pintor e poeta expresionista austríaco From Wikipedia, the free encyclopedia
Oskar Kokoschka, nado en Pöchlarn o 1 de marzo de 1886 e finado en Montreux o 22 de febreiro de 1980, foi un pintor e poeta austríaco, coñecido principalmente polos seus retratos e paisaxes expresionistas.[1]
Oskar Kokoschka naceu no seo dunha humilde familia dedicada á arte da ourivaría, que residía na pequena localidade austríaca de Pöchlarn, situada na ribeira do río Danubio. Como consecuencia do proceso de industrialización ao que estaba a ser sometida gran parte de Europa central por aquel entón, os seus achegados sufriron unha serie de graves problemas económicos que o levaron a tentar buscar unhas vías de renovación e reivindicación da fabricación artesanal.
Con dezanove anos ingresou na Escola de Artes e Oficios de Viena, lugar en que desenvolveu a súa preparación académica entre os anos 1905 e 1908. Durante o catro anos seguintes traballou conxuntamente co arquitecto e deseñador industrial Josef Hoffmann, quen creara unha serie de obradoiros caracterizados por desenvolver a súa actividade dun modo cooperativo. A partir do ano 1908, fíxose cada vez máis evidente a influencia que exercían sobre el personaxes como Gustav Mahler, Gustav Klimt e Sigmund Freud.
En 1908 publicou o seu primeiro libro de poemas, Die traumenden Knaben, ilustrado por el mesmo, que tomou a forma dunha fantasía adolescente que era demasiado pouco apropiada para un público mozo.[2] Nesta primeira obra aínda era posible advertir unha gramática lineal, plana e decorativa propia do movemento moderno vienés. Nese mesmo ano realizou unha serie de carteis e postais para a Wiener Werkstätte (Talleres de Viena), que foron expostos na Kunstschau vienesa,[3] xunto unha escultura e o libro Die Träumenden Knaben. Con todo, as súas obras foron moi mal acollidas por parte do público e da crítica, sentíndose estes sectores agraviados pola fortísima expresividade das súas creacións. A mesma reacción deuse cando estreou a súa obra teatral Mörder, die Hoffnung der Frauen ("O asasino, a esperanza das mulleres"), que foi a creación pioneira do expresionismo escénico.
En 1909 coñeceu o arquitecto Adolf Loos, quen lle ofreceu protección a cambio da súa arte, é dicir, estableceuse unha relación de mecenado. Despois de traballar en diferentes proxectos que lle foron encomendados por parte do seu protector (entre eles o seu primeiro retrato), Adolf Loos puxo en contacto a Oskar con Herwarth Walden, que era o fundador da revista expresionista Der Sturm. Con posterioridade, Kokoschka tamén se vinculou con Karl Graus e o círculo de Käthe Richter.
Frustrado polas malas críticas recibidas durante a súa estadía en Viena, o artista autríaco decidiu mudarse á capital alemá no ano 1910, coa axuda de Herwarth Walden. Na nova cidade dedicouse fundamentalmente a retratar as personaxes que estaban vinculadas á intelectualidade alemá e austríaca da época ata o estalido da primeira guerra mundial.
Entre os anos 1912 e 1915 mantivo unha relación sentimental con Alma Mahler, viúva do compositor Gustav Mahler, que acabou por romper trala fuxida de Alma ao temer o desenlace dun romance que por ocasións chegaba a rozar a tolemia. Unha vez acabada a relación, Kokoschka decidiu elaborar unha pintura que puxese de manifesto a forza do amor e a perduración deste a pesar das múltiples adversidades: A noiva do vento.[4] Así mesmo, encargou a fabricación dunha boneca de tamaño real. Aínda que intentaba simular a Alma e recibir o seu afecto, a boneca non satifixo a Kokoschka e destruíuna durante unha festa.[5]
Entre 1919 e 1924 foi profesor da Escola de Artes de Dresden.
Volveu a Viena en 1933 e despois da morte da súa nai, en 1934, exiliouse en Praga por razóns políticas. Alí coñeceu a Olga Palkovska, con quen contraeu matrimonio. En 1938, debido á ocupación nazi de Checoslovaquia, abandonou o seu estudio en Moldavia e fuxiu coa súa esposa a Londres (1938-53). En 1946 converteuse en cidadán británico e viaxou brevemente aos Estados Unidos en 1947.
En 1953, estabeleceuse en Villeneuve (Suíza), onde pasou os últimos 27 anos da súa vida. Ata 1978 non recuperou a nacionalidade austríaca.
A longa e axitada vida do pintor austríaco, expoñente do expresionismo, concluíu en Montreux, ao non superar un infarto de miocardio. O seu falecemento sobreveu mentres se atopaba ditando as súas memorias. Foi enterrado no cemiterio central de Montreux.[6]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.