cantante de jazz estadounidense From Wikipedia, the free encyclopedia
Norma Deloris Egstrom, nada en Jamestown (Dacota do Norte) o 26 de maio de 1920 e finada nos Ánxeles o 21 de xaneiro de 2002, coñecida como Peggy Lee, foi unha cantante de jazz e de música popular estadounidense, así como compositora e actriz.
Lee foi citada como influencia por artistas tan diversos como Bobby Darin, Paul McCartney, Bette Midler, Madonna, k.d. lang, Elvis Costello, Dusty Springfield ou Dr. John. Como compositora colaborou co seu marido, Dave Barbour, Sonny Burke, Victor Young, Francis Lai, Dave Grusin, John Chiodini e Duke Ellington, quen afirmou:
Se eu son o Duke (duque), entón Peggy é a raíña
Como actriz foi candidata ao premio Oscar polo seu papel en Canción triste de Pete Kelly.
Lee era a máis nova de sete irmáns, e atopou na música un escape dos arrebatos da súa madrasta, Min. Comezou a cantar profesionalmente coa radio KOVC en Valley City, Dacota do Norte, e axiña tivo unha serie radiofónica propia co apoio dun restaurante local que lle pagaba o salario con comida. Durante a súa época no instituto aceptou todo tipo de traballos, dende camareira ata cantante noutras emisoras locais. A personalidade radiofónica Ken Kennedy, de WDAY en Fargo, Dacota do Norte[1] (a emisora máis oída do estado) cambiou o seu nome polo de Peggy Lee.[2] Cansa dos abusos da súa madrasta, abandonou o domicilio e viaxou aos Ánxeles aos dezasete anos.
Volveu a Dacota do Norte para que lle fixesen unha amigdalectomía e finalmente foi a Chicago para actuar en The Buttery Room, un club no Ambassador Hotel West, onde chamou a atención do clarinetista Benny Goodman. Uniuse á banda de Goodman en 1941 e permaneceu nela durante dous anos.[3][4]
A comezos de 1942, Lee conseguiu o seu primeiro número 1, "Somebody Else Is Taking My Place," seguido en 1943 por "Why Don't You Do Right?" (orixinalmente cantado por Lil Green), canción que vendeu máis dun millón de copias e a fixo famosa. Cantou con Goodman en dous filmes de 1943, Stage Door Canteen e The Powers Girl.
En marzo de 1943, Lee casou con Dave Barbour, guitarrista da banda de Goodman.[1] Cando Lee e Barbour deixaron a banda, a idea era que el traballase nos estudios e ela se dedicase ás tarefas domésticas e criar a súa filla, Nicki. Finalmente ela ocupouse na composición e en sesións ocasionais de gravación para Capitol Records en 1944, para quen produciu unha longa cadea de éxitos, moitos deles con letra e música de Lee e Barbour, incluíndo "I Don't Know Enough About You" e "It's a Good Day" (1946). Cando gravou o seu número 1 e récord de vendas de 1948 "Mañana", o seu retiro estaba esquecido.
En 1948 uniuse a Perry Como e Jo Stafford como unha das anfitrioas do programa musical da NBC Radio Chesterfield Supper Club.[5][6] Participou tamén regularmente no programa da NBC Jimmy Durante Show na temporada 1947-48. Deixou Capitol durante uns anos a inicios da década de 1950, mais volveu á compañía en 1957. Foi célebre a súa versión do éxito de Little Willie John "Fever",[5][6] á que engadiu as súas propias letras, e a súa interpretación do tema de Jerry Leiber e Mike Stoller "Is That All There Is?" A súa relación co selo Capitol abrangueu case tres décadas, xunto a un breve pero artisticamente rico período en Decca Records (1952-1956),[7] onde gravou un dos seus álbums máis aclamados Black Coffee (1956). Estando con Decca, Lee conseguiu grandes éxitos coas cancións "Lover" e "Mr. Wonderful".
Lee foi tamén coñecida como compositora de éxitos como as canción do filme de Disney Lady and the Tramp, para o que interpretou a voz e o canto de catro personaxes.[8] Entre os seus colaboradores escribindo cancións, ademais de Barbour, estiveron Laurindo Almeida, Harold Arlen, Sonny Burke, Cy Coleman, Gene DiNovi, Duke Ellington, Dave Grusin, Dick Hazard, Quincy Jones, Francis Lai, Jack Marshall, Johnny Mandel, Marian McPartland, Willard Robison, Lalo Schifrin, Hubie Wheeler, o guitarrista Johnny Pisano e Victor Young.
Nun momento en que a mocidade comezaba a afeccionarse ao rock and roll, ela foi un dos principais piares das gravacións de Capitol. Foi a primeira da "vella garda" en recoñecer ese novo xénero, como se evidencia nas súas gravacións de The Beatles, Randy Newman, Carole King, James Taylor e outros músicos. Dende 1957 ata o seu último disco para a compañía en 1972, normalmente producía dous ou tres álbums anuais, incluíndo estándar (a miúdo producido nun estilo diferente do orixinal), as súas propias composicións, e material de artistas mozos.
Lee foi candidata a doce Grammy, gañando o premio á mellor interpretación vocal pop feminina polo seu éxito de 1969 "Is That All There Is?". En 1995 recibiu o Grammy á carreira artística.
Escribiu entre outras as letras das seguintse cancións:
Lee tamén actuou en varios filmes. En 1952 traballou con Danny Thomas no filme The Jazz Singer, remake de The Jazz Singer e en 1955 foi unha abatida e alcoholizada cantante de blues en Canción triste de Pete Kelly, papel polo que foi candidata ao Oscar á mellor actriz secundaria.
Continuou a actuar na década de 1990, ás veces en cadeira de rodas,[9] cautivando o público e a crítica. Tras anos de mala saúde, faleceu a causa das complicacións dunha diabetes e dun infarto agudo de miocardio aos 81 anos.[10] Está enterrada no Cemiterio Westwood Village Memorial Park en Westwood, Os Ánxeles.[11]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.