célula xerminal feminina From Wikipedia, the free encyclopedia
Un ovocito[1] ou oocito[2][1] é un gametocito ou célula xerminal feminina implicada na reprodución. Trátase dun ovo inmaturo ou célula ovo inmatura. Orixínanse no ovario durante a gametoxénese feminina. As células xerminais femininas producen unha célula xerminal primordial que sofre mitose formando ovogonias. Durante a ovoxénese as ovogonias transfórmanse nos ovocitos primarios. Os ovocitos primarios chegado un momento da vida do individuo experimentan a meiose, orixinando ovocitos secundarios e estes despois óvulos. Un óvulo é un ovocito que completou a súa meiose e maduración.
Etimoloxicamente, ovocito significa célula ovo. Xeralmente se lle chama célula ovo ao óvulo, pero os termos ovo e célula ovo, ovocito e óvulo utilízanse ás veces con certa ambigüidade. Os ovocitos primarios e secundarios son denominados ás veces ovos ou células ovo inmaturas (aínda que só é haploide o secundario, polo que lle corresponde mellor a este último o termo). Os óvulos son ovos ou células ovo maduras ou ovocitos maduros nos que a meiose se completou totalmente, pero téñase en conta que o ovocito secundario humano permanece detido na metafase II meiótica ata que se produce a fecundación, e só no momento da fecundación completa o seu desenvolvemento; e aínda que cando o ovario dunha muller ovula dicimos que solta un óvulo, este é en realidade un ovocito secundario no estado que foi indicado, e o espermatozoide comeza a fertilización fusionándose con ese ovocito secundario, o que fai avanzar a meiose, a célula divídese, fórmase o segundo corpúsculo polar, e o que queda é o óvulo. Os cigotos son ovos ou células ovo fecundados cos pronúcleos masculinos e femininos fusionados ou en proceso de fusión.
Na meiose II e diferenciación desde ovocito secundario a óvulo fálase ás veces dunha fase intermedia chamada ovátida, pero esta non ten apenas relevancia nos humanos e menciónase máis ben para facer un paralelismo coas espermátidas masculinas (que duran máis e deben madurar) e poder comparar así as fases da ovoxénese e da espermatoxénese.
(Ver a sección "Meiose" máis abaixo).
A formación dos ovocitos denomínase ovocitoxénese, que é unha parte da ovoxénese.[3] Na ovoxénese orixínanse primeiro ovocitos primarios antes do nacemento, e despois ovocitos secundarios como parte da meiose e, finalmente, óvulos.
Tipo celular | ploidía/cromosomas | cromátides | Proceso | Tempo para completar o proceso |
Ovogonia | diploide/46(2N) | 4C | Ovocitoxénese (mitose) | terceiro trimestre |
Ovocito primario | diploide/46(2N) | 4C | Ovatidoxénese (meiose I) (Foliculoxénese) | Dictiato ou dictioteno (fase de repouso prolongado) en profase I ata a puberdade ou ata os 50 anos |
Ovocito secundario | haploide/23(1N) | 2C | Ovatidoxénese (meiose II) | Detido na metafase II ata a fertilización |
Ovátida | haploide/23(1N) | 1C | Ovatidoxénese (meiose II) | Minutos despois da fertilización |
Óvulo (ovo) | haploide/23(1N) | 1C |
O ovocito primario entra en meiose antes do nacemento, deténdose na profase I ata a entrada na puberdade (algúns seguirán nese estado durante décadas, conforme a muller vaia ovulando cada mes). Este período de detención chámase dictiato ou dictioteno. Trala reanudación da división, o ovocito primario aumenta de tamaño. Complétase a primeira división meiótica e orixínanse dúas células desiguais: o ovocito secundario, que recibe a maior parte do citoplasma, e o primeiro corpúsculo polar, célula pequena non funcional que dexenera axiña nos mamíferos. O ovocito secundario segue coa meiose II ata deterse na metafase II.
O ovocito secundario só recomezará a división meiótica se se produce a fecundación. Nese momento complétase a meiose, finalizada a cal se xera o segundo corpúsculo polar e o ovocito pasará a chamarse óvulo, estadio que tan só dura unhas horas ata a fusión dos núcleos de ambos os gametos, momento en que se denomina cigoto. Se non se produce a fecundación, a segunda división meiótica queda detida na metafase II e non se reinicia, e o ovocito acaba sendo absorbido e fagocitado.
Os ovocitos son ricos en citoplasma, o cal contén gránulos de vitelo (xema) para a nutrición da célula e das primeiras células embrionarias.
Durante o estadio de ovocito primario da ovoxénese, o núcleo celular denomínase vesícula xerminal.[4]
O único tipo normal humano de ovocito secundario ten sempre un cromosoma X no 23º par cromosómico, mentres que os espermatocitos poden ter cromosoma X ou Y.
Os ovocitos desenvólvense dentro de folículos ováricos. En zooloxía o espazo onde se localiza o ovo ou ovo inmaturo denomínase en certos casos niño celular.[5]
Como o destino dun ovocito é ser fecundado e finalmente crecer dando lugar a un organismo funcional completo, debe poder regular múltiples procesos celulares e de desenvolvemento. O ovocito é unha célula grande e complexa á que se lle deben proporcionar numerosas moléculas que dirixirán o crecemento do cigoto e embrión e controlarán as actividades celulares, que son subministradas pola nai. Como o ovocito é o produto da gametoxénese feminina, a contribución materna ao ovocito e consecuentemente ao ovo fecundado é enorme.
Durante o crecemento do ovocito, as células da nai proporcionan diversos ARNm transcritos pola nai. Estes ARNm poden ser almacenados en complexos de ribonucleoproteínas mensaxe (RNPm) e traducidos en momentos específicos, poden localizarse en determinadas rexións do citoplasma, ou poden estar espalladas homoxeneamente por todo o citoplasma do ovocito.[6] As proteínas descargadas pola nai poden tamén estar localizadas ou ser ubicuas en todo o citoplasma. Os produtos traducidos destes ARNm e proteínas descargadas teñen múltiples funcións, que van desde a regulación do mantemento da célula como a progresión do ciclo celular e o metabolismo, á regulación de procesos do desenvolvemento como a fertilización, activación da transcrición no cigoto, e a formación dos eixes corporais.[6] Debaixo hai algúns exemplos de proteínas e ARNm de herdanza materna que foron atopados en ovocitos do anfibio Xenopus laevis.
Nome | Tipo de molécula materna | Localización | Función |
---|---|---|---|
VegT[7] | ARNm | Hemisferio vexetativo | Factor de transcrición |
Vg1[8] | ARNm | Hemisferio vexetativo | Factor de transcrición |
XXBP-1[9] | ARNm | Descoñecido | Factor de transcrición |
CREB[10] | Proteína | Ubicua | Factor de transcrición |
FoxH1[11] | ARNm | Ubicuo | Factor de transcrición |
p53[12] | Proteína | Ubicua | Factor de transcrición |
Lef/Tcf[13] | ARNm | Ubicuo | Factor de transcrición |
FGF2[14] | Proteína | Núcleo | Descoñecido |
FGF2, 4, 9 FGFR1[13] | ARNm | Descoñecido | Sinalización FGF |
Ectodermina[15] | Proteína | Hemisferio animal | Ubiquitina ligase |
PACE4[16] | ARNm | Hemisferio vexetativo | Proproteína convertase |
Coco[17] | Proteína | Descoñecida | inhibidor BMP |
Gastrulación retorta[13] | Proteína | Descoñecida | Proteína de unión á BMP/cordina |
fatvg[18] | ARNm | Hemisferio vexetativo | Formación da célula xerminal e rotación cortical |
O ovocito recibe mitocondrias das células maternas, que controlan o metabolismo do embrión e os eventos apoptóticos.[6] A repartición das mitocondrias lévao a cabo un sistema de microtúbulos, que sitúan as mitocondrias ao longo do ovocito. En certos organismos, como os mamíferos, as mitocondrias paternas achegadas ao ovocito polo espermatozoide durante a fecundación son degradadas por medio da unión de proteínas ubiquitinadas. A destrución das mitocondrias paternas asegura a herdanza estritamente materna do ADN mitocondrial (ADNmt).[6]
Nos mamíferos, o nucléolo dos ovocitos deriva exclusivamente das células maternas.[19] O nucléolo, situado no núcleo, é a estrutura onde se localiza a transcrición do ARNr e se ensambla formando as subunidades dos ribosomas. Aínda que o nucléolo é denso e inactivo nun ovocito maduro, é necesario para o desenvolvemento correcto do embrión.[19]
As células maternas tamén sintetizan e contribúen cos ribosomas que cómpren para a tradución de proteínas antes de que se active o xenoma cigótico. Nos ovocitos de mamíferos, os ribosomas derivados da nai e algúns ARNm almacénanse nunhas estruturas chamadas entrramados ou redes citoplasmáticas (cytoplasmic lattices). Estes entramados son unha rede de fibrilas, proteínas, e ARNs, que aumentan en densidade a medida que decrece o número de ribosomas nun ovocito en crecemento.[20]
O espermatozoide que fertiliza aos ovocitos contribúe co seu pronúcleo, que é unha metade do xenoma do cigoto (a outra metade é a materna). Nalgunhas especies, o espermatozoide contribúe tamén cun centríolo, que axuda a formar o centrosoma cigótico necesario para a primeira división. Porén, nalgunhas especies, como o rato, o centrosoma enteiro é de procedencia materna.[21] Actualmente está a investigarse a posibilidade doutras contribucións citoplásmicas feitas ao embrión polo espermatozoide.
Durante a fertilización, o espermatozoide proporciona tres elementos esenciais ao ovocito: (1) un factor activador ou de sinalización, que causa que o ovocito que estaba dormente metabolicamente se active; (2) o xenoma haploide paterno; (3) o centrosoma, que é responsable de manter o sistema de microtúbulos.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.