político francés, presidente da República Francesa entre 2007 e 2012 From Wikipedia, the free encyclopedia
Nicolas Sarkozy (nome completo: Nicolas Paul Stéphane Sarközy de Nagy-Bocsa; nome familiar: Sarko), nado en París o 28 de xaneiro de 1955, é un político francés. Foi presidente da República Francesa de maio de 2007 ata maio de 2012.
Foi presidente do partido conservador Unión por un Movemento Popular (UMP), ministro de Estado, ministro de Interior e de Administración do territorio, ministro de Facenda, ministro de Economía, deputado polo departamento dos Altos do Sena, deputado europeo, presidente do consello xeral dos Altos do Sena, cónsul de Neuilly-Sur-Seine e conselleiro municipal de Neuilly-Sur-Seine.
Nicolas Sarkozy é fillo de Pál Sarkozy de Nagybocsa (Nagybócsai Sárközy Pál, en húngaro), nado en Budapest en 1928 no seo dunha familia pertencente á pequena aristocracia[1]. O seu título nobiliario ten a súa orixe nunha concesión de 1628 do Emperador Fernando II, Rei de Bohemia e Hungría, devanceiro seu, distinguido nas guerras contra os turcos.
En 1944, coa chegada das tropas soviéticas, a familia Sarkozy sufriu a expropiación das súas propiedades e foi forzada a marchar ao exilio. Daquela comezou unha longa etapa de peregrinación por Europa, que os levaría a Austria e Alemaña, onde Pál coñecería un recrutador da Lexión estranxeira francesa.
Decidido a vivir unha grande aventura, enrolouse por un período de cinco anos iniciando a súa carreira militar en Alxeria. Porén esta viuse truncada cando foi declarado inútil para ser enviado á Guerra de Indochina, e en 1948 é desmobilizado en Marsella. Unha vez en Francia, trocou o seu nome cara a un dunha aparencia máis francesa, trocando Nagybócsai Sárközy Pál (en húngaro o nome vai ao final), polo máis recoñecible Paul Sarkozy de Nagy-Bocsa. Alí converteuse en publicitario, e en 1949 casou con Andrée Mallah, filla dun cirurxián de París de orixe sefardí, e que estudaba Dereito.
En 1952 naceu o primeiro fillo da parella, Guillaume, futuro director de empresas do sector téxtil. Tres anos máis tarde, en 1955, naceu Nicolas. En 1958 naceu François, o terceiro fillo, futuro pediatra e investigador en bioloxía.
Durante a infancia de Sarkozy, o seu pai negouse a darlle ningún tipo de axuda económica á familia de quen daquela era a súa dona, incluso cando acabara de fundar a súa propia axencia de publicidade, conseguindo grazas a ela unha gran fortuna. A familia de Sarkozy vivía nunha pequena casa do seu avó materno, Benedict Mallah, no 17th Arrondissement. Máis tarde a familia mudouse a Neuilly-sur-Seine, unha das comunas (concellos) da rexión da Île-de-France ao oeste do 17th Arrondissement xustamente na fronteira de París. Segundo Sarkozy, o seu avó materno foi para el unha maior influencia co seu pai, a quen case nunca vía. O seu avó, un xudeu sefardí de nacemento, orixinario de Salónica, daquela parte do Imperio Otomán (Actual Grecia), converteuse ao catolicismo ao casar coa avoa de Sarkozy, unha francesa católica de nacemento, polo que este foi criado na fe católica do seu fogar. Nicolas Sarkozy, como os seus irmáns, foi bautizado e é un católico practicante. Sarkozy dixo recentemente que un dos seus modelos a seguir foi o falecido Papa Xoán Paulo II.
Paul, o pai de Sarkozy, non ensinou nin a el nin aos seus irmáns a lingua húngara. Non existen evidencias de que se tratase de educar os irmáns de Sarkozy no transfondo cultural do seu pai.
Sarkozy ten dito que o feito de que o seu pai o abandonase de pequeno influíu na persoa que é hoxe en día. Na súa infancia e adolescencia, sentiuse inferior con respecto aos seus ricos compañeiros.[2] Tamén sufriu de moitas inseguridades, debido á súa curta altura 1,65 m, ou ao nivel económico da súa familia (comparado cos seus veciños do Arrondissement ou Neuilly), e dise que lle garda rancor ao seu pai debido á súa ausencia. "O que me fixo ser quen son agora, é a suma de tódalas humillacións que sufrín durante a miña infancia".[2]
O 18 de outubro do 2007[3][4], o Elisio confirmou a separación de Sarkozy e da súa dona Cécilia tras longos meses de rumores públicos acerca deste desenlace. Segundo a súa avogada, Michele Cahen, presentouse ante un xuíz, quen lles outorgou o divorcio logo de 11 anos de matrimonio. A finais de 2007 comezou unha relación coa modelo e cantante Carla Bruni[5][6], coa que casou o 2 de febreiro de 2008[7].
O Elisio confirmou nun comunicado que o sábado 2 de febreiro de 2008, o matrimonio do Presidente da República con Carla Bruni coa seguinte frase: "A Señora Carla Bruni-Tedeschi e o Señor Nicolás Sarkozy anuncian que casaron esta mañá en presenza dos seus familiares e na máis estrita intimidade". Foi o alcalde do 8° distrito de París, François Lebel, quen se desprazou persoalmente ao palacio do Elisio para os casar. Trátase do terceiro matrimonio do Presidente, que foi o primeiro divorciado en ocupar o Elisio. Tamén cabe salientar que é o terceiro presidente de Francia que casou no Elisio dende Napoleón III en 1853.
Tivo dous fillos do seu primeiro matrimonio e un fillo coa súa ex-esposa Cecilia Ciganer-Albéniz, da que se divorciou en outubro, logo de once anos de matrimonio. É, así mesmo, o primeiro Xefe de Estado que se divorcia en funcións.
Carla Bruni, 40 anos, tivo un fillo, Aurélien, nado en 2002, co profesor de filosofía Raphaël Enthoven. É filla dun rico industrial italiano. Reconverteuse con éxito en cantante logo de ter levado unha carreira internacional de manequín durante os anos noventa.[8]
No académico, Sarkozy é licenciado pola Universidade de París X Nanterre e exerceu de avogado. Tamén estudou no Instituto de Estudos Políticos de París (máis coñecido como «Ciencias Po»), onde recibiu o título.
Sarkozy comezou a súa carreira política aos 22 anos, cando foi elixido concelleiro da cidade de Neuilly-sur-Seine. Despois foi elixido alcalde e exerceu o seu cargo de 1983 a 2002. En 1988 conseguiu acta de deputado do Parlamento Francés. Dende 1993 ata 1995, foi ministro de Orzamentos e portavoz do Executivo no gabinete de Édouard Balladur.
Durante a maior parte do inicio da súa carreira, Sarkozy foi visto como un protexido de Jacques Chirac. Con todo, en 1995, distanciouse de Chirac e apoiou ao Primeiro Ministro Édouard Balladur para Presidente. Despois de que Chirac gañase as eleccións, Sarkozy perdeu a súa posición como ministro de Orzamentos e atopouse afastado dos círculos de poder. Dise que Chirac considerou a Sarkozy como un traidor por estar á beira de Balladur.
No ano 2002, logo da súa reelección como Presidente da República Francesa, Jacques Chirac designou a Sarkozy como Ministro do Interior no gabinete de Primeiro Ministro Jean-Pierre Raffarin, a pesar da súa mutua desconfianza.
Despois da reorganización do gabinete o 31 de marzo do 2004, Sarkozy foi nomeado Ministro de Economía, Finanzas e Industria. Sarkozy aplicou unha política de liberalismo, pero con algunha intervención. En setembro do 2004, supervisou a redución dos accionistas do goberno en France Télécom do 50,4% ao 41%. Alcanzou un acordo segundo o cal a venda polo miúdo nas principais cadeas de Francia intentaría baixar os prezos ao detalle nunha media do 2%; o éxito desta medida é discutible, con estudos que suxiren que a diminución foi máis próxima ao 1%. Sarkozy evitou tomar unha decisión sobre o ISF (o imposto de solidariedade sobre a fortuna), que é considerado como un símbolo ideolóxico pola esquerda.
Dentro da UMP, continuaron as relacións tensas entre Sarkozy e Chirac ao coñecérense as intencións de Sarkozy de se converter no xefe do partido logo da dimisión de Alain Juppé. En novembro, logo das eleccións internas do partido, Sarkozy converteuse en líder da UMP, obtendo o 85% dos votos. Logo dun acordo con Chirac, dimitiu como ministro.
Despois de dimitir tamén como deputado, Sarkozy foi reelixido o 13 de marzo do 2005 na Asemblea Nacional.
Logo do fracaso do referendo da Constitución Europea en Francia e a dimisión do Primeiro Ministro Raffarin, Sarkozy volveu ocupar a carteira de Interior no novo goberno de Dominique de Villepin, o 31 de maio do 2005[9].
Accedeu á carteira de Interior cando Francia afrontaba problemas de orde, sociais e públicos. A súa política de «resistencia contra o crime», que incrementou a presenza da policía nas rúas, foi apoiada por unha banda da poboación. Con todo, algúns sentiron que se vulneraban os dereitos civís e perdeu apoio entre as capas menos favorecidas da sociedade. Outra crítica era que as accións de Sarkozy eran máis un espectáculo ca algo realmente eficaz. Cara ao final do seu ministerio, as súas decisións fixeran del unha figura polémica en Francia.
No 2004, Sarkozy publicou un libro chamado A República, as relixións e a esperanza onde dicía que os mozos non deberían ser educados unicamente en valores segrares ou republicanos. Tamén avogou por reducir a separación Igrexa-Estado, incluíndo subsidios a mesquitas por parte do goberno para axudar aos clérigos musulmáns a ensinar valores franceses.
O 6 de maio de 2007 gañou as eleccións presidenciais[10], converténdose en Presidente da V República o 16 de maio[11], con François Fillon como Primeiro Ministro.
Sarkozy viaxou a Berlín no seu primeiro día como presidente de Francia. Alí entrevistouse coa chanceler alemá, Angela Merkel. Ambos os dous mandatarios subliñaron a amizade franco xermana e o seu compromiso coa Unión Europea.
Durante o seu primeiro cumio do Consello da Unión Europea en xuño do 2007, Sarkozy participou activamente nas reunións que serviron para que se acadase un acordo entre os estados membros da Unión en torno ao Tratado de reforma institucional[12][13] O 14 de xullo seguinte tropas dos 27 países da Unión Europea desfilaron xuntas por primeira vez nos Campos Elisios de París con motivo da festa nacional francesa nunha cerimonia encabezada por Sarkozy[14].
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.