mentres que ata un 5% presentan cefaleas, rixidez no pescozo e dores nos brazos e pernas.[1][2] Estes doentes con síntomas menores adoitan recuperarse nun período de entre unha e dúas semanas.[1] Ata un 70% das infeccións son asintomáticas.[1] Anos despois da recuperación pode aparecer a síndrome pospolio nalgúns pacientes, presentando un lento desenvolvemento de debilidade muscular semellante á que o doente sufrira durante a infección inicial.[3]
Poliomielite | |
---|---|
Persoa cunha perna atrofiada pola polio. | |
Sinónimos | Polio, parálise infantil |
Especialidade | Neuroloxía, infectoloxía |
Síntomas | Debilidade muscular que resulta nunha parálise fláccida[1] |
Inicio habitual | Dende poucas horas ata días[1][2] |
Causas | Poliovirus transmitido por vía fecal-oral[1] |
Diagnóstico | Detección do virus nas feces ou de anticorpos no sangue[1] |
Prevención | Vacina da polio[2] |
Tratamento | Coidados de apoio[2] |
Frecuencia | 42 persoas (2016)[2] |
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
O poliovirus adoita transmitirse de persoa a persoa por vía fecal-oral.[1] Pode espallarse tamén a través de comida ou auga que conteña feces humanas e de forma menos frecuente a través da saliva.[1][2] As persoas infectadas poden continuar sendo contaxiosas ata unhas seis semanas despois de resultar infectados, incluso se non presentan síntomas.[1] O diagnóstico realízase mediante a detección do virus nas feces ou a detección de anticorpos contra o virus no sangue da persoa infectada.[1]
A doenza pode previrse coa vacina da polio, malia que se precisan múltiples doses desta vacina para que resulte efectiva.[2] A axencia estadounidense CDC recomenda a administración de doses adicionais para aqueles que viaxan desde ou ata países con incidencias da doenza e para os residentes destes países.[4] Unha vez infectado non existe un tratamento específico para os doentes máis aló dun tratamento de apoio.[2] No ano 2016 rexistráronse 37 casos de polio silvestre e 5 casos de polio derivada de vacinación,[2][5] unha redución dende os 350 000 casos de polio silvestre rexistrados no ano 1988.[2] En 2014 só se tiña constancia do espallamento da doenza por contaxio entre persoas en Afganistán, Nixeria e Paquistán.[2] En 2015 Nixeria conseguira deter o gromo de poliovirus, mais tivo unha reocorrencia no ano 2016.[6][7]
A poliomielite coñécese dende hai miles de anos, con diversas representacións desta doenza na arte antiga.[1] Recoñeceuse por primeira vez como unha condición separada doutras en 1789, por medio do médico inglés Michael Underwood,[1] e o virus causante da doenza identificouno por primeira vez o inmunólogo austríaco Karl Landsteiner en 1908.[8] A finais do século XIX sucedéronse varias grandes epidemias en Europa e nos Estados Unidos,[1] e no século XX converteuse nunha das doenzas infantís máis preocupantes nestes territorios.[9] A primeira vacina da polio desenvolveuna Jonas Salk nos anos 1950.[10] A comunidade médica agarda que os traballos de vacinación e de detección temperá consigan a erradicación global da poliomielite no ano 2018.[11]